María Pardo trasladou ás reclusas o funcionamento da información xudicial nunha nova sesión de 'Aprendamos a ler a información'

O director do centro penitenciario Francisco González, a xornalista María Pardo, o decano do CPXG Francisco X. González Sarria e un traballador do centro

A xornalista María Pardo, xefa do gabinete de comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi a convidado este xoves de Aprendamos a ler a información, o programa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", que pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar a través de diálogos sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios de comunicación. A xornada estivo centrada na información xudicial e o seu traslado aos medios de comunicación. 

Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelecerase un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques. 

Nesta quinta xornada do programa, María Pardo explicou ás reclusas cales son as diferentes fontes mediáticas nas diferentes partes dun proceso xudicial e insistiu na necesidade de que os gabinetes de prensa institucionais, sexan do organismo que sexan, conten con persoal suficiente e cualificado: "A formación é imprescindíbel para poder ofrecer información de calidade, exacta e que respecte os dereitos das partes". Tamén esixiu formación para os xornalistas dos medios, que moitas veces traballan en condicións precarias e tendo que cubrir información de tribunais sen estar realmente preparados para iso, o que supón a publicación de informacións incorrectas por puro descoñecemento do sistema. Neste punto, comentou a existencia dalgún caso de mala praxe xornalística onde foi necesaria a colaboración de Colexio de Xornalistas para reverter a situación.

Pardo asegurou que "polo menos nos gabinetes de prensa do Poder Xudicial tentamos ser cada vez máis rigorosas con calquera tipo de información que poida afectar á intimidade das vítimas”, pero recoñeceu que "as fontes na información de sucesos e tribunais son moi variadas e non todas seguimos os mesmos parámetros". Por iso, ademais de explicar que tipo de información se facilita aos medios e á cidadanía en xeral por parte do gabinete de prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, interesouse pola imaxe que as reclusas tiñan dos xulgados a través da súa experiencia e da atención recibida.

María Pardo Ríos, é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e experta en comunicación e protocolo xudicial. Xefa do Gabinete de Comunicación e Protocolo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desde hai unha década, neste período organizou a difusión de información de xuízos cunha grande relevancia mediática, como os derivados dos accidentes do Prestige ou o Alvia, ou de crimes como o caso Asunta ou o caso Diana Quer. Ademais, é directora de cursos sobre comunicación xurídica e oratoria para membros da carreira xudicial, fiscal e forenses e formadora en proxectos de colaboración internacional da Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. Desde 2020, é representante da demarcación da Coruña no Pleno Territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

CPXG