O 12 de maio remata o prazo para presentarse ao Premio 'Somos Esenciais'

Ás 14.00 horas do martes 12 de maio remata o prazo para presentar candidaturas á sexta edición do premio 'Somos Esenciais', convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración de Gadis, que premia traballos xornalísticos de temática social publicados ou emitidos en Galicia no 2025.

O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', para publicacións en Galicia durante o 2025, ten como obxectivo recoñecer o labor dos e das profesionais da comunicación e a información social como vehículo condutor entre o que pasa na sociedade e a cidadanía, dando voz aos problemas dos axentes sociais e aos efectos que causan. A el poden presentarse todos os e as xornalistas e fotoxornalistas que publicaran información en Galicia ao longo do ano pasado.

As candidaturas deben presentarse antes das 14.00 horas do martes 12 de maio a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, e deberán estar acompañadas da ficha de inscrición, ademais do traballo en pdf, formato de imaxe ou arquivo de vídeo ou audio, segundo corresponda. De ser o caso, acompañarase tamén dunha ligazón para localizar o traballo na rede. Estabelécese un único premio de 2.000 euros, aínda que o xurado poderá facer tamén as mencións especiais aos traballos que considere oportunos. 

Máis información aquí