Cristina Lombao Ramos: "Creo que o ego xornalístico é máis masculino pero só por unha cousa: porque ás mulleres non se nos ensinou"
Está enganchada aos podcasts e non descarta facer un cando se xubile. Ten tempo para escoitar moitos percorrendo a A6 Lugo-A Coruña e vicever- sa a diario desde hai tres décadas. Lugo é a súa casa e A Coruña, a segunda residencia, á que terá que viaxar cando non traballe para ver a súa neta, que a ancorará a esta cidade. A xornalista da Radio Galega Cristina Lombao Ramos (Lugo, 1964) non ten nin idea de cando pode pedir a xubilación, pero non lle teme á parada porque di que ten moita vida fóra do horario laboral. De carácter optimista, recoñece ela mesma, ve as futuras xornalistas máis feministas e decididas. Sobre todo por unha cousa: porque as ensinaron. De camiño ao coche, un instrumento máis de traballo, defende os medios públicos, tan influenciados polos políticos como os privados polos anunciantes, advirte. A vida levouna ao xornalismo, pero xa non ten volta atrás. Ela mesma recoñece que seguirá mirando o mundo con curiosidade, traballe ou non traballe.
Por que es xornalista?
Pois non o sei moi ben. Porque me gustaba escribir, porque tiña curiosidade por todo, porque quería contar cousas e porque a vida me levou, tamén. Estudei Publicidade, non Xornalismo, pero empecei a traballar nunha emisora de radio e a vida levoume por aí.
O teu tío, Manuel Lombao, foi un importante xornalista a nivel estatal, tivo influencia na túa “vocación”?
Non. Iso si, recordo, cando era moi pequeniña, engancharme á radio porque estaba Manolo e estabas enchufada: pedíaslle que che puxera tal disco e non tiñas que esperar. Quizais á radio si que me enganchei por Manolo, pero el marchou para Madrid cando eu era moi pequena. E tamén tiven un curmán carnal da miña nai que era xornalista. É curioso. Traballaba na Axencia EFE e cando era moi pequeniña, antes de escoitar a Manolo pola radio, cando me preguntaban que quería ser de maior, eu dicía: “Como el chico de la maleta”. O rapaz da maleta era el, Enrique Vázquez, que ía cun maletín, onde debía de gardar as súas cousas.
Como dicías, non existían os estudos de Xornalismo en Galicia, por que estudas Publicidade?
Foi porque suspendín a selectividade. Había que facer a prematrícula na Complutense, pero logo non me deron o traslado. Así que estudei Publicidade nunha escola privada.
E como era a proporción de mulleres na clase?
Creo que eramos igual, ou algunha muller menos. Pero si que teño un recordo daquel momento dun anuncio que causou moitísima controversia dunha colonia, ou dunha crema, cun texto que é moi forte aínda a día de hoxe. E naquel momento xa se montou. “Toda tú eres un culito” poñía o texto e era a imaxe dunha señora, por suposto, en bolas en valos enormes. Recordo na clase falar dese tema cos profesores de publicidade, cos creativos, que estaban en axencias potentes. E a xustificación era “os publicistas non somos así, a sociedade é así. Nós somos un reflexo”. Esta escusa serve para todo. Servía nos 80 e segue servindo.
En 1988, con 24 anos, empezas xa na Radio Galega. Como foi?
Eu traballaba nunha emisora local, en Radio Lugo, facendo publicidade. As emisoras locais eran unha marabilla, porque facías de todo, así que se che interesaba aprender, podías aprender de todo. Había unha discoteca bastante interesante e eu facía un programa de música polas noites, de dez a doce, e recordo a emoción que sentín un día que lle preguntei a unha das persoas que estaban na oficina e que levaban alí toda a vida se había o “La, la, la” na versión de Serrat. Díxome: “Si, pero calquera o encontra”. Púxenme a buscalo e atopeino e logo tiven que ir limpar as mans do cheas de po que as tiña.
Así que empecei coa publicidade e logo facendo un programa. Tiña unhas amigas que traballaban na Radio Galega e un verán buscaban xente para substituír a Marcial Mouzo. Era un contrato de tres meses de verán. Recordo que fun a Santiago e a radio estaba en San Caetano, na parte de atrás mirando cara á estación de autobuses. Fixen a proba, gusteilles e empecei traballando de noite, de doce a sete da mañá, un horario moi bonito. Eran moitas horas en directo, de tres a sete, de música, chamadas e tamén me dediquei a traducir textos de relatos curtos. Estaba cansa pero paseino ben. Cando acabei dixéronme se quería seguir e, xa sabes como son estas cousas, enganchas e enganchas e ata as oposicións do 1992, que xa aprobei e vin para A Coruña.
