Disponíbel en castelán a guía para o equilibrio de xénero nos medios da WAN-IFRA

Esta semana foi presentada a versión en castelán da Guía de Equilibrio de Xénero para medios: amplificando as voces de mulleres, unha publicación dixital da Asociación Mundial de Xornais (WAN-IFRA) que se traduce agora coa colaboración da rede iberoamericana de xornalistas WINN. Con ela que se pretenden fornecer elementos teóricos para loitar pola necesaria igualdade de xénero nos medios de comunicación. 

A rede iberoamericana de xornalistas Women in the News Network (WINN) e a Asociación Mundial de Xornais (WAN-IFRA) presentaron esta semana a versión en castelán da Guía de Equilibrio de Xénero para medios: amplificando as voces de mulleres. A publicación dixital pretende fornecer aos medios "dunha ferramenta que dá elementos teóricos para entender por que o equilibrio de xénero é importante e que papel teñen os medios neste tema". A guía foi presentada pola colombiana Jineth Bedoya, editora de temas especiais no xornal El Tiempo e iniciadora da campaña No es hora de callar e a chilena Paula Escobar, columnista e directora da cátedra Mulleres e Medios da Universidad Diego Portales.

A guía de WINN está dividida en 6 capítulos: Por que é importante o equilibrio de xénero, Como estereotipamos nos medios, Accións para mellorar o equilibrio de xénero, Estratexias organizacionais, Monitorear o equilibrio de xénero e Os gañadores do equilibrio de xénero (sobre experiencias exitosas de igualdade nos medios de comunicación). Cada un deles vai acompañado dun cuestionario para valorar o aprendido e unha infografía. Ademais, ofrécense recursos adicionais como un glosario, enderezos de contacto ou a posibilidade de descargar a guía en formato pdf. 

Na presentación, as xornalistas destacaron datos como que segundo o último informe do proyecto Monitoreo Global de Medios (GMMP),  só un 26% das persoas sobre as que se informa na prensa, radio ou televisión son mujeres; ou que os datos de ONUMulleres indican que, ao ritmo actual, tardaríanse aínda 67 anos en acadar a igualdade nos medios de comunicación. Na presentación, Escobar destacou que "un xornalismo que deixa fuera a metade da poboación, non pode ser bo xornalismo".

A guía foi desenvolvida pola WAN-IFRA co apoio da Axencia de Cooperación para o Desenvolvemento Internacional de Suecia e do Ministerio de Relacións Exteriores de Noruega. A versión en castelán súmase ás xa disponíbeis até agora en inglés, árabe, ruso, vietnamita e birmano.

CPXG