En defensa da profesión xornalística e do dereito á información
A liberdade de información non é unha concesión dos Gobernos, dos partidos políticos, das institucións nin de quen ocupa temporalmente posicións de poder. É un dereito constitucional e humano de toda a cidadanía e unha condición imprescindíbel para que exista unha democracia digna deste nome.
As organizacións profesionais e sindicais asinantes deste comunicado consideramos intolerábel que xornalistas, reporteiros gráficos, cámaras e outros profesionais dos medios sexan insultados, perseguidos, ameazados ou agredidos cando informan desde unha manifestación, unha concentración, un conflito social, unha emerxencia ou calquera outro escenario de interese público.
E consideramos aínda máis grave que desde algúns grupos políticos se contribúa a sinalar xornalistas concretos, se lles converta en adversarios persoais ou se utilicen termos como "terrorista" para se referir a profesionais que están a facer o seu traballo. As organizacións asinantes deste comunicado advertimos con toda rotundidade: non imos normalizar as agresións, as ameazas, o acoso nin o sinalamento de xornalistas mentres exercen o seu traballo.
AS PALABRAS TEÑEN CONSECUENCIAS
Cando un responsábel político sinala a quen exerce o xornalismo ante miles de seguidores, cando é deshumanizado, se cuestiona o seu dereito para estar alí para informar a cidadanía ou é presentado como inimigo, está a crear un clima que pode terminar convertendo a hostilidade en acoso e o acoso en violencia.
Non aceptamos esa deriva.
O sector xornalístico non pide privilexios. O noso traballo pode ser criticado, discutido e cuestionado e, cando cometemos erros, debemos responder por eles. Mais unha cousa é a crítica e outra ben distinta a intimidación, a ameaza ou a agresión.
Por iso, reclamamos a todas as forzas políticas e a todos os responsábeis institucionais, sen excepción, que condenen de xeito inequívoco calquera agresión contra profesionais da información e que abandonen definitivamente as estratexias de sinalamento persoal contra xornalistas.
Pedimos ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que garantan o dereito dos profesionais da información a desenvolver o seu traballo con seguranza, especialmente en situacións de tensión, manifestacións, disturbios ou escenarios onde exista risco para a súa integridade.
Demandamos unha maior vixilancia para ofrecer unha protección adecuada aos profesionais da información, así como aos profesionais técnicos de radio e televisión que os acompañan e que, ao iren identificados, son, con frecuencia, vítimas de acoso e intimidación.
Calquera profesional da información identificado como tal e que está a traballar debe ser protexido, non deixado á súa sorte.
Demandamos tamén que as ameazas, coaccións e agresións contra xornalistas sexan investigadas con dilixencia e que os seus responsábeis respondan ante a lei. A impunidade dunha agresión non afecta unicamente a quen a sofre: envía a toda a profesión a mensaxe de que informar pode ter un prezo.
Facemos un chamamento ao conxunto da sociedade. Defender os profesionais da información non significa estar de acordo con eles. Significa defender o dereito da cidadanía a recibir información e dispór de testemuñas alí onde están a ocorrer feitos relevantes.
E facemos un chamamento especialmente firme á nosa propia profesión, ao xornalismo.
A solidariedade non pode depender da cabeceira, a empresa, o sindicato, a asociación ou a ideoloxía do xornalista agredido.
Cando atacan un de nós mentres informamos, con rigor, veracidade e profesionalidade, atácannos a todos. Por iso queremos construír un compromiso común entre asociacións profesionais, sindicatos, colexios de xornalistas, comités de empresa e organizacións defensoras da liberdade de prensa para respondermos unidos ante calquera agresión ou sinalamento.
Madrid, 8 de setembro de 2026
AGRUPACIÓN DE PERIODISTAS FeSMC-UGT,
ASOCIACIÓN DE LA PRENSA DE MADRID (APM)
ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS PARLAMENTARIOS (APP)
COLEGIO PROFESIONAL DE PERIODISTAS DE ANDALUCÍA
COLEGIO PROFESIONAL DE PERIODISTAS DE ASTURIAS
COLEGIO PROFESIONAL DE PERIODISTAS DE CASTILLA Y LEÓN
COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA
COL·LEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA
FEDERACIÓN DE ASOCIACIONES DE PERIODISTAS DE ESPAÑA (FAPE)
FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE PERIODISTAS (FeSP)
PERIODISTAS DE CCOO
REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS
REPORTEIROS SEN FRONTEIRAS (RSF España)