‘A Cousa’ e ‘Zoom na Bagatela’ obteñen a bolsa Nacho Mirás
A bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu nesta sexta edición en A Cousa, unha revista lifestyle en liña, e Zoom na Bagatela, un espazo de difusión dos contidos culturais e artísticos galegos. O xurado destacou o especial interese de A Cousa pola definición do proxecto e as súas posibilidades de continuidade.
O xurado da bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, anunciou a súa decisión de premiar na edición de 2021 os proxectos denominados A Cousa, presentado por Xulia Lomba Fernández, Yaiza López Otero, Beatriz Gutiérrez Caneda e Aida Vilariño García; e Zoom na Bagatela, de Raúl Novoa González e David Ferreiro Pérez. O proxecto máis valorado nesta edición por parte do xurado foi A Cousa, tanto pola súa formulación como polas posibilidades de desenvolvemento no futuro.
A Cousa é unha revista lifestyle en liña que pretende facerse un oco no mundo da información e do entretemento galego, xirando arredor de nove áreas: música, literatura, arte, arquitectura, moda, gastronomía, deporte, saúde e política. Empregando as redes sociais como proxector do seu contido e priorizando o xornalismo mojo para sincronizarse con elas, A Cousa pretende afondar en diversas temáticas, incluso tabús, que preocupan á mocidade galega, cun discurso feminista, sen posición política e interxénero. Tamén quere afondar na problemática duns lyfestyle que na meirande parte dos casos empregan discursos sexualizado, ao igual que artigos elitistas que ofrecen como positivo aquilo que non todo o mundo pode permitirse. A Cousa non quere excluír a ninguén, aínda que estará especialmente enfocado á xeración Z nunha era post covid-19.
Apostando por un formato audiovisual, Zoom na bagatela é un proxecto multimedia e transmedia que pretende visibilizar a creadores de contidos culturais e artísticos de Galicia. A idea é crear un espazo de difusión, crítica e análise para este tipo de temáticas, normalmente non tratadas polos medios máis tradicionais. Deste xeito, este novo medio de comunicación explotaría os novos formatos xurdidos coas redes sociais para achegar este tipo de contidos á xuventude, ao mesmo tempo que serviría para dar a coñecer aos representantes e ás novas promesas do panorama cultural galego. A intención é abranguer a industria cultural en xeral, dende a música até a cultura máis urbana, pasando polos diferentes tipos de baile ou disciplinas artísticas coma a pintura, a escultura ou o deseño de moda. Sempre cunha narrativa orientada á xuventude.
As integrantes de A Cousa son todas graduadas en Xornalismo pola USC, nas promocións que van do 2018 ao 2021. Xulia Lomba Fernández, ten experiencia en medios escritos como El Correo Gallego e actualmente traballa no departamento de Extensión Audiovisual da CRTVG. Especializada en deseño gráfico, Yaiza López Otero forma parte actualmente do equipo de Tempo Real da CRTVG. Aida Vilariño García está tamén formada tamén no ámbito da moda e o protocolo e a comunicación e traballa no departamento do Tempo da CRTVG, mentres que Beatriz Gutiérrez Caneda ten experiencia en medios escritos como Sermos Galiza ou Galicia Confidencia e forma parte do equipo de Extensión Audiovisual da CRTVG. Todas elas se dedican á realización de vídeos para as redes sociais.
Pola súa banda, David Ferreiro Pérez e Raúl Novoa González coñecéronse realizando o grao de Xornalismo da USC na promoción 2015-2019. Ferreiro Pérez ten ademais o mestrado en Radio organizado pola Fundación COPE xunto á Universidade CEU San Pablo, colaborou con medios dixitais como o diario Vavel, realizou prácticas en El Progreso, e puxo en marcha xunto a compañeiros de estudos o portal Mundo Esférico, que continúa en funcionamento. Novoa González estudou o máster de Documental e Reportaxe Xornalístico Transmedia da Universidad Carlos III, estivo vencellado ao grupo de xestión de contidos de O Salto Galiza,co que aínda coolabora e fixo prácticas no Faro de Vigo e no Galicia Confidencial. Actualmente, é bolseiro de adaptación de contidos xornalísticos a redes sociais en elDiario.es.
A bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis apoia proxectos xornalísticos de novas e novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.. Nas anteriores ediciones foron premiados os proxectos MediaMapa.Gal, Punto e volta, Feira, Pícaros.gal, Entrelinguas e éDeporte. O xurado estivo formado formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
CPXG