Novos ataques ao segredo profesional mentres continúa a falta de regulación

A sentenza dun tribunal italiano instando a un programa informativo da Rai a revelar as súas fontes é o último episodio dunha serie de movementos en todo o mundo contra o segredo profesional no xornalismo. No noso entorno, tamén tiveron lugar nos últimos anos ataques contra a confidencialidade das fontes, unha situación agravada pola falta de desenvolvemento lexislativo do artigo 20 da constitución española. 

Hai varios días, a noticia de que un tribunal rexional italiano ordenaba a un programa da televisión pública Rai que revelase as súas fontes provocaba un escándalo entre a profesión dese país. Responsábeis do medio público declaraban que nunca entregarían as fsúas ontes e que recurrirían ante o Consello de Estado a sentenza, mentres que a Federazione Nazionale della Stampa Italiana e o sindicato de xornalistas da Rai Usigrai denunciaban nun acto conxunto o "clima pésimo para quen fai información".  

A sentenza italiana é só o último episodio dunha serie de ataques contra o segredo profesional e a confidencialidade das fontes a nivel internacional nos últimos tempos. Xa en abril do ano pasado, Reporteiros Sen Fronteiras alertaba do perigo que algunhas medidas contra a pandemia podían ter para o segredo profesional, e este mesmo mes saíra á luz que o goberno de Donald Trump obtivera os rexistros telefónicos de catro xornalistas de The New York Times. Mesmo nos países democráticos occidentais, a confidencialidade das fontes, esencial para garantir o dereito á información, sofre continuos ataques.

No estado español, o caso máis lembrado de ataque ao segredo profesional foi o da requisición de computadores e teléfonos móbiles das redaccións do 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe en decembro do 2018, ordeada polo xuíz Miguel Florit, que chegou a ser procesado por este feito, aínda que foi finalmente absolto. Pero non foi o único. Ese mesmo ano os xornalistas de eldiario.es Ignacio Escolar e Raquel Ejerique eran denunciados por Cristina Cifuentes e no xuízo enfrontáronse a un interrogatorio sobre as súas fontes ao que se negaron a responder. O caso foi arquivado a comezos deste ano, pero a ex presidenta madrileña recorreu o arquivo. En xullo do 2019 un xulgado de Ceuta tiña que impedir que a policía accedera ás mensaxes telefónicas dun fotógrafo colaborador de El Mundo, e en setembro dese mesmo ano acusábase de revelación de segredos a xornalistas que publicaran información sobre o sumario dos CDR e requeríaselles que desvelaran a orixe da información.

Son varios exemplos que denotan as dificultades causadas pola falta de desenvolvemento lexislativo do segredo profesional. En efecto, 42 anos despois de aprobada a Constitución, segue sen cumprirse o mandado do seu artigo 20, que estabelece que "A lei regulará o dereito á cláusula de conciencia e ao segredo profesional no exercicio destas liberdades". O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP), ao que pertence o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reclamaba en febreiro deste ano o Executivo e aos grupos políticos do Congreso dos Deputados que promovan unha lei reguladora do segredo profesional dos xornalistas. Un paso necesario para asegurar a liberdade de prensa e o exercicio da profesión xornalística no noso país.

CPXG