Mónica Vila Ferreirós: "O único que queda é unha profesión que cada vez parece máis un gabinete de comunicación con condicións de traballo precarias"
A fotoxornalista Mónica Vila Ferreirós traballou na primeira liña da pandemia dende o seu comezo. Percorría as rúas, disparándolle á covid, cando a poboación estaba confinada. Corrían tempos difíciles, polo que fixo unha aposta en común xunto con outros colegas de profesión (Brais Lorenzo, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Miguel Muñiz e Miguel Riopa) para crearen unha memoria fotográfica desta crise en Galicia e hoxe anda metida noutro proxecto semellante con profesionais a nivel España. Nesta entrevista falamos sobre o estado de saúde do fotoxornalismo. Opina Mónica que hai escaseza de liberdade e de obxectividade ou que “as prexubilacións deixaron fóra aos profesionais máis experimentados e os temas de interese decídenos os “Gústame” da Internet”. Desprega argumentos coma o que podemos ler máis arriba, na cabeceira, que fai referencia a unha “profesión que cada vez parece máis un gabinete de comunicación con condicións de traballo precarias” pero que, aínda así, enche á nosa entrevistada de responsabilidade e orgullo.
–Como levas este ano de pandemia? Supuxo un freo na túa vida profesional ou, pola contra, un ano de traballo ao atoparnos diante cun tema tanto interese xornalístico?
Profesionalmente foi un ano diferente para min porque como son freelance o traballo baixou en volume pero por outro lado os ERTE nos medios a min déronme máis días de traballo ao ter que substituír os compañeiros en días de suspensión. Pero é certo que os xornais teñen moita menos demanda de fotografías porque a actividade institucional e os eventos reducíronse. Eu tiven sorte porque non só me dedico á fotografia de prensa, senón que fago tamén traballos para turismo e para axencias de comunicación.
–Dende marzo de 2020 ata hoxe pasaron moitas cousas. Na actualidade, cando miras a través do obxectivo, que ves?
O mundo que coñecemos non é o mesmo dende hai un ano, e os que nos dedicamos a observar e fotografar iso aínda o vemos máis claro. Teño a sensación de que tardaremos en vernos como antes porque no que vai de ano todo os cambios chegaron para quedar. Supoño que vivimos poucos anos e por iso nos custa adaptarnos aos cambios así de dramáticos, pero se pensamos nun fotógrafo que vivise durante a Guerra Civil, vería un mundo totalmente distinto antes e durante a guerra.