Notas á marxe, un proxecto cultural de xornalismo lento, gaña a sétima edición da Bolsa Nacho Mirás

A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu nesta sétima edición en Notas á marxe. Este é un proxecto articulado arredor dun podcast e unha newsletter que parten de produtos literarios para traballar coas súas ideas e promover o pensamento crítico, buscando favorecer a reflexión fronte á simple actualidade nun exercicio de "xornalismo lento", presentado por Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras.

O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis anunciou a súa decisión de premiar na edición de 2022 o proxecto denominado Notas á marxe, presentado por Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras. O xurado da bolsa, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, escolleu esta proposta de "xornalismo lento" entre as presentadas á esta sétima convocatoria. 

Notas á marxe parte dun produto literario, que tanto pode ser un libro, a letra dunha canción ou o texto dunha peza de teatro. A partir de aí, busca relacións con outras disciplinas que aborden a mesma idea para crear unha visión conxunta e completa. O obxectivo final é procurar reflexións, compartir ideas e, sobre todo, desenvolver o pensamento crítico. En canto ao formato, o proxecto articularase en torno a unha web que servirá para verter todos os contidos. Estes, á súa vez, faranse mediante dous formatos: un podcast mensual e unha newsletter quincenal. Entre as distintas temáticas que pretende abordar o proxecto encóntranse o aborto voluntario, a culpa, ou a representación e romantización do rural.

Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras, responsábeis do proxecto, acadaron o grao de Xornalismo neste mesmo ano 2022. Rodríguez Teiga ten experiencia como redactora e locutora en prácticas na Radio Galicia – Cadena SER, é colaboradora de Luzes e ten escrito nas seccións de cinema e literatura de Balea Cultural. Pola súa banda, Novo Castiñeiras traballou como redactora en prácticas en La Voz de Galicia, tanto na sección de cultura como na delegación da Coruña, e ten especial interese na parte máis visual da comunicación, como o deseño ou a ilustración.

O xurado estivo formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. 

A bolsa para xornalistas noveis leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020) e A Cousa e Zoom na Bagatela (2021).

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

CPXG