Dúas novas cabeceiras súmanse ao rexistro de medios dixitais NRede

O rexistro NRede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa a incluír novas cabeceiras interesadas en garantir o seu traballo xornalístico co selo de Medio Dixital Galego. Coas novas incorporacións de Campo Galego e Riazor.org, son xa unha vintena os medios acreditados. Os interesados seguen a poden solicitar a súa inscrición, gratuíta se a tramita unha persoa colexiada. 

Dúas novas cabeceiras especializadas sumáronse recentemente a NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital da nosa comunidade. Riazor.org, centrado na información sobre o Real Club Deportivo da Coruña, e Campo Galego, xornal dixital sobre a actualidade do agro, foron os últimos en acadar o selo que garante que a súa información é froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do xornalismo. 

Estes dous medios acompañan así ás cabeceiras La Alacena RojaEl Diario de ArteixoEcos da Comarca,  Ferrol360Galicia ConfidencialGaliciapressGCDiarioGCienciaLugo XornalMundiarioPontevedra VivaPraza PúblicaTempos DixitalO TinteiroXornal da MariñaXornal da CoruñaXornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede. En total, son vinte os medios galegos que forman parte de NRede, con representantes do mellor xornalismo dixital. As cabeceiras acreditadas non só cobren información desde as sete cidades galegas e numerosas comarca, sinón que comprenden tamén numerosas temáticas, nunha mostra que dá conta do variado do ecosistema mediático dixital galego. 

Como inscribirse en NRede

Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas. O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica. A inscrición é gratuíta se a tramita unha persoa colexiada.

Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG