Manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (C.P.X.G.) no Día das Letras Galegas-2000

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera que nesta data debe reflexionar públicamente sobre a situación do noso idioma, particularmente nos medios de comunicación, e por iso fai público o seguinte manifesto.
MAIS GALEGO NOS MEDIOS E EN GALICIA

"A conmemoración do derradeiro DIA DAS LETRAS GALEGAS do século XX, por riba das autocomplacencias oficiais e oficiosas, sitúanos diante da realidade dun idioma con moito camiño por percorrer para a súa utilización, normalizada, en tódolos ámbitos da expresión social.

Foron, certamente, moitos os pasos e os esforzos normalizadores acometidos desde o Rexurdimento, desde o tempo da senlleira figura de Manuel Murguía, xustamente homenaxeado este ano. Os máis deles con grande, exemplar e sacrificada dedicación personal en períodos escuros felizmente superados. Debemos recoñecer e agradecer eses esforzos.

E un feito tamén a nova realidade institucional derivada das conquistas democrática e autonómica, do exercicio e a defensa das libertades. O idioma propio de Galicia acadóu, dende a cooficialidade, status na esfera política, educativa, xudicial, etc, amais da literaria e conta dende hai uns anos co reforzamento e o espallamento derivados da súa utilización sistemática nos medios de comunicación de titularidade pública galega e coa valiosa aportación dalgunha iniciativa privada.

Pero sabemos ben que todo eso, sendo importante e significativo, non abonda nin garante por sí mesmo unha supervivencia de futuro en condicións axeitadas á demanda dos tempos.

Neste senso os esforzos institucionais da Xunta e das Administracións Públicas deberán intensificárense e aplicárense con criterios de coherencia e consciente compromiso verbo da utilidade do que é irrenunciablemente noso e segue a ser moi amplamente empregado na vida cotiá.

O ensino, a escola, deberán estar en condicións de asegura-la incorporación do galego ó imaxinario dos docentes e discentes en igualdade de condicións con outras linguas, necesarias asemade, nesta hora. Preocúpanos algún retroceso visible neste campo.

As empresas xornalísticas e de comunicación deberán facer seu este obxectivo, potenciando e ampliando a utilización do galego nos xornais, nas ondas, nos platós, nas pantallas e nos novos soportes tecnolóxicos.

Agora mesmo as cotas de utilización do noso idioma nos medios de comunicación son moi baixas -con algunha positiva excepción- e sitúanse lonxe dos niveis acadados hai pouco máis de vinte anos. Non debe ter xustificación este desapego do galego, máis ainda cando se desenvolve, en non poucas ocasións, parapetado en convenios e subvencións xenerosamente dotadas pola Xunta de Galicia -sen moito control, polo que se ve- para posibilitar un maior compromiso na utilización do noso idioma.

Neste punto chamamos tamén a atención dos/as xornalistas para que se convirtan en activos e conscientes protagonistas a favor do idioma e contra a súa utilización aproveitadamente hipócrita. Non debemos descarta-las nosas responsabilidades nin a autocrítica en relación co noso comportamento coas palabras nosas.

Pero debemos apelar tamén á sociedade galega, depositaria, herdeira e protagonista activa do cuidado, potenciación e espallamento deste tesouro lingüístico para que sexa máis consciente e esixente, máis crítica e reivindicativa nesta e nas outras manifestacións determinantes do seu xeito de estar no mundo.

Comprometida co seu idioma e consciente das súas posibilidades de expresión, a sociedade galega deberá reclamar avances na utilización do galego e mellores ofertas nos contidos ós que ten acceso.

Temos presente que non abonda só co emprego do idioma sen máis. Nun mundo intercomunicado sobre o que se precipitan tódalas incitacións posibles na información, na divulgación, na música, no ocio, na literatura ou no espectáculo mediático, debemos ser conscientes da necesidade de mellorar contidos, discurso e propostas programáticas en galego para poder competir e para pretender maiores cotas de aceptación e satisfacción.

Ese esforzo deberá dirixirse, moi especialmente, ós medios urbanos e ós ambientes da mocidade, alarmantemente distanciados do galego, a pesares de tratarse de xeracións con formación lingüística e literaria no noso idioma. As institucións, a escola, os medios de comunicación e as familias deben ser conscientes da prioridade deste obxectivo.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia está a falar neste día das posibilidades do noso idioma, riqueza que debemos, entre todos, defender e desenrolar como vehículo de expresión e de futuro. Coma calquera outra posibilidade expresiva que queiramos e poidamos facer nosa.

Nun mundo globalizador e globalizado deben cobrar maior presencia e protagonismo os referentes propios de cada pobo, nomeadamente o punto de partida que permite as primeiras verbas e abre as portas a tódalas demais, facendo posible o desenrolo da Cultura, a pulsión vital das sociedades, o curso da Historia.

Nesa globalización da diversidade chamámo-la atención sobre a necesidade das palabras galegas, do discurso galego, das propostas e as interpretacións galegas e en galego na seguridade de que este noso patrimonio e os nosos compromisos con él son necesarios, coma tódolos demais, para nós e para todos.

E a nosa unha pretensión aberta e integradora na confianza de que non debemos renunciar a nada e seguros de que, desde Galicia e en galego, é posible -ben o sabían os máis lúcidos devanceiros, Manuel Murguía entre eles- ir máis alá."

Santiago de Compostela 17 de Maio do 2000
Día das Letras Galegas