Isabel Bravo: "O sentido do xornalismo é contar o que a xente ten dereito a saber"

  • Ángel Paniagua, Isabel Franco, Belén Regueira e Antonio Cortés na entrega do premio
  • Isabel Bravo agradece o galardón
  • Ángel Paniagua recolle o diploma que o acredita como finalista
  • A vicedecana segunda do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira, presenta o premio
  • Antonio Cortés Lobato, director de RSC de Gadisa, intervén no acto de entrega

Isabel Bravo recolleu hoxe na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2020, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, pola peza radiofónica «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta». Ángel Paniagua, finalista, recibiu tamén unha mención especial pola reportaxe «La uci del covid, desde dentro: 'No somos héroes'».

Na tarde deste luns 26 de xullo tivo lugar na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2020, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración con Gadis, para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia . A xornalista da da Radio Coruña - Cadena Ser Isabel Bravo, gañadora do galardón polo traballo «Cando as preguntas aínda non tiñan resposta», e Ángel Paniagua, de La Voz de Galicia, finalista pola reportaxe «La uci del covid, desde dentro: 'No somos héroes'», recolleron os seus diplomas acreditativos nun acto marcado polas restricións sanitarias. 

Abriu a cerimonia a vicedecana segunda do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira, quen salientou que Premio 'Somos Esenciais' naceu para reivindicar "a condición esencial do traballo xornalístico", un obxectivo que precisaba dun acto como este porque "debe ser enunciado en público". A continuación, Antonio Cortés, director de Responsabilidade Social Corportativa de Gadisa, destacou o "papel fundamental do xornalismo durante toda a pandemia", funcionando como "unha fiestra aberta ao mundo" que permitiu descubrir palabras novas, escoitar testemuñas, entrar nas UCI, comprender a importancia de protexernos e protexer os demais ou dar respostas cando aínda todo eran preguntas. 

Tras recibir o diploma que a acredita como gañadora do premio, Isabel Bravo agradeceu o galardón e asegurou que "o xornalismo recuperou nesta pandemia o protagonismo que moitas veces se diluira entre tanto ruido". Bravo quixo defender o sentido do xornalismo, "contar o que a xente ten dereito a saber", e reivindicar a necesidade de dar valor á información local "porque o universal das historias ten un acento eminentemente local" e de exercer a profesión con condicións dignas, lonxe da precariedade laboral que "sabemos que ten unhas consecuencias no xornalismo". Pola súa banda, Ángel Paniagua manifestou que este é para el "un premio especial porque é un premio de compañeiros de profesión" e que ademais resalta que "o que facemos é importante".

O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración con Gadis, naceu para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia en 2020. O certame recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público.

CPXG