No cabodano de José Couso, o CPXG lembra que a liberdade de información segue a ser vítima dos conflitos bélicos

No décimo noveno aniversario do asasinato de José Couso, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase ás peticións de xustiza e lembra que as guerras seguen a estar marcadas polos crimes contra informadores e a impunidade. Desde que comezou a invasión rusa de Ucraína, sete xornalistas foron asasinados mentres informaban, aos que se suman outros sete mortos desde o inicio do conflito no Donbás. As candidaturas do Premio Couso de Liberdade de Prensa deste ano tamén ficaron marcadas polos ataques bélicos ao xornalismo, especialmente no caso de Pablo González, encarcerado en Polonia e para o que o CPXG reclama unha vez máis a súa posta en liberdade. 

Hoxe, venres 8 de abril, conmemoramos unha vez máis o cabodano de José Couso, de cuxo asasinato se fan xa dezanove anos. O cámara ferrolán foi asasinado o 8 de abril de 2003 xunto ao xornalista ucraíno Taras Protsyuk, cando o hotel de Bagdad que acollía á prensa internacional que cubría a guerra de Irak recibiu o disparo dun tanque do exército dos Estados Unidos. Ese mesmo día morría tamén o xordano Tarek Ayub nun ataque contra a oficina de Al Jazeera.

Case vinte anos despois, continuamos a ter que lembrar que o crime que acabou coa morte do camarógrafo segue impune, unha circunstancia que, lonxe de ser excepcional, se converteu case na norma nos asasinatos de comunicadores: só o 13% dos casos rexistrados pola Unesco nos últimos quince anos foron resoltos xudicialmente. O Colexio de Xornalistas súmase unha vez máis ás peticións de familiares e amigos do cámara ferrolán para esixir xustiza pola morte de Couso e a recuperación da xustiza universal na nosa lexislación. A impunidade dos crimes contra xornalistas deixa indefensos aos profesionais da comunicación, pondo en perigo así o dereito á información da cidadanía.

Hoxe, a actualidade está marcada por unha nova guerra, á de Ucraína, que segue a cobrarse as vidas de numerosos xornalistas. No pouco máis dun mes transcorrido desde que comezou a invasión rusa, Evgeny SakunBrent RenaudPierre Zakrzewski, Oleksandra KuvshynovaOksana BaulinaMaks LevinMantas Kvedaravičius foron asasinados mentres estaban a realizar o seu labor como informadores. A eles habería que sumar tamén outros sete comunicadores mortos no conflito entre Rusía e Ucraína desde o comezo da guerra no Donbás en 2014: Andrea RocchelliAndrei MironovIgor KornelyukAnton VoloshinAnatoly KlyanAndrey SteninSerhiy Nikolayev

Premio Couso de Liberdade de Prensa, organizado desde 2004 polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol para honrar a memoria do camarógrafo e que ten este ano como candidatos a Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija, dá boa conta de que o dereito  á información é unha das principais vítimas en calquera conflito bélico. Non só por medio do asasinato de xornalistas, a expresión máis cruenta dos ataques á liberdade de prensa, senón tamén con múltiplas trabas ao traballo de informar. Reija tivo que abandonar a correspondencia da TVE en Rusia logo da aprobación dunha lei que sanciona con até 15 anos de cadea a publicación de informacións que o goberno considere falsas. Pero máis grave aínda é o caso de González, encarcerado en Rzeszów (Polonia) baixo a acusación dun delito de espionaxe e que leva xa 40 días sen poder comunicarse coa familia nin ter asistencia legal. O Colexio de Xornalistas quere esixir unha vez máis, hoxe, a súa inmediata posta en liberdade. 

O aniversario da morte de José Couso é unha ocasión para lembrar cada ano a súa figura e seguir a reclamar xustiza para o seu asasinato. Máis tamén debe servirnos como un símbolo na defensa da liberdade de información en todo o mundo, e especialmente alí onde se estean a producir situacións bélicas. É preciso lembrar hoxe que os ataques á liberdade de información (e o asasinato de xornalistas non é senón a expresión máis sanguenta destes ataques) representan unha violación dos dereitos humanos de toda a sociedade. Outro máis dos múltiplos crimes que signigican as guerras.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia