Este sábado 9 de maio José Precedo recolle en Pontevedra o XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

  • José Precedo, gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

O acto de entrega do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa a José Precedo, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra, vai ter lugar a partir das 12:00 deste sábado na Casa Consistorial de Pontevedra (Praza de España, 1). Precedo, xornalista galego de elDiario.es, defendeu o pasado novembro o dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo, no cadro do proceso ao Fiscal Xeral do Estado.

A Casa Consistorial de Pontevedra vai acoller este sábado a partir das 12:00 horas a entrega do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración do Concello de Pontevedra. O galardón recaeu nesta ocasión en José Precedo, xornalista galego que se ten consolidado como un dos nomes máis relevantes do xornalismo político e de investigación en España, cunha elevada esixencia en termos de verificación, contextualización e independencia. No pasado novembro, no proceso ao daquela Fiscal Xeral do Estado Álvaro García Ortiz, Precedo defendeu con claridade e firmeza principios esenciais do oficio, como o dereito á confidencialidade das fontes, a lexitimidade do traballo informativo e a necesidade de preservar a independencia do xornalismo.
 
A cerimonia estará presentada polos xornalistas Pablo Lago Pita e Laura Fresneda Muíña e vai dar comezo cos discursos de benvida da decana do Colexio de Xornalistas, Belén Regueira Leal, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A continuación, Belén López Rodríguez dará lectura ao texto "Conciencia e resistencia", o manifesto do CPXG polo Día Internacional da Liberdade de Prensa, da súa autoría, que reivindica que "a profesionalidade e a especialización son as grandes esperanzas da profesión". 
 
A segunda parte do acto vai contar coa participación do premiado, do que poderemos saber máis sobre a súa carreira profesional e a súa defensa da liberdade de prensa a través da entrevista que lle realizará en directo a xornalista Natalia Puga López. Finalmente, José Precedo recollerá o XXII Premio Xornalistas, consistente nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que nesta edición é unha fotografía de Mercedes Moralejo que lembra a cobertura informativa do Prestige.
 
A asistencia aos actos é completamente gratuíta e aberta ao público xeral até completar a capacidade do recinto. Con todo, de cara á organización do acto, agradécese comunicar a asistencia no teléfono 981 93 56 70 ou no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal antes das 14.00 horas deste xoves 7 de maio.
 
CPXG