Isabel Bravo, gañadora do Premio Somos Esenciais 2020
Isabel Bravo, da Radio Coruña - Cadena Ser, gaña o Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' 2020, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, coa peza "Cando as preguntas aínda non tiñan resposta". O xurado decidiu conceder tamén unha mención especial como finalista á reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada por Ángel Paniagua en La Voz de Galicia.
O xurado do Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', composto por Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Xosé Ramón Pousa Estévez, Belén Regueira Leal, Iria Rodríguez Martínez, Pablo Santiago Martínez e Cristina de la Vega Jiménez, decidiu por unanimidade o pasado xoves 10 de xuño conceder o galardón ao traballo de Isabel Bravo Francos "Cando as preguntas aínda non tiñan resposta", emitido na Radio Coruña - Cadena SER. O premio, dotado con os 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron a capacidade da comunicadora para "pór en valor a información local e darlle voz ás fontes expertas no primeiro día de estado de alarma".
Así mesmo, concedéuselle unha mención especial como finalista ao xornalista Angel Paniagua Pérez, pola reportaxe "La uci del covid, desde dentro: «No somos héroes»", publicada en La Voz de Galicia o 18 de abril de 2020 (e dispoñíbel na edición dixital baixo o título "En la uci del covid-19: «No te vas a morir, por eso estás aquí»"). O xurado salientou o valor desta peza como retrato sobre as UCIs nos primeiros momentos da pandemia.
Os membros do xurado quixeron deixar constancia da alta calidade dos traballos presentados, que reforza a necesidade do nacemento desta iniciativa como recoñecemento do labor dos e das profesionais da comunicación durante a crise sanitaria, como canle esencial para a información da cidadanía. Un total de 39 traballos foron presentados ao galardón, que abranguían pezas con distintos enfoques de todos os formatos xornalísticos.
Debido ás restricións impostas pola pandemia, a entrega do premio realizarase nun acto pechado, do que se informará proximamente a través da páxina xornalistas.gal e do resto das canles habituais de comunicación do Colexio de Xornalistas.
O Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, corporación de dereito público que representa aos xornalistas galegos, coa colaboración con Gadis, naceu para reivindicar o labor das e dos profesionais da comunicación durante a pandemia en 2020. O certame recoñece o traballo xornalístico máis salientábel dende o punto de vista informativo e de servizo público.
CPXG