O 'caso Rubiales' fai aflorar comportamentos sexistas nos medios
Desde que o presidente da RFEF, Luis Rubiales, bicara sen consentimento a xogadora Jennifer Hermoso na final do mundial feminino de fútbol, foron numerosas as voces que baixo o cancelo #SeAcabó denunciaron múltiplas facetas do machismo na nosa sociedade. Os medios de comunicación non foron alleos a este movemento e, desde tratamentos revitimizadores a abusos nas redaccións, os últimos días foron reveladas moitas prácticas que é necesario erradicar para conseguir un xornalismo e unha sociedade máis xustas.
A vitoria da selección española na copa mundial feminina de fútbol o pasado 20 de agosto veuse axiña ensombrecida pola actitude machista do presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, que cargou sobre os seus ombreiros a dianteira Athenea del Castillo e posteriormente bicou sen o seu consentimento a xogadora Jennifer Hermoso. O caso Rubiales, como se denominou posteriormente, desencadeou unha chea de condenas e pronunciamentos, vehiculados nas redes co cancelo #SeAcabó, co que moitas mulleres compartiron tamén historias de abusos sufridos en carne propia. A polémica chegou mesmo a ocupar portadas da prensa internacional e continúa hoxe cunha reacción que, ademais de seguir a reclamar a dimisión de Rubiales, vai moito máis aló na denuncia do sexismo no deporte e na sociedade en xeral.
Como non podía ser doutro modo, o mundo da comunicación non se viu alleo a este movemento. Do mesmo xeito que noutros acontecementos deportivos femininos, algunhas coberturas informativas do mundial foron cualificadas de sexistas, o que se fixo aínda máis grave co tratamento do comportamento de Rubiales. A Asociación de Mujeres Periodistas de Navarra / Nafarroako Emakume Kazetarien Elkartea denunciou nun comunicado a "mala praxe practicada por algúns medios de comunicación", que provocou a revitimización de Jennifer Hermoso. Mesmo un redactor do diario deportivo As dimitiu do seu posto en protesta por unha polémica portada sobre o caso.
Así mesmo, entre as prácticas machistas que revelou o movemento #SeAcabó saíron tamén mulleres que denunciaron as producidas no interior das propias redaccións, tanto as do xornalismo deportivo como a doutros tipos de información. Unha situación inaceptábel que xa fora denunciada noutras ocasións, mais que é preciso lembrar unha e outra vez en beneficio da busca da igualdade no ámbito do xornalismo e na sociedade en xeral. Como se pregunta a comunicadora Gemma Herrero: "Como iamos explicar a situación das futbolistas se nas redaccións estamos rodeadas de «Rubiales»?".
Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense sinalado en numerosas ocasións que a loita pola igualdade ten que comezar no seo das redaccións, apostando pola formación do persoal e pola incorporación da figura de correspondente de xénero que vele por un xornalismo con perspectiva feminista nas empresas. Moitas prácticas sexistas, desde a diferenza salarial a distintos tipos de abusos persisten aínda nos nosos medios de comunicación. Cómpre erradicalas definitivamente para garantir que se respecten os dereitos das xornalistas, máis tamén para contribuír a que o xornalismo que se realiza desde eses medios contribúa a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
CPXG