Mazaricos recibe a visita dos obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

Un momento do obradoiro impartido este xoves

O CPI Plurilingüe da Picota acolleu na mañá deste xoves un obradoiro contra a desinformación, dentro do programa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que achega a alfabetización mediática aos centros de ensino medio coa colaboración da Deputación da Coruña. A xornalistas Elena Martín Lores forneceu ao alumnado deste centro de coñecementos para distinguir as loiadas e ferramentas para combatelas. 

Continúa a súa andaina o programa de obradoiros contra a desinformación en centros de ensino da Coruña, posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña. Na mañá deste xoves foi a quenda do CPI Plurilingüe da Picota, no Concello de Mazaricos, cuxo alumnado puido desfrutar dun taller, impartido por Elena Martín Lores, no que coñeceron ferramentas para detectar mellor as noticias falsas e poderen converterse en activos da loita contra a desinformación e quen a difunde. 

Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine. Como todas e todos os formadores, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

Obradoiros contra a desinformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática.  O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. No caso das e dos escolares de secundaria, a través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, poden coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers.

Esta nova etapa dos obradoiros na Coruña vén a complementar os realizados no ano 2025, que levaron o programa de alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao alumnado de Arzúa, Brión, Carral, Curtis, Melide, Oroso, Padrón, Santa Comba e Zas. Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Carmen Quintela Babío, María Selina Otero Verdes, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González.

CPXG