Antes de chegar a este momento, que referentes do xornalismo tiñas?
Naquel momento escoitabamos moito Radio 3, a El Loco de la Colina, Jesús Quintero, a Andrés Aberasturi en Radio Nacional. Tamén o programa que facía Agustín García Calvo en Radio 3 ou a Sádaba. Filósofos facendo radio e moita xente escoitando... Que mundo raro aquel! E tamén escoitaba moita música.
E referentes mulleres?
Non che podo dicir referentes de mulleres. Había, pero moitas menos e non chegaban ao público xeral.
Chegas á Coruña e a redacción, tanto aquí como en Santiago, como era en termos de homes e mulleres?
Na Coruña, cando eu cheguei, estaba José Antonio Martínez, que facía deportes, e logo estaban Chus Castro e Yolanda López, así que eramos ampla maioría. E na delegación de Ferrol estaba Pichi Varela e unha compañeira que tamén aprobou a oposición naquel momento, que era Ana Ramil. A cousa estaba bastante equilibrada.
Era máis difícil nese momento lidar co machismo que podía haber dentro das redaccións ou fóra?
Escoitando o podcast La script, María Guerra di que cando a xente máis nova lle pregunta cousas deste tipo ela reflexiona e di: “É que tal cousa era machismo pero nós non o sabiamos. Era como o normal”. Machismo había e segue habendo. Hai 20, 30 e 40 anos, era máis nova e non sabía moi ben como reaccionar. Afortunadamente isto está cambiando, pero queda moito por camiñar. Daquela época aprendín unha cousa, das miles que aprendín, de Chus Castro. Ela é capaz de facer a crítica máis dura sen despeitearse, sen poñerse de mal humor, que a min me custa moito, non o podo evitar. Pero ela, con esa tranquilidade e incluso sorrindo, pode dicir: “Iso é unha machirulada, non?”. E ninguén o toma mal, pero se digo eu o mesmo, co meu ton, xa é distinto.
Xa eras vehemente naquel momento, cando empezabas?
A experiencia fai que temperes. Cando podo dicir unha barbaridade, mellor penso, conto ata dez e, logo, igual podo dicila, pero doutra maneira.
Contáronme que unha vez te negaches a aguantar un micro dun cámara e que incluso lle reprochaches a Alfonso Rueda que se ofrecese a axudar.
Eu creo que foi o día que Pedro Sánchez convocou eleccións anticipadas. Nun acto apareceu un cámara dunha axencia á que nalgunha outra ocasión lle collera o micro, como non! Pero naquel momento debía de ter o día máis reivindicativo e díxenlle que non, que era a terceira vez e que o lóxico era que fose cun redactor ou redactora, porque había moita xente no paro. Entón Rueda escoitou o tema e díxolle que llo collía el. E aí saíume da alma, sen pasar pola cabeza, díxenlle: “Home, vostede non, que xa ten traballo!”. Menos mal que a compañeira da tele riu e dixo: “Claro, vostede xa ten moitos problemas…”. E como que se alixeirou o ambiente. Cando acabou o canutazo, o primeiro que fixen foi chamar a Chus e contarlle: “Ai, ai, o que acabo de facer”. Porque realmente foi un pouco faltoso. Non o dixen nun ton despectivo, pero saíu así.
Así que os anos se notan en pensar dúas veces as cousas antes de falar, pero non sempre.
Si, ás veces non as podo reprimir. Por exemplo, con Paco Vázquez eu tiña moi bo feeling, e el comigo. O día do aniversario da caída do vertedoiro de Bens, eu tiña que preguntarlle por iso nun acto. Era tardísimo, había moitísima xente e díxenlle á persoa de prensa que se nos podía atender o alcalde un minuto antes porque estaba pilladísima de tempo. Mentres ía dicirllo, fíxenlle un xesto de “córtanme o pescozo” se non pregunto. Finalmente, el atendeunos fenomenal e listo. Ao día seguinte fun a outro acto preguntarlle outra cousa. Chovía moito e achégase Paco e dime: “Ahí está usted, que me hace preguntitas y me dice que me va a matar”. El entendera que a simulación do corte no pescozo era unha ameaza, non que me fosen cortar o pescozo a min na radio. Nunca lle parecía mal nada e os compas xa me dicían: “Pregúntalle ti, que non che contesta mal, contigo non se enfada”. E era verdade.
