O Colexio de Xornalistas apoia as reivindicacións pola independencia e a produción propia da RTVE e contra as represalias ao Consello de Informativos

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia as mobilizacións do persoal de Radiotelevisión Española na súa defensa da independencia editorial, dos centros territoriais e da non externalización de contidos informativos. Tamén recoñece o labor e funcións dos Consellos de Informativos e rexeita a apertura de expedientes disciplinarios a sete dos nove membros do Consello de Radio Nacional de España logo de sinalaren casos de mala praxe.

Desde hai tempo, entre o persoal da radio e a televisión pública estatais vén aumentando o malestar pola crecente externalización dos contidos informativos, a través de programas de actualidade realizados por produtoras externas que evitan os estándares de calidade da produción propia e a fiscalización directa do Consello de Informativos. A realización o pasado luns dunha entrevista ao presidente do Goberno por parte dun destes programas e non dos servizos informativos da RTVE foi o último episodio dunha carreira externalizadora que só pode redundar no detrimento da información ofrecida á cidadanía. A dirección da corporación impediu a inclusión no Telediario do comunicado do Consello de Informativos rexeitando este feito, aínda que finalmente foi emitido noutra edición. 

A esta situación súmanse a ausencia dunha carreira profesional regulada e a falta de atención e recursos nuns centros territoriais e unidades informativas (especialmente na RNE, onde se eliminou a súa coordinación ao unificala coa da TVE), que corren perigo de ver como os seus contidos son tamén progresivamente externalizados, coa conseguinte perda de emprego xornalístico local, información de proximidade e calidade.

Pero aínda máis preocupante é o feito da apertura dun expediente disciplinario a sete miembros do Consello de Informativos da radio pública, a partir dun proceso que xa fora arquivado e por mor de accións encadradas no desenvolvemento das funcións que a lei estabelece para este órgano. Os Consellos de Informativos son os órganos internos de participación dos e das profesionais da información da Corporación RTVE para velar pola súa independencia e a obxectividade e veracidade dos contidos informativos, e como tales deben gozar de liberdade para exercer a súa fiscalización, sen enfrontaren represalias da dirección que vaian en contra da independencia da televisión e radio públicas. 

O Colexio de Xornalistas quere expresar o seu apoio ao cadro de persoal dos medios públicos nas reivindicacións que decidan seguir en protesta por esta situación, así como sumar a súa voz á reclamación dunha Radiotelevisión Española independente, obxectiva, sen represalias e con produción propia. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia