Eurostat abre un servizo rápido de verificación de datos para informacións sobre as eleccións europeas

A Oficina Europea de Estatística Eurostat vén de anunciar a posta en marcha dun novo servizo específico para medios e verificadores de datos, no que pretende responder no prazo dunha hora (no caso de que a información estea dispoñíbel nas súas bases) as consultas relativas ás estatísticas sobre a Unión Europea. Esta ferramenta estará dispoñíbel até o 15 de xuño e quere combater a proliferación da desinformación de cara ás eleccións europeas desta semana. 

Con motivo das eleccións europeas e para combater a proliferación de noticias falsas, a Oficina Europea de Estadística Eurostat ofrece até o vindeiro 15 de xuño, para medios de comunicación e fact-checkers, un servizo de verificación de datos sobre a Unión Europea. Para iso, estabelécese unha caixa de correo específica (ESTAT-EUELECTIONS-2024@ec.europa.eu), que pretende "axudar aos medios a proporcionar información e recursos obxectivamente correctos á cidadanía sobre as eleccións europeas e contribuír á loita contra a desinformación na UE".

O sistema de apoio á información dos medios estará dispoñíbel os días laborábeis da Comisión Europea en Luxemburgo entre as 8:00 e as 17:00 (Hora da Europa Central), así como os días festivos ao longo deste período. O obxectivo do servizo é responder no prazo dunha hora a xornalistas e verificadores de datos, sempre que a información solicitada estea dispoñíbel na base de datos de Eurostat. Para consultas máis complexas, en particular aquelas que requiran consultar os sistemas de estatística dos distintos estados, pode requirirse un tempo maior. 

Diversos expertos veñen prevendo que estas eleccións europeas estean marcadas polas noticias falsas, e mesmo o Parlamento Europeo aprobou un informe que alertaba do fenómeno de la desinformación por encargo. Fronte a esta situación, no eido do xornalismo desenvolvéronse diferentes iniciativas específicas para combater as loiadas, ás que agora se suma este servizo de Eurostat. 

CPXG