Isabel Bravo: "Dirixir 'El Coruñés Opina' era un desafío, pero despois, collino con gusto e con moito agradecemento, era todo un orgullo"

Foto: Lucía Junquera

Non chega á crise dos corenta, porque pon fin á súa vida laboral con 39 anos na súa folla de servizo. Isabel Bravo (Guipúscoa, 1962), é xornalista porque —calquera oínte pode aseguralo— non podía ser outra cousa. A súa vida laboral estreouse en Radio Coruña e alí pon o punto final. Esta con- versa prodúcese no estudio onde cada domingo presenta e dirixe o programa máis lonxevo da radio galega, e dos máis veteranos a nivel estatal, A Coruña opina. Os seus ollos brillan cando lembra a celebración do cincuenta aniversario de emisión do espazo que ocupa o mediodía do domingo herdado de Cándido Barral. 

Aí repasa unha carreira que deixa un sabor de boca doce e que sempre tivo o xornalismo local como eixo de conexión coa xente e coa súa cidade, A Coruña. Os recoñecementos recibidos na súa traxectoria, os premios  da UXT Día Internacional
da Muller Traballadora e o Primeiro de maio, o IV Premio CHUAC, o galardón do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, ou o “Somos Esenciais”, do Colexio de Xornalistas e Gadis, son proba do seu bo facer ante o micrófono. O seu ton afable non se perde nin cando toca falar de cuestións duras, como a desigualdade ou a precariedade do xornalismo, onde se molla sen esquivar ningún charco. Esa perseverancia e honradez fan que ninguén se resista a coller o teléfono cando do outro lado sae o seu nome. E, xenerosa, lémbranos os moitos nomes de compañeiras que faltan neste libro e que deberían estar. Porque Isabel Bravo tamén opina.

Estamos nun espazo que para ti ten un significado especial e, ademais, nun momento de cambio. Onde estamos e que significa este lugar para ti?

Estamos na emisora da Radio Coruña, asociada á Cadena Ser. Aquí, desde o principio do principio, está a miña vida profesional. Son 39 anos que xa cumprín, que se di pronto. Desde ese momento e ata agora, con ese cambio e esa aventura vital diferente, podo dicirche que estou súper satisfeita co oficio, por todo o que me permitiu vivir, por todas as persoas que tiven a sorte de coñecer, que foron moitas, por todo o espírito que ronda e que rodea o mundo da radio. Porque sempre tiven moi claro que a radio era o meu medio natural. Cando acabei COU, tiña claro que quería ser xornalista. Dentro do xornalismo, a información.  E dentro da información,  era a radio. Tíñao clarísimo. E despois de tantos anos, sigo pensando que foi un acerto. Porque sigo vivindo a profesión con paixón, sigo tendo ganas de traballar e de contar o mellor posible o que pasa ao redor, coas trabas que presenta a vida e o propio oficio, pero intentando ser honesta e honrada coa información e co traballo.

É difícil imaxinarte noutra profesión. Ti naces en Guipúscoa. Fálame desa nena, se quería ser xornalista.

Eu nacín en Azpeitia, efectivamente, despois a familia veu para Galicia, de onde eran os meus pais. Pero para nada, o tema do xornalismo non temos ningún antecedente na familia. Si que tiña claro, a medida que ía avanzando nos estudos, naquela época, BUP, era que o tema do xornalismo me gustaba. Non foi ata esa etapa en que se acendeu esa luz e que dixen, por aquí. E non había outra alternativa! Tíñao clarísimo.

E fúcheste a Madrid.

Fun a Madrid para estudar na Facultade de Ciencias de Información, na rama de Imaxe e Son. E en canto tiven a oportunidade de facer as primeiras prácticas, alí na Emisora da Facultade de Ciencias de Información... Que é o edificio máis feo, por certo! Gris, de cemento...  E despois, en quinto, fixen as primeiras prácticas aquí, no verán, e xa quedei. Ía facer os exames a Madrid e volvía. Foi grazas a xenerosidade do meu xefe, do meu director Ángel Gómez Hervada. E desde aquela ata agora! Non me arrepentín en absoluto desa elección.

Nesa etapa de formación, ti tiñas referentes? E tiñas referentes femininos?

Os referentes a nivel local, aquí, eran todos masculinos, porque eran os que saían en antena. Cándido Barral, Paco do Campo, especialmente, despois xa en Cadena [SER], evidentemente, Iñaki Gabilondo, o meu mestre, sempre será o mestre. Non tiña referentes femininos, esa era a verdade. Despois si: Pepa Bueno, Àngels Barceló, Gemma Nierga, que me encanta a súa forma de facer radio; por suposto, Julia Otero... En fin, aí xa había un abano amplo. En verdade, cando eu empecei, sendo sincera, os referentes que tiña a nivel local tamén na cadea eran homes. 

E chegas aquí, comezas co xornalismo local e quedaches enganchada ao xornalismo local?

Totalmente. Máis: na radio, nesta radio, nesta emisora; é a miña segunda casa, é a miña familia.

Que ten tan potente o xornalismo local que engancha?

Si, si que engancha. Estás na túa casa, no teu barrio, na túa cidade, e tes a oportunidade, con esa vantaxe que che brinda a profesión de coñecer un pouquiño máis que calquera determinadas cousas, situacións, mirar aos ollos e á cara, escoitar. Nisto, moito é o proceso de escoita, é fundamental, e de intercambiar ideas, e de convocar a xente con ideas contrapostas, e facer debates... Todo iso si que o permite a radio local. Tes a posibilidade de estar en distintos escenarios e, polo tanto, de aprender moito. Non terás un coñecemento moi completo de determinadas cousas, non te podes especializar, no amplo termo da palabra “especialización”, porque tes que facer de todo. Pois hoxe igual toca cubrir unha información económica, outra sanitaria, outra de sociedade, outra de cultura, en fin.

É xornalismo de atención primaria.

Totalmente. Que boa a definición,  encántame!  E máis, a radio, por iso, é un medio tan próximo, que nos permite moitas cousas. Iso de mirar aos ollos á persoa que che está falando, ou senón á que escoita, o ton de voz e demais, permíteche traspasar, no bo sentido da palabra, esa liña que fai que conectes coa xente e a xente contigo. Que xurda a empatía e a confianza.

Este ámbito do xornalismo permite un contacto moito máis directo coa administración, coa clase política, coa empresarial. Ti chegas aquí moi nova: notaches nalgún momento que o feito de ser unha muller e nova condicionase dalgún xeito o teu traballo, a confianza, o respecto no teu traballo?

Persoalmente, non sentín nunca unha falta de respecto, nin de consideración. Agora si, ese paternalismo que moitas veces os homes dedican ás mulleres polo feito de ser mulleres, si, en varias ocasións. Faste a pregunta: se fose un home, faríame ese comentario? Ou tería ese xeito? Si, sempre está aí, iso empapa todo. E no exercicio da profesión tamén: fíxate que á hora de exercer o xornalismo, e cada vez máis, case todas somos mulleres as que estamos nas roldas de prensa, pero outra cousa, evidentemente, é nos cargos de responsabilidade,  aí non. Iso é así. Aínda contamos cos dedos dunha man os casos de mulleres que ostentan unha responsabilidade e que teñen a posibilidade de defender o oficio e de facelo o mellor posible. En todo caso, desde a clase política sempre hai tentación, igual a través da mal entendida confianza ou porque sexa unha persoa espontánea ou natural, de que poidas sufrir determinadas situacións. Eu non vivín ningunha complicada nin difícil, pero si ese paternalismo, si que se deu en máis dunha circunstancia.

Na emisora, tamén tivestes unha directora no seu momento.

Si, pero iso foi ao comezo de todo. Era Rafaela Hervada Carnerero, que foi a primeira directora dunha emisora de radio, foi tamén das primeiras que estudou Dereito [dirixiu Radio Coruña entre 1964 e 1989, foi a primeira muller en ostentar este cargo en España]. Eu xa pillei, digamos, case os coletazos dos coletazos, enseguida estiven traballando con Ángel Gómez Hervada como director e agora con Borja Bejerano.

Un momento importante é cando chega o relevo de Cándido Barral e che ofrecen a dirección de El coruñés opina, o programa máis lonxevo da radio en Galicia, o segundo a nivel estatal. Como cho ofrecen e que pensaches nese momento?

Eu xa levaba uns anos traballando, iso si, sempre en informativos, xa facía algúns programas, pero claro, isto xa son palabras maiores, porque, evidentemente, este programa é un buque insignia non soamente de Radio Coruña, senón a nivel da cidade, non digo galego porque era un programa local, pero tiña unha base tan sólida como o cemento. Nace en 1973, vive todo o proceso da transición á democracia, con todas esas ganas que había de falar da xente, de empezar a soltar o medo, de saír en antena e de dar unha opinión; Cándido Barral coa súa opinión, mollándose... Era un reto e un desafío importantísimo. Entón, chega o momento en que Cándido comeza outra nova etapa e propón ao director que eu o substitúa. Entón, nun primeiro momento, foi unha sorpresa, loxicamente, era un desafío, pero despois collino con gusto e con moito agradecemento, era todo un orgullo. Sempre o recordarei e el tamén. Ese programa no que el se despedía da xente e me pasaba o testemuño, eu dicíalle “Cándido, grazas, é un día triste para ti? Que che supón?” E di, “si, si, moi triste, pero señoras e señores, déixoos en boas mans, e neste programa nada vai ser igual, porque non ten por que ser igual, pero a esencia e o espírito do programa vaise manter, por suposto que si”. E despois foi pasando o tempo, o programa pasou de durar dúas horas, por necesidades da cadea, a durar unha hora, pero sempre, sempre, co espírito de adaptarnos á actualidade, ampla, non só local, e de fomentar o debate.

É unha mirada local, pero os temas non son só de actualidade local.

Claro! Eu digo, “a ver, que abordo, que trato este domingo?” Porque cada domingo ten detrás, loxicamente, un pensamento, unha selección, unha elección, un proceso de produción, de documentación e, por suposto, de intentar escoller, contactar e que che digan que si persoas que opinan de xeito diferente e que de aí xurda o diálogo e o debate. Falei de todo, abordouse de todo nese programa. Son moitos anos tamén. Buscar un tema da conversa e abordalo desde o punto de vista de quen sabe, de quen ten o coñecemento sobre o asunto que sometemos a debate, é fundamental para min. E despois, o respecto e a conversa. A partir de aí, opinións dos oíntes e agora tamén a través das redes sociais. Do teléfono pasamos a outras cousas.

Creo que quedades por igual en tempo ti e Cándido.

Eu creo que xa lle gano por algún ano, si.

Despois de tantos anos, supoño que haberá momentos históricos que viviches, persoas, testemuñas, que quedaran aí labrados na túa memoria e que os levas contigo para sempre.

Pois si, hai momentos. Un, loxicamente, moi emotivo foi o cincuenta aniversario [de A Coruña opina].

Vaia romaría máis bonita!

A verdade é que si, foi no Paraninfo [da Universidade da Coruña] con moita xente, e ademais co respaldo de Montserrat Domínguez [directora  de Contidos da Cadena SER] e de Aimar Bretos [director e presentador do programa Hora 25]. Outro momento, por todo o que significaba a parte dos informativos, o Prestige. Foi moi difícil facer xornalismo nesa circunstancia.

Era un mundo distinto.

Efectivamente, polo tema de como se contou, da xestión. Buscar todas as fontes que dixesen a verdade, como pasou en todos os medios.  E despois, o aniversario e ver como estamos de medios de salvamento marítimo, pulsando un pouco os primeiros anos e se cambiara algo ou non. Por suposto, a pandemia. Paréceme que a orde do decreto de alarma, non sei se foi un xoves ou un venres, e claro, xa viña o domingo e había que facer o programa. Entón, aínda estabamos así, sen saber moitas cousas. Así que nada, un par de invitados, pero que sabían do asunto que queriamos nós. Que é isto? Que podemos contar? Aquí, no estudio, un nunha punta e o outro, na outra. Despois, toda a pandemia a base de teléfono, a base de teléfono. Todo foi tan diferente.

Foi inventar un modo de traballar.

Totalmente, totalmente. Eu viña os domingos, ou había determinados días que non viña para non coincidir tampouco cos outros compañeiros, como pasou en todos os medios. Era todo, todo, a base de teléfono. Unha produción nese caso laboriosa. E digamos que na balanza positiva, dunha explosión de alegría, cando foi declarada a Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Claro, os bolos…

Mira, aínda o lembraba o outro día cos compañeiros técnicos que son, en fin, sen eles…  O tema do domingo une moito, sabes? Afectivamente, tamén. Dentro da casa, da radio, e fóra tamén. É algo especial. Porque estamos falando do domingo que tes que deixar os teus plans e eu sempre me sinto súper agradecida á xente que cambia os seus plans e che di: “conta comigo”. E iso, facer un programa dentro do rural, en Aranga, de cara ao público e coñecendo tamén esa parte, non? As súas demandas, as súas realidades…

Falando do programa en domingo: a ti condicionouche dalgunha forma que fose xustamente un programa todos os domingos á hora de pensalo? Refírome á conciliación, era unha dúbida que ti considerabas e que, ao mellor outro compañeiro non o tería considerado?

Si, si que me condicionou, loxicamente. Por exemplo, os domingos eu perdín moitos partidos de baloncesto da miña filla, de estar con ela e demais. Indubidablemente.  É outra cousa, é diferente. Pero asúmelo, porque profesionalmente se che fan ese encargo, é todo un reto, como che dicía antes, é un desafío. E a vida sigue fluíndo. Pero coa quenda partida, durante moitos anos, foi o mesmo. O que pasa é que, como todo na vida, tes que facer un pouco de equilibrio e de balance. E se realmente estás satisfeita co feito e aínda tes ganas de seguir facendo radio e facendo o mellor posible a túa profesión, ben, por suposto que si. Pero que condiciona e que afecta a conciliación e demais, claro. Só tiven unha filla, pero recórdoa cando era pequena: “mamá, non podes vir?, e por que non ves?”.

Tamén se está tomando máis conciencia en xeral para que incluso as convocatorias e os horarios sexan más racionais, porque os tempos para exercer o xornalismo foron e son moi complicados, non?

Por suposto que si. Eu sempre recordo cando quedaba coa miña parella ou con amigos ou amigas que, moitas veces á hora que pensaba que podía saír e por unha cuestión de traballo non poder, porque claro, xorde algo e tes que cubrilo. Pero si, polo menos na radio, a cousa mellorou nesa parcela, noutras non, e se queres, falamos da profesión e das condicións.

Antes gustaríame tamén que nos contaras como foi a transición de El coruñés opina a A Coruña opina.

Foi un tema que estivo enriba da mesa, na dirección, algúns anos. Tardaría máis ou menos, pero, digamos, aposta era por aí. El coruñés opina, aínda que é a marca do programa e para moitos seguirá sendo El coruñés opina, moitos e moitas. Tamén ter o título do programa de modo que nos subísemos ao tren da normalidade, de utilizar os termos e as palabras axeitadas neste mundo, de avances. Tamén nos topónimos. A cousa é que, ao final, apostamos por A Coruña opina e aí englobamos “a el coruñés” e “a la coruñesa”. É moito mellor, desde o meu punto de vista.

Fuches recoñecida  polo CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña), pola UXT, polo Colexio Oficial de Farmacéuticos, polo Colexio Profesional de Xornalistas... Que significan eses premios na túa carreira?

Emociónanme moito, porque é o recoñecemento a un traballo, tamén á forma de estar diante do micro e de apostar por determinados temas. Polo tema laboral, loxicamente, pois aí están os sindicatos. O tema que valeu o premio de xornalismo  do CHUAC naquel momento  é porque fomos a primeira emisora privada que estivemos nun quirófano para retransmitir o transplante de ril dunha nai a unha filla. Estiven antes, durante, despois. Iso, coa axuda do técnico José Antonio Martínez, que foi toda unha experiencia que levamos tanto el como eu dentro do corazón. É moi emocionante, moi chulo de vivir. E despois o tema da pandemia, sabes? Esas ideas afloran, e ás veces non se poden desenvolver, pero eu creo que si, con empeño, con tesón e perseverancia... Eu son moi perseverante e persuasiva, non tiro a toalla así como así. Conseguín en varias ocasións obxectivos que nun principio parecían moi complicados, pero hai que perseverar, hai que seguir insistindo nas cousas. Ata que che din que pode ser ou que non. Eses premios son un resultado tamén dese traballo e, sobre todo, de dedicación. O tema do suicidio tamén foi un programa, a verdade, que moi interesante.

Tamén está a túa implicación dentro do movemento colectivo, que comentabas antes, da importancia tamén das condicións nas que se exerce o xornalismo. Dentro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como representante da Demarcación da Coruña, formas parte da Asociación Xornalistas Galegas para defender un xornalismo con perspectiva de xénero... As condicións en que se exerce o xornalismo, e como se exerce esta profesión, son tamén as túas preocupacións, non?

Si, e moito. Porque vexo que a realidade é francamente gris en canto a condicións. Para min, é unha auténtica vergoña que a profesión estea como está. Vexo que nós, as veteranas, xa temos unhas condicións, unhas conquistas, entre aspas, que non teñen nada que ver coas das novas xeracións. Evidentemente, os salarios son inapropiados e inxustos para o traballo que fan. Veñen con moito entusiasmo, aquí na radio ao igual que nos demais medios de comunicación; vemos xente nova con moitas ganas de aprender, que fan horas e que non lles importa traballar... É unha aprendizaxe, xa o sabemos, eu tamén fixen moitas horas, pero ves que moitas veces, incluso profesionais cunha experiencia e unha bagaxe, son expulsados directamente pola propia profesión. Con todo o que iso significa de perda de capital humano, de talento e de saber facer, de oficio e profesión. Coñezo casos con nomes e apelidos. Non son nada optimista, se falamos de condicións precarias de moitos sectores, o noso tamén está nos primeiros lugares da lista.

Perden os profesionais e perde a cidadanía.

Perde a cidadanía porque, loxicamente, aguantas porque che gusta moito o xornalismo, pero non aguantas sempre. As renuncias vitais á hora de facer un proxecto de vida, todas esas cousas non se poden levar a cabo e chega un momento en que estás cansa, estás moi cansa. Non falo a nivel persoal, digo en xeral do que falamos unhas compañeiras con outras, cos compañeiros: crises de ansiedade, estrés... Son situacións abraiantes e que é moi complicado de seguir adiante, despois de dar moito de ti, de poñer moito enriba da mesa e non ter, digamos, ese recoñecemento, explícito ou non, xa non soamente por parte das empresas senón por parte de moitos sectores da sociedade. Á hora de facer o traballo xa non é o mesmo.

Tamén se deteriorou a confianza no xornalismo.

Deteriorouse a confianza, claro, porque o que tes entre mans son noticias, son situacións, son realidades que tes que intentar contar co maior rigor posible e moitas veces non tes tempo, porque entras nesa roda, con poucos compañeiros, con cadros de persoal máis pequenos, e todo iso inflúe negativamente. Como non vai influír? 

E como ves o avance da perspectiva de xénero na profesión? Como foi cambiando ao longo deste anos? Que retos nos quedan por facer?

A perspectiva feminista colleu corpo nestes últimos anos, digamos, a forza tamén da sociedade, das mulleres. Os 8M, os 25N, tiveron o seu reflexo nos medios de comunicación e na radio tamén. Durante moitos anos, moitos, o 8M si ou si, o debate tocaba aquí [en A Coruña opina]. Tamén fixen un montón de espazos relacionados con como estabamos as mulleres, con esa perspectiva de xénero. Mudaron moitas cousas, afortunadamente, neste caso de nomear as cousas como son. Pero temos aínda que aprender moito. Claro, cando ti miras polo retrovisor, como digo eu, dáste de conta de que determinados temas non eran abordados, non existían. Si que existían, evidentemente, pero de portas para a casa, ou non interesaban no relato informativo. Pero porque non é que non interesasen ás mulleres, é que había outras prioridades para a empresa, en xeral, á hora de facer un informativo ou un programa. Afortunadamente, soubemos rachar esa dinámica e avanzamos.

Agora, as mulleres normalmente xa non temos esa cautela ou esa prudencia para defender as nosas ideas, as nosas opinións. E tamén facer as nosas noticias con perspectiva de xénero. As noticias, os debates, se están feitos por unha muller, son diferentes. Eu teño compañeiros fantásticos, que se me entenda ben, pero é diferente para nós, tamén polo interese que temos para que se melloren as cousas en tantas historias…

Somos parte.

Somos parte e facemos fincapé en determinadas cousas, á hora de contalo, poste diante do micró- fono e facemos inflexión en determinadas cousas. Avanzamos, pero aínda queda. Nunca podemos perder esa batalla, tampouco a mirada, nin relaxarnos.

As compañeiras de profesión son…?

As compañeiras de profesión son compañeiras, no amplo sentido da palabra, pero tamén amigas. Aquí na Coruña somos…  Eles tamén, eh? Pero, especialmente, as mulleres temos moita empatía. Cada unha defende a súa parcela, evidentemente, pero no día a día somos moi compañeiras. Iso reflíctese en moitas cousas. Un xuízo do Prestige, un xuízo polo asasinato de Samuel, unha manifestación…  se por calquera circunstancia perdes algo ou a gravadora se estragou, tes esa compañeira que che cede o audio. Para min, iso tamén é unha das cousas que me deixa a profesión, valóroo moitísimo. Esa empatía que temos moitas veces as mulleres, as xornalistas en particular, creo que é un valor que hai que gardar e atesourar.

Dise que Isabel Bravo ten a mellor axenda da redacción. 

Penso que si, abertamente (ri).

E que van facer sen ti aquí?

Xa me dixeron o outro día! Eu seguirei estando aí, evidentemente e, se teño ese contacto, por suposto, pásoo ipso facto. O móbil agora é unha ferramenta fundamental.  É que o tema dos contactos é marabilloso, porque che permite axilizar o traballo e non dar voltas e voltas e voltas. A axenda foi crecendo e crecendo…

Tamén me dixeron que tes un don. Que ti podes estar chamando unha fonte, algún contacto que non che colle o teléfono. Unha vez, dúas veces... Chama Isa... 

Si! Déixanme a min, chamo e descolgan (gargallada).

Por que cres que pasa iso?

Non sei, pero pasoume moitas veces e dáme moita risa. É certo. Eu que sei, casualidades da vida! É que eu non tiro a toalla así como así. Se non me contestou, intento a outra hora, agora un whatsapp… “Ai, que non me apetece, que va,
un domingo…”. Eu preséntollo e intento poñer o acento na parte positiva que é poder contactar con ese profesional, ou ese técnico, ese político, ese cidadán…  Moitas veces, conseguino, aínda que estaba complicado. A perseverancia é fundamental, penso.

Como ves o futuro do oficio? E o da radio?

A radio é como a irmá pobre, dise, respecto á televisión e demais. Moitas veces, ao longo da súa historia estivo en situacións difíciles, pero sempre, sempre conseguiu sobrevivir. Porque a radio é un medio que ten moitos significados. Cando falas
da proximidade, da pel con pel e de escoita, de acompañar, de escoitar, creo que é un elemento fundamental no ámbito da comunicación. Podemos saber moitas cousas, ter moitos coñecementos, pero se non sabes comunicar, se non sabes chegar a esa persoa que está ao outro lado, non consegues o obxectivo. Sempre llo digo aos rapaces e rapazas que veñen pola radio, que fan prácticas: é fundamental o tema da comunicación. A radio é comunicación. Din que é maxia: é maxia convertida en palabra, acompañamento, entretemento…

Que consello lle darías ás futuras xornalistas?

Se lle gusta a profesión, que siga apostando por ela, que crea nela. Pouco a pouco, é cuestión de tentar traballar con rigor, con honestidade, e intentar facelo o mellor posible.

Que balance fas desta etapa?

Desta etapa… Satisfacción, porque cando consegues facer durante tantos anos algo que che gusta, para min é importantísimo. Todos sabemos o importante que é vir ao traballo día a día, e incluso con madrugóns, que iso custa moito. Os domingos, custan moito. Se aínda che segue gustando poñerte diante do micro, escribir unha noticia ou falar coa xente, ou ir a un sitio, moderar un debate, creo que iso é unha xoia. Un tesouro. Cando toque irse da profesión, eu creo que me vou ir cun amplo sorriso nos beizos.

ELIANA MARTÍNS

 

Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña