O Colexio de Xornalistas considera intolerable a multa á xornalista Mercè Alcocer

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) manifesta o seu total apoio á periodista de Catalunya Ràdio Mercè Alcocer, multada por desobedecer á Policía, supostamente, cando desenvolvía o seu traballo na Audiencia Nacional o pasado 10 de febreiro. 

A xornalista cubría unha información de indubidable interese público e só pretendía acceder a unha zona autorizada, segundo as súas declaracións. Este caso foi precedido polo do xornalista Axier López, a quen tamén se multou o pasado mes de abril con 601 euros por publicar a foto dunha detención “sen autorización”. 

A intolerable decisión da Delegación do Goberno de Madrid ampárase na Lei de Seguridade Cidadá, máis coñecida como “Lei Mordaza”, e supón unha proba máis de que as liberdades de expresión e información quedan inxustificadamente supeditadas a criterios que derivan nunha acción de censura arbitraria e inadmisible en democracia. Porque hai que lembrar que este tipo de sancións impóñense sen intervención da autoridade xudicial, malia que poden poñer en risco dereitos fundamentais.

O CPXG concorda plenamente na reprobación da lei manifestada reiteradamente por outros colexios profesionais, asociacións, sindicatos, xuristas, a ONU e organizacións como Reporteiros sen Fronteiras ou Amnistía Internacional. Igualmente, instamos ós partidos que obteñan representación nas próximas Cortes Xerais a que tramiten con urxencia a súa derrogación.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2016.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia