Novos retos para a liberdade de prensa

Arredor da celebración esta semana do Día Internacional da Liberdade de Prensa, o Consello de Europa e Reporteiros Sen Fronteiras publicaron senllos informes que alertan sobre as ameazas que está a sufrir a profesión na actualidade. As organizacións apuntan como principais riscos ás agresións, ao seguemento de informadores, á polarización, á concentración mediática e a precarización ou ás demandas slapp.

O Consello de Europa fixo publico o 27 de abril en Bruxelas o relatorio Defender a liberdade de prensa en tempos de tensión e conflito, realizado por 15 organizacións que traballan coa súa Plataforma para a seguranza dos xornalistas. O informe indica que “as luces vermellas están a pestanexar“, pois mostra un aumento alarmante dos ataques á liberdade de prensa. As alertas publicadas polas organizaciones membros da Plataforma no ano 2021 foron 282, o que supón un aumento do 41% fronte ao ano anterior, no que se rexistraron 200. Salienta ademais o feito de que seis xornalistas foron asesinados en Europa en 2021 mentres estaban a exercer o xornalismo, catro deles en ataques deliberados.

Desde o Consello de Europa indícase que algunhas destas alertas responden a medidas tomadas para combater a pandemia da COVID-19, que supostamente serían transitorias, mentres que outras poden reflectir fallos recorrentes nas "democracias imperfectas". No que fai a España, o relatorio recolle ataques a xornalistas tanto por parte de forzas da orde pública como no contexto de manifestacións, ameazas de morte a comunicadores e seguemento de informadores co programa Pegasus. 

Pola súa banda, Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) publicou o 3 de maio a vixésima edición da súa Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa, que avalía as condicións nas que se exerce o xornalismo en 180 países e territorios do mundo. A organización revela que o xornalismo actual está marcado por unha dobre polarización, amplificada por un caos informativo que favorece as informacións falsas e a propaganda: a polarización mediática, que crea fracturas dentro dos países, e a polarización dos Estados, a escala internacional, entre sociedades abiertas e réximes despóticos. A clasificación deste ano estrea nova metodoloxía, con cinco indicadores que dan unha visión da liberdade de prensa con toda a súa complexidade: contexto político, marco legal, contexto económico, contexto sociocultural e seguridade.

España retrocede tres posicións fronte á clasificación do ano pasado, situándose no posto 32, pero RSF indica que a implantación da nova metodoloxía obriga a interpretar estas variacións leves con precaución. A organización internacional indica que, malia a que se rexistraran menos agresións que outros anos, e que se estea a tramitar a posíbel derogación dos chamados delitos de expresión, o que penaliza a España é o contexto económico dos medios, tanto no que fai á excesiva concentración do mercado, como ás graves dificultades para pór en marcha un proxecto comunicativo e a grave precarización dos profesionais. Ademais, alerta do gran clima de polarización mediática, cuns medios de comunicación cada vez máis próximos a medios de opinión, e a proliferación das coñecidas como demandas slapp.

CPXG