Este sábado 25, o Colexio de Xornalistas homenaxea a Begoña Caamaño na Casa das Máquinas de Santiago
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, organiza este sábado 25 de abril unha xornada arredor do labor xornalístico de Begoña Caamaño, que se desenvolverá a partir das 12:00 na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela. O encontro, de entrada libre e gratuíta e organizado baixo a forma dun programa de radio, estará conducido por Mónica Rosas e reunirá a profesionais que traballaron coa homenaxeada no Día das Letras, alén doutras xeracións de xornalistas e a actuación musical de Uxía. Esta semana. ademais, publicouse a terceira entrega do podcast homónimo dedicado a Caamaño, "Unha radio para un país".
Continuando coa celebración do Ano das Letras de Begoña Caamaño, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza este sábado 25 de abril, baixo a denominación Poñer a voz, un encontro periodístico no que a biografía profesional desta xornalista e colexiada servirá de fío condutor para unha conversa interxeracional sobre o periodismo galego. O acto vai dar comezo ás 12:00 horas na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela (Rúa de Galeras, s/n) e está organizado coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
En homenaxe ao traballo xornalístico de Caamaño, especialmente vinculado á radio, a celebración vai tomar a forma dun programa de radio ao vivo, conducido por Mónica Rosas, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas e redactora dos Servizos Informativos da CSAG. Polos micrófonos do acto, pasarán periodistas que compartiron diferentes etapas profesionais con Begoña Caamaño, como Ana Romaní, María Xosé Porteiro e Pablo Lago, así como profesionais doutras xeracións como Sonia Díaz, de Agareso, Marga Tojo, de Xornalistas Galegas, e Lucía Junquera, directora do podcast do Colexio de Xornalistas sobre Begoña Caamaño, tamén titulado 'Poñer a voz'.
O encontro vai contar tamén con intervencións do público asistente, ademais da lectura de distintos textos da autoría de Begoña Caamaño e a actuación musical de Uxía. A asistencia ao acto é libre e gratuíta.
Ademais, o Colexio de Xornalistas reivindica tamén a figura de Caamaño co podcast Poñer a voz, un relato sonoro en cinco capítulos de periodicidade semanal do que xa se publicaron os dous primeiros, dirixido por Lucía Junquera e realizado tamén co apoio da Secretaría Xeral da Lingua. Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Esta semana vén de publicarse o terceiro capítulo, "Unha radio para un país", que relata a chegada de Begoña Caamaño á Radio Galega en 1988, primeiro á a delegación de Vigo e catro anos máis tarde aos estudios centrais de San Marcos.
CPXG