Demandas do FOP aos candidatos do 26X

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) remitiu o venres ás candidaturas ao Congreso dos Deputados un documento no que lles solicita que impulsen distintas iniciativas en relación coa proposta de Lei Orgánica de Garantías do Dereito á Información da Cidadanía (LOGDIC); os dereitos de autor; RTVE e os medios públicos; o Consello Estatal de Medios Audiovisuais; os colaboradores e freelances, e as leis que están limitando o dereito á información e a comunicación.

No documento, o FOP propón aos grupos parlamentarios que:

  • elaboren unha proposición de lei na que se recolla o contido deste borrador (da LOGDIC), e conten para iso coa opinión do FOP e doutras organizacións sindicais e profesionais representativas.
  • regulen os dereitos de autoría nunha lei, na que se recoñeza con claridade que os xornalistas, fotoxornalistas, deseñadores gráficos e infografistas son os autores da obra e titulares dese dereito, tal e como declarou a Comisión Europea, e que tamén se regulen nesa norma os dereitos que correspondan aos editores como titulares das plataformas necesarias para a difusión deses traballos.
  • rexistren unha proposición de lei para garantir a independencia e viabilidad económica de RTVE, a axencia Efe e os medios de comunicación públicos en xeral. Para iso deben modificar a Lei 17/2006, de 5 de xullo, da Radio e Televisión de Titularidade Estatal; a Lei 8/2009, de 28 de agosto, de financiamento da Corporación de Radio e Televisión Española, e outras normas que afecten a esta materia.
  • promovan a creación dun Consello Estatal de Medios Audiovisuais, independente do Goberno e con financiamento público suficiente, de características similares aos existentes nos países da Unión Europea, eliminando esta tarefa das atribuídas á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia na Lei 3/2013, de 4 de xuño.
  • promovan unha proposición de lei na que se regulen os dereitos e deberes dos xornalistas á peza, colaboradores/as e xornalistas por libre ou freelances, de xeito similar a como o están en Francia e outros países da UE.
  • revisen as leis citadas (Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá -coñecida como Lei Mordaza-, a reforma do Código Penal e a reforma da Lei de Axuizamento Criminal) e outras que limiten o dereito á información e a comunicación da cidadanía e os dereitos dos profesionais da información, e leven a cabo as iniciativas parlamentarias necesarias para eliminar eses artigos da lexislación española.

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) está integrado por: Agrupación de Periodistas de CCOO, Agrupación de Periodistas UGT, Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), Col.legi de Periodistes de Catalunya, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV) e UPIFC-Sindicat de la Imatge. Por acordo adoptado o pasado xaneiro, a Secretaría do FOP no presente ano tena encomendada a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP).