Morre nun ataque en Etiopía o fotógrafo e 'fixer' catalán Toni Espadas
O fotógrafo Toni Espadas morreu este 20 de maio no sur de Etiopía nun ataque armado ao seu vehículo, presumibelmente un intento de roubo, cando estaba a traballar para a canle de televisión chilena Teletrece. Espadas, nado en Barcelona e radicado en Sabadell, era experto no continente africano e exercía de fixer para diferentes produtoras e medios de comunicación.
O fotógrafo e fixer Toni Espadas, experto en África, faleceu este luns 20 de maio preto de Jinka, en Etiopía, mentres estaba a gravar cun equipo da canle chilena Teletrece un episodio sobre a tribu marsi para o programa programa Socios por el Mundo. O vehículo que conducía Espadas, no que viaxaba xunto aos presentadores Francisco Pancho Saavedra e Jorge Zabaleta, foi atacado por dous delincuentes armados con metralletas, no que presumibelmente era unha tentativa de roubo, cando unha bala fortuita impactou na cabeza do fotógrafo catalán, que morreu minutos despois”. As autoridades etíopes están a investigar as circunstancias do ataque e o asasinato.
Nado en Barcelona en 1969, Espadas era responsábel xunto ao seu amigo Rafa Martín de Rift Valley, unha axencia de viaxes especializada en turismo responsábel en África con sedes en Sabadell e Adís Abeba grazas á que conseguiu unir o seu interese por África e pola fotografía. Ademais do seu traballo como fotógrafo, desde 2013 estaba a exercer de fixer para distintas produtoras e medios de comunicación, asesorándoos na realización de reportaxes e documentais sobre o continente africano. O Ministerio de Asuntos Exteriores e a Conselleria d’Acció Exterior da Generalitat de Catalunya están a realizar xestións para repatriar o seu corpo.
O pasado ano 2023, a Federación Internacional de Xornalistas documentou nove asasinatos de traballadores e traballadoras dos medios no continente africano, en Camerún (con dous falecidos), Lesoto, Malí , Mozambique, Nixeria, Somalia e Sudán (un cada un), ademais dunha morte accidental en Ruanda. No que vai deste 2004, os datos da federación recollen un reporteiro morto en Somalia, Abdukarin Ahmed Bulhan, mentres que Reporteiros Sen Fronteiras documenta dous asasinados en Sudán, Muhhamed Al-Arabi e Khaled Balel.
CPXG