Luis Álvarez Pousa gaña o XXXIII Premio Xosé Aurelio Carracedo

Luis Álvarez Pousa, director de Tempos Novos, vén de gañar o XXXIII Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo, convocado pola Deputación de Ourense e en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que a partir deste ano recoñece a traxectoria profesional. A bolsa para o mellor estudante ourensan que iniciara a carreira de Xornalismo foi declarada deserta. 

O xurado do XXXIII Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo acordou conceder o galardón á traxectoria profesional ao xornalista ourensán Luis Álvarez Pousa (Trasmiras, 1948), pola súa longa e intensa traxectoria profesional, aínda en activo, "como formador das primeiras promocións de xornalistas galegos, o seu compromiso co xornalismo cultural e a súa capacidade para xerar pensamento e debate na sociedade desde a revista Tempos Novos, con 329 números consecutivos desde 1997". Álvarez Pousa foi membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia entre 2004 e 2012 e director do Observatorio dos Medios.

O xurado, presidido polo vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación da Coruña, César Fernández, estivo formado por Emma Torres, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Silvia Viqueira, da Asociación de Xornalistas de Santiago, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE); e José Manuel Rubín en representación do Colexio de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor do Gabinete de Comunicación da Deputación, Alberto Carnero.

O premio, que nesta edición inclúe unha dotación económica de 4.500 euros e placa de recoñecemento, será entregado no transcurso dun acto que organizará a Deputación de Ourense antes do remate do ano.

O xurado tamén acordou deixar deserta a concesión da Bolsa Xosé Aurelio Carracedo, cunha dotación de 3.000 euros, para o mellor expediente de entre os presentados ao certame polo estudantado ourensán que cursara o primeiro ano do grao en Xornalismo no sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023.

CPXG