Mil primaveras máis para a información en galego

Cando se fan 147 anos do primeiro número de O Tío Marcos d'A Portela e 210 do primeiro escrito xornalístico en galego na Gazeta de Santiago, o Día dos Medios en Galego reivindica un ano máis a importancia da información nesta lingua. Tras décadas de conquistas e retrocesos, hoxe en día uns 140 medios seguen a proporcionar información no noso idioma.  

A celebración do Día dos Medios en Galego, estabelecida no día 7 de febreiro, conmemora a saída do prelo do número 1 de O Tío Marcos d'A Portela. Ese día de 1876, con esta publicación impulsada por Valentín Lamas Carvajal, que primeiro foi quincenal e logo semanal, vía á luz o primeiro medio integramente en galego. E facíao demostrando as posibilidades de facer información na nosa lingua, pois chegou a distribuír até 4.000 exemplares nas dúas etapas nas que saiu á rúa, entre o 1876 e o 1880 e entre o 1883 e o 1889. E aínda poderiamos dicir que o xornalismo en galego tiña daquela xa unha longa historia, porque se iniciaba hai agora 210 anos, cando a Gazeta de Santiago publicaba, o 5 de febreiro de 1812, unha carta ao director nesta lingua, asinada por Ramón González Senra, probablemente un pseudónimo.

Resulta evidente que o desenvolvemento do xornalismo en galego non sempre foi fácil. Pero con maior ou menor fortaleza, a información en galego seguiu abríndose paso e sobreviviu até hoxe. Algúns dos fitos principais que foron marcando a historia, lenta pero constante, do xornalismo no noso idioma foron as distintas etapas de A Nosa Terra; as emisións en galego da BBC a partir de 1947; o comezo da información televisiva nesta lingua no Panorama de Galicia en 1974; o inicio de emisións da Televisión de Galicia en 1985; a aparición do primeiro xornal en galego, O Correo Galego (logo rebautizado como Galicia Hoxe), en 1994; ou o nacemento do xornal dixital Vieiros en 1996. O galego conquistaba aos poucos o seu espazo na información. O comezo do novo milenio, porén, foi desesperanzador para o xornalismo en galego. En poucos anos, asistimos ao feche de cabeceiras moi relevantes como Vieiros, A Nosa Terra, Galicia Hoxe, A Peneira, GZNación ou De Luns A Venres, nunha crise dos medios en galego que se sumaba ás múltiplas crises do xornalismo nos últimos anos.

Máis a nosa lingua é teimuda e continúa a querer o seu espazo no ecosistema xornalístico. Hoxe, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) recolle até 140 medios que seguen a informar nesta lingua, e o número non parou de medrar nos últimos anos. O galego volve ter hoxe un xornal diario, Nós Diario, os medios públicos galegos seguen a ofrecer información audiovisual e ducias de cabeceiras escritas, radios (moitas delas agrupadas en Radiofusión) ou portais de internet manteñen acendida a chama da información nesta lingua. Grazas a eles (e na súa defensa) a AMEGA organiza neste 2023, como cada ano, o Día dos Medios en Galego, que este ano consistirá nunha conferencia de prensa o propio día 7 e un concerto de Grande Amore e Ortiga na Sala Capitol de Santiago o 9. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia congratúlase da boa saúde do xornalismo na nosa lingua e quere sumarse a esta celebración. Para que a información en galego teña mil primaveras máis. 

CPXG