Desestimada en Gran Bretaña a demanda contra 'La Opinión' e outros catro diarios de Prensa Ibérica

A demanda presentada polos fillos de Eldar Mahmudov, ex Ministro de Seguridade Nacional de Acerbaixán, contra cinco diarios de Prensa Ibérica, entre eles La Opinión de A Coruña, foi finalmente desestimada polo Tribunal Superior de Xustiza de Inglaterra e Gales. Os denuncintes acusaban aos medios de difamación por un artigo publicado en 2020 sobre a fortuna do seu pai. A xustiza británica determinou que non ten xurisdicción para xulgar a estes medios e expresou dúbida sobre o presunto prexuízo destas informacións e sobre as razóns para presentar a demanda no Reino Unido

O Tribunal Superior de Xustiza de Inglaterra e Gales vén de desestimar a demanda presentada por Anar Mahmudov e Nargiz Mahmudova contra cinco diarios de Prensa Ibérica, entre eles La Opinión de A Coruña. A demanda acusaba a estes xornais de difamación por un artigo publicado en maio de 2020 no que se cuestionaba a orixe da fortuna do pai dos denunciantes, Eldar Mahmudov, ex Ministro de Seguridade Nacional de Acerbaixán. 

O artigo en cuestión, "A familia do exxefe de Seguridade Nacional de Acerbaixán labrou un imperio en Mallorca", estaba asinado por Marisa Goñi, daquela subdirectora e hoxe directora do Diario de Mallorca, e fora resultado da colaboración cos consorcios de xornalismo de investigación Finance Uncovered e Organized Crime and Corruption Reporting Project, así como co semanario británico The Observer, a partir dunha filtración de documentos do Cayman National Bank en 2019. Alén de aos diarios coruñés e mallorquín, a demanda sinalaba a El Periódico de CatalunyaDiario de Córdoba e Regió7,

Os demandantes decidiron presentar a denuncia no Reino Unido alegando que este país é o "centro de interese" das súas actividades. Mais esta situación convertía a súa resolución nunha decisión sobre se é posíbel ou non demandar a un medio de comunicación fóra da súa xurisdicción, polo que podía supor un perigoso precedente legal para a situación da liberdade de información.

Finalmente, a xustiza británica determinou que non ten xurisdicción para xulgar o presunto ataque ao honor dos demandantes e considera que estes non foron capaces de probar que existira un prexuízo real contra os seus intereses no Reino Unido, ao ser a difusión destas informacións nas illas "como máximo menor e como mínimo insignificante". A sentenza tampouco considera suficientes as razóns para presentar a demanda no Reino Unido cando, "segundo eles mesmos, teñen unha presencia substancial, negocios, intereses, contactos e inversións" en España. Por último, pregúntase por que los demandantes non tomaron ningunha acción contra os artigos publicados en inglés que formulaban as mesmas preguntas que os denunciados.

CPXG