Iniciativas contra o ciberacoso e outras violencias de xénero contra as xornalistas

Varias asociacións catalás da comunicación xuntábanse esta semana para facer público un manifesto contra o ciberacoso ás mulleres xornalistas. De entre as moitas modalidades de ataques por razón de xénero que sofren as profesionais, que segundo os últimos datos aumentaron na postpandemia, a violencia en liña tense revelado como unha das máis preocupantes, e organismos como a Unesco publicaron recentemente recomendacións para combatela. 

O pasado luns 22 de xaneiro presentábase no Palau del Parlament de Catalunya, en Barcelona, o manifesto Contra o ciberacoso ás mulleres xornalistas, no marco das xornadas Ciberacoso ás mulleres xornalistas, unha forma de violencia crecenteO texto reclama visibilizar que este tipo de acoso ten “un impacto psicolóxico nas profesionais” e que afecta severamente ás súas vidas "dentro e fora do traballo”. Para o combater, reclaman  implicación de medios, institucións e actores políticos para frenar esta forma específica de violencia, mediante a creación "de ferramentas suficientes para protexer as xornalistas de todas as formas de acoso”. O documento está asinado polo Col·legi de Periodistes de Catalunya, a Associació de Periodistes Parlamentaris - Col·lectiu Ciutadella, o Sindicat de Periodistes de Catalunya, o Grup de Periodistes Ramon Barnils, #OnSónLesDones, a Associació de Dones Periodistes de Catalunya, a Xarxa Internacional de Dones Periodistes i Comunicadores - Xarxa Internacional de Periodistes amb Visió de Gènere e o Mestrado en Xénero e Comunicación da Universitat Autònoma de Barcelona.  

O acoso online é unha das ameazas máis habituais ás que se enfrentan as xornalistas e vén sendo obxecto de constante preocupación na profesión. Recentemente, a UNESCO vén de publicar o documento Recomendacións de acción en resposta á violencia en liña contra as mulleres xornalistas, baseado nos resultados do proxecto de investigación The Chillingposto en marcha pola UNESCO e o Centro Internacional de Xornalistas, baixo a dirección de Julie Posetti e Nabeelah Shabbir e con contribucións de 25 investigadores internacionais. O traballo alerta do "caracter endémico da violencia de xénero en liña contra as xornalistas" e fornecen de medidas concretas (dirixidas aos Estados, as organizacións de noticias, as empresas de Internet, a sociedade civil e os axentes xurídicos) para enfrontar efectivamente esta amenaza á liberdade de expresión, a seguranza das xornalistas e o acceso á información.

Esta non é nin moito menos a única violencia que enfrontan as mulleres xornalistas. Unha enquisa da FeSP, difundida a pasada semana pola Federación Europea de Xornalistas, revela como as súas condicións laborais e profesionais sufriron un grave deterioro na postpandemia. O 46,9% das enquisadas declarou ter experimentado algún tipo de acoso ou ataque por razón de xénero. De entre elas, un 32.4% declararon ter sido ameazadas ou insultadas en redes sociais e un 16.2% ter sido vítimas de ciberacoso. Pero aínda é maior a incidencia doutro tipo de violencias de xénero: un 48,5% declarou que recibiu insultos sexistas no traballo, un 35% dixo ter sido acosadas no lugar de traballo por seren mulleres e un 26,5% ter sufrido acoso sexual no seu entorno profesional.

CPXG