A alfabetización mediática do Colexio trasládouse a Pedrafita e Monforte

Obradorio realizado o xoves 22 de outubro en Monforte

Os obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación de Lugo continuaron a súa andaina a pasada semana cun obradoiro o mércores 21 de outubro en Pedrafita do Cebreiro, da man de Carmen Abuín, e outro o xoves 22 ás 20:00 en Monforte de Lemos, impartido por Pilar Rodríguez. 

O mércores 21 de outubro a alfabetización mediática do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chegou até os Ancares. A partir das 11:00 da mañá, a Casa da Cultura de Pedrafita (Avenida de Castela, s/n) acolleu un novo obradoiro contra a desinformación, no que a poboación da montaña puido acceder a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas. A formación estivo impartida pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas. 

Ao día seguinte, xoves 22 de outubro, foi a Casa da Cultura de Monforte de Lemos (Praza de España, 3) a que recibiu, ás 20:00 horas, unha nova xornada de alfabetización mediática, dirixida tamén dirixida a fornecer de estratexias para distinguir a verdadeira información e converterse nun actor máis da loita contra as noticias falsas e o dano que producen na nosa sociedade. Neste caso, a encargada da formación foi Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros contra a desinformación, Abuín González e Rodríguez Losada recibiron formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG