Limpezas Salgado, Entrelampo e E.nova Enerxía, gañadores do Premio Manuel Beiras 2023

Os Premios Manuel Beiras de recoñecemento ao uso do galego no ámbito empresarial, en cuxo xurado participa o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entregáronse este luns 18 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Limpezas Salgado, Entrelampo e E.nova Enerxía, foron os galardoados nesta XXIV edición nas categorías de uso continuado do galego, nova incorporación e comunicación innovadora, respectivamente. 

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregaron onte os premios da vixésimo cuarta edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen o obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial e lembran a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García. O xurado dos Premios Manuel Beiras conta desde a súa creación no ano 2000 coa participación do Colexio de Xornalistas de Galicia, que estivo esta ano representado por David Lombao, membro do pleno territorial pola demarcación de Santiago.

Entre as empresas cun uso continuado do galego obtivo o premio Limpezas Salgado, da que se destacou a súa "inquedanza cultural" e que sexa unha empresa "moi implantada en Compostela", ademais da formación en galego que a propia firma ofrece ao persoal para facer "que o galego estea presente, nun contexto non sempre favorable". Na categoría de nova incorporación ao galego o galardón recaeu en Entrelampo, "unha iniciativa cooperativa que introduce a responsabilidade social como valor de base". O xurado valorou o seu labor levando "o produto de proximidade ao mercado, cunha coidada comunicación de marca, desde o rural compostelán á vez que visibiliza e xera emprego para as persoas con problemas de saúde mental". Finalmente, na categoría de empresa cunha comunicación innovadora, o premio distinguiu a E.nova Enerxía, "unha empresa con asentamento e capital galego que amosa a súa sensibilidade lingüística nun sector dinámico e en crecemento, mais habitualmente alleo ao noso idioma",

Os galardóns foron entregados nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago, ao que asistiu Moncho Paz en representación do Colexio de Xornalistas. O lema da edición deste ano foi "En galego, naturalmente". 

CPXG