O 3 de marzo é o último día para propor candidaturas ao XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

Ás 14:00 horas do martes 3 de marzo remata o prazo para enviar candidaturas ao XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. Convocado polo Colexio de Xornalistas, este galardón recoñece o traballo dunha persoa ou organización destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha traxectoria profesional destacable libre e independente. 

Calquera membro do CPXG pode entregar unha proposta argumentada de candidato ou candidata para o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. Igualmente, calquera organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa proposta. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase a través do correo electrónico premioxornalistas@xornalistas.gal ou a través da web do premio.

Ata as 14:00 horas do 3 de marzo poderanse presentar as propostas, que se van anunciar como definitivas o martes 10 de marzo. Entre ese día e as 14:00 horas do martes 7 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, poderá votar as candidaturas a través da web do premio. Este proceso será recollido en acta polo secretario do premio, avalado por unha notaría e darase a coñecer publicamente. O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa non implica ningunha contía económica.

Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, outorgado polo conxunto de colexiados e colexiadas do CPXG, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. 

O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos, e baixo a denominación de Premio Couso foron tamén galardoados Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi; Marcos Méndez; Érika Reija; Manuel Rico; Lorenzo Milá; Defende a Galega; Julia Otero; Xosé Hermida; Miguel Ángel Aguilar; Jordi Évole; Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas; Mónica García Prieto; o Consello de Informativos de TVE; WikiLeaks; Daniel Anido e Rodolfo Irago; Rosa María Calaf; José Vidal-Beneyto; Jon Lee Anderson; Le Monde Diplomatique e Ali Lmrabet.

CPXG