O CPXG organiza o xoves 20 en Santiago a xornada 'A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza na mañá do xoves 20 de novembro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia. A xornada, que completa os seminarios sobre comunicación nas empresas das vindeiras semanas, realízase coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade, e contará con representantes de axencias e de gabinetes de comunicación das empresas.

O auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (Avenida de Castelao, s/n) acollerá entre as 10:00 e as 14:00 do vindeiro 20 de novembro a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade. O programa do encontro, no que van participar responsábeis de comunicación e representantes de axencias, quere completar a programación dos seminarios online das próximas semanas no achegamento a unha saída laboral tan relevante neste momento para o xornalismo como é a da comunicación corporativa. 

A xornada vai comezar ás 10:00 da mañá coa presentación a cargo de Belén Regueira Leal, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A continuación, ás 10:15 realizarase a primeira mesa redonda, moderada por Lucía González Martínez, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e directora de márketing e Comunicación de PlaceIn, que tratará "A Comunicación Empresarial desde a perspectiva das axencias". No debate compartirán a súa experiencia as profesionais da comunicación Fátima Carmena Mayorga, directora da Axencia Nasas; Ángela Gómez Caruncho, directora de Galicia de Torres y Carrera; Marta Ferro Morado, directora xeral de Closet Comunicación: e Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia.

Tras unha pausa de media hora, o programa reanudarase ás 12:15 cunha nova mesa, nesta ocasión sobre "A Comunicación nas empresas", na que van participar Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación e imaxe corporativa do Grupo Zendal; Isaac González Toribio, director de comunicación e relacións institucionais de ABANCA; Consuelo Luces Cores, responsábel de Márketing e Comunicación de Altia; Alba Rodríguez Rodríguez, da área de comunicación e márketing de Daveiga; e Sara Torreiro Rodríguez, responsábel de márketing e RSC da Casa Grande de Xanceda. O debate estará moderado por Manuel Rey Pan, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas.

O acceso á xornada é libre e gratuíto e as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario online. A sesión poderá seguirse por streaming a través desta ligazón: https://youtube.com/live/cqUj9qzs3Uk.. A posteriori, poderá solicitarse certificado de asistencia. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña