O Colexio de Xornalistas acolle con pesar a nova do pasamento de Luis Rial
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recibe con tristura a nova do falecemento do colexiado Luis Rial Suárez, figura histórica do xornalismo radiofónico en Galicia, e traslada as súas condolencias á familia e persoas achegadas.
Nado en Santiago de Compostela en 1942, Luis Rial Suárez comezou a súa carreira no xornalismo nos anos sesenta na Cadena SER, tras o que pasaría a traballar en Radiocadena Española e en 1973 como correspondente de Radio Nacional de España en Galicia. En 1985 é o primeiro locutor contratado pola recentemente creada Radio Galega, onde se convertiría nunha das voces máis recoñecidas e chegou a ser coordinador de reporteiros. Finalmente, a partir de 2013 dirixiu Estamos contigo en Radio Obradoiro, co que se logrou ser o xornalista radiofónico de máis idade en activo, e que duraría até o peche da emisora.
Membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia desde a súa fundación, Rial foi tamén asociado da Federación de Profesionales de Radio y Televisión de España e recibiu numerosos galardóns como o Premio de Xornalismo de Galicia en 1988, o Premio á Galeguidade en 1987, o Premio de Periodismo de Fexdega en 1989, o Premio Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico en 1999 ou a Medalla de Bronce de Galicia en 2004.
O velatorio de Luis Rial está a realizarse no Complexo Funerario Apóstol Santiago, na capital galega. A misa de corpo presente celebrarase hoxe ás 19.00 horas na capela do tanatorio e posteriormente será incinerado na intimidad familiar. O martes 9 terá lugar un funeral ás 18.00 horas na igrexa de Santo Agostiño de Santiago de Compostela. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar o seu fondo pesar polo falecemento deste compañeiro e trasladar o cariño de toda a profesión á súa familia e persoas achegadas.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia