Isabel Bravo recibe o luns 26 de xullo en Santiago o Premio Somos Esenciais 2020

O vindeiro luns 26 de xullo ás 17.00 horas vai ter lugar na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o acto de entrega do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2020, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis. Isabel Bravo, da Radio Coruña - Cadena Ser, foi a gañadora do galardón pola peza «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta».

A gañadora do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2020, Isabel Bravo, e Ángel Paniagua, finalista do mesmo, recollerán os seus galardóns este luns 26 de xullo ás 17.00 horas na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (Avenida de Castelao, s/n), nunha cerimonia que contará tamén coa presenza da vicedecana segunda do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e de Antonio Cortés Lobato, director de Responsabilidade Social Corportativa de Gadisa.

O traballo de Isabel Bravo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta»emitido na Radio Coruña - Cadena SER, foi o gañador do certame por "pór en valor a información local e darlle voz ás fontes expertas no primeiro día de estado de alarma". O xurado decidiu conceder tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de GaliciaUn total de 39 traballos, de todos os formatos xornalísticos e con distintos enfoques, foron presentados ao premio.

Debido ás restriccións sanitarias impostas pola pandemia da Covid-19, o acto de entrega do premio realizaranse cunha capacidade máxima moi reducida e estará unicamente aberto aos profesionais dos medios de comunicación. 

O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración con Gadis, naceu para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia en 2020. O certame recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público.

CPXG