Inaugurado en Santiago o Centro Internacional de Prensa de Galicia
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela inaugurou este sábado 9 de xullo na capital galega o Centro Internacional de Prensa de Galicia. Ao acto asistiron o decano Francisco X. González Sarria e o vicedecano 3º Xosé Manuel Pereiro Sánchez, en representación da Colexio de Xornalistas; e a decana Ana Isabel Rodriguez Vazquez, en representación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Ambas as dúas institucións asinaron recentemente un convenio de colaboración co centro para o desenvolvemento de actividades.
O pasado sábado 9 de xullo foi inaugurado o Centro Internacional de Prensa de Galicia, que recibirá o nome de Casa dos Xornalistas, no número 9 da Rúa Nova compostelana, no que outrora fora o Pazo dos Marqueses de Santa Cruz. O espazo, xestionado pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, conta cunha sala de actos, dúas dependencias anexas e un amplo espazo de oficinas, e pretende ser lugar de encontro para a profesión e a cidadanía, un lugar para a dignificación do xornalismo e de valores que hoxendía están en entredito como a liberdade de expresión e de prensa.
Ao evento acudiron Francisco X. González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e Xosé Manuel Pereiro Sánchez, vicedecano terceiro. así como a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Isabel Rodriguez Vazquez. Tanto o Colexio como a Facultade asinaron recentemente un convenio de colaboración co Centro Internacional de Prensa de Galicia, de cara ao desenvolvemento de actividades neste espazo.
O acto contou tamén coa presenza de representantes da profesión en toda Europa, como o secretario xeral da Federación Internacional de Xornalistas, Anthony Bellanger; o director do Club de Prensa de Bruxelas, Laurent Brihay; o presidente da Federación Española de Periodismo (FAPE), Miguel Ángel Noceda, o xerente da Casa dos Xornalistas, presidente da APSC e membro da directiva da Federación Internacional de Prensa, Luís Menéndez; o responsable da sección de Política do diario italiano La República e secretario xeral da Federación da Stampa Italiana, Rafaelle Lorusso; a vicepresidenta do sindicato de xornalistas portugués, Ana Isabel Costa ou a presidenta do Comité Internacional de Xénero da Federación de Xornalistas, María Ángeles Samperio.
CPXG