O teu carácter, de ser directa e clara, é por ser muller nunha época moi machista ou vén de serie?
Eu creo que vén de serie. Unha das anécdotas que me contaban na casa de cando era pequena era no colexio, un colexio de monxas fronte ao negocio da familia. Sor Lidia, que era unha monxa de párvulos, tiña como unha castañola para mandar calar e dixo sílaba a sílaba: “Cris-ti-na”, e eu contesteille: “Que-pa-sa” [risas].
Como era esa cidade da Coruña que coñeciches cando chegaches, no ano 92?
Estaba Paco Vázquez en pleno esplendor e vin que a cousa do coruñesismo, de todo para nós e nada para os demais, era mentira. Había unha construción que a Paco Vázquez lle conviña e xogaba con ela. Eu da Coruña aprendín que tiñamos que querernos un pouquiño máis os que non somos de aquí. Había unha cousa que me facía moita graza, que era que A Coruña era o primeiro sitio de España, se non de Europa, se non do mundo, onde tal cousa. E ti dicías: “Non, que na miña vila iso xa se leva facendo desde hai anos”. Recordo unha conferencia de prensa co concelleiro de Cultura Méndez Romeu sobre as escavacións do Castro de Elviña e o seu director estaba falando de que lle sorprenderan moito as súas dimensións. Eu chegara tarde á conferencia e sentei moi preto da cabeceira da mesa. O director empezou a virse arriba e dixo que a muralla do castro era tan importante como a de Lugo. Entón pousei o bolígrafo pensando: “Ata aquí”. El deuse de conta e dixo: “Ben, como a de Lugo non”. Ata certo punto encántame que se queira tanto unha cidade sen desprezar a ninguén. Creo que todo o mundo debía aprender iso. Que mais vivín? Vin nacer un xornal como La Opinión, que estivo dirixido por unha muller e que foi unha emoción tremenda, porque cando ías ás conferencias de prensa eramos maioritariamente mulleres pero nos postos de dirección seguían sendo, e seguen sendo, moi poucas.
Tiveches moitas xefas? Notas diferencia nos cargos directivos cando son mulleres ou homes?
Eu tiven unha sorte inmensísima de ter de xefa a Chus Castro moitos anos. Era marabilloso porque discutía con ela, claro, pero é fantástico poder discutir con alguén que che escoita e que ás veces che fai caso e outras non. Pero que sabes que sempre podes contar con ela, que nunca te vai deixar tirada en ningún caso. O xornalismo ten moitos problemas, moitas discusións, moitos enfoques, moitas prioridades… pero traballar nunha empresa pública ten un extra de dificultades polas persoas que non son xornalistas ou que teñen criterios que non son xornalísticos. É importante quen manda e, sobre todo, os cargos entre os altos cargos e os manzanillos. Pero tamén vou defender a empresa pública. Aínda que eu non estea de acordo con moitas cousas que están sucedendo neste momento, creo que a empresa privada tamén ten moitos condicionantes. A xente di que na Radio Galega manda o goberno, pero nas privadas poden mandar os anunciantes. Se algo temos na pública é que está moi claro.
Seguindo co tema máis profesional: viches a precarización da profesión nestes anos?
Si, ves como onde antes había seis persoas, entre A Coruña e Ferrol, agora somos dúas para toda esa área. O enfoque da empresa é que non hai radio e tele, aquí somos todos corporación. Pois imos ver como se desenvolve…
A empresa pública debería ser exemplo…
Por filosofía debe ser punta de lanza de dereitos laborais, de salarios dignos, porque despois os medios de comunicación privados van detrás e cando isto falla na pública a situación do resto de medios vai incluso peor. Se isto pasa aquí, nunha privada, na que van obter beneficios… Se en vez de ter un técnico e un xornalista, o xornalista fai de técnico, é un soldo que aforran e iso está pasando. Repercute na calidade? Absolutamente, na calidade do produto, na saúde mental da traballadora…
E no que ve a audiencia.
Meu irmán viviu en Londres un par de anos e cando chegou chamoulle moito a atención que había convocadas no seu barrio unhas asembleas porque a BBC quería abrir unha canle de todo novas. El foi e había unha gran cantidade de xente na asemblea falando da BBC como tema único. Eran conscientes de que ese medio de comunicación era parte deles e de que tiñan algo que dicir. Aquí non existe esa conciencia cos medios públicos nin cos españois, non sei se en Euskadi ou en Cataluña… Ás veces escoito cousas coas que non concordo como, por exemplo, que os medios públicos non están para competir cos privados. Entón para que están? Están para dar a maior calidade, o maior entretemento e o maior rigor. Compiten para ser os mellores.
Viviches épocas nas que os políticos non levaban o argumentario tan estudado.
Nótase moitísimo: agora non se saen da vía e é moito máis difícil acceder para facer unha pregunta. Para min foi terrible porque ademais é igual a quen lle preguntes, pode ser de todo o arco político. Ti pregúntaslle ao responsable local de aquí e ao do outro extremo e vanche dicir o mesmo. Iso é moi triste, realmente. Antes había máis soltura e pasaba o que pasaba, ben para os xornalistas, mal para eles. Agora está moito máis restrinxido. E o asunto este de pedir o audio e que cho mande o responsable de prensa... Teño o audio pero non podo preguntar! E eu quero preguntar. E, despois, calquera cargo público contesta se quere, claro, pero que non nos quiten o dereito, a posibilidade de preguntar. Chus sempre dicía: “Pódese preguntar calquera cousa, o importante é o como”. E non só por preguntar cousas non relacionadas co tema das convocatorias, ás veces les unha nota de prensa e quedan dúbidas.
Unha das túas compañeiras di que es optimista, colaborativa e que non hai un día que non a fagas rir. Veste reflectida nesa definición?
Hoxe non me pillas no día optimista pero si que o son. Intento poñerlle boa cara as cousas porque se non isto doe moito todos os días. Ímoslle sacar a parte máis graciosa á vida porque creo que a risa o cura todo. O de colaborativa… se podo botar unha man aos meus compañeiros ou ás miñas compañeiras non teño ningún problema. Non me importa redactar unha nova e que a leas ti, non quero ser famosa nin teño ese ego xornalístico que teñen algúns.
Ese afán de notoriedade é máis masculino ou máis feminino?
Creo que é máis masculino pero só por unha cousa: porque ás mulleres non se nos ensinou. Quero dicir, as mulleres tiñamos un papel do que estamos saíndo, afortunadamente, que era ser boíñas porque os que ían saír polo mundo arriba eran eles. Entón creo que está moi ben que as mulleres teñan ego e que reivindiquen, paréceme marabilloso. Hai que mirar cara ás novas xeracións. Eu aprendo un montón de cousas da miña filla pequena, que ten 28 anos, e dos seus amigos e amigas. Está moi ben que teñan ideas moi claras, que saiban onde queren ir. Iso encántame.
Sempre viviches en Lugo e sempre traballaches, excepto algúns períodos, na Coruña, nunca consideraches mudarte?
Non, é que Lugo ten a miña casa e a miña familia. O meu home non tiña posibilidade de desprazarse polo seu traballo, tiñamos tres fillos e eu tiña familia en Lugo que me podía botar unha man e aquí, na Coruña, non. E agora vou ter unha neta coruñesa! Sempre estiven encantada vivindo en Lugo, vou camiñando pola rúa e síntome como na casa.
Comentabas que tes tres fillos. Sendo muller, traballadora e fóra da cidade, é máis duro?
Teño un marido que é unha persoa marabillosa e é pai dos nosos fillos. Teño un marido feminista. E tampouco houbo ningún problema dentro da empresa. As mulleres temos que reivindicalo absolutamente todo todos os días, non dar nada por gañado, polo que estamos vendo. Pero tamén creo que temos que ser serias. Eu, cando naceu o meu primeiro fillo, collín as vacacións o mes anterior a dar a luz. Cando quedei embarazada do segundo xa era unha mamá experimentada, co cal o meu fillo naceu a principios de xuño e eu deixei de traballar moi a finais de maio. E coa miña filla, a terceira, ela naceu un día 19 e eu, o venres anterior, que era 13, estaba traballando. Fun moi afortunada cos meus embarazos. Como un embarazo, no meu caso, non é ningunha enfermidade, creo que podes reivindicar ter un comportamento digno e mirar a xente á cara. Porque vexo moita xente que para min non ten comportamentos dignos e logo se dedica a predicar. Para mi esa xente perde a credibilidade. E unha vez que naceron, o seu pai e eu organizámonos sempre. E tamén tiven a sorte de contar coas miñas compañeiras, para tema de quendas, iamos arranxando, e non tiven ningún problema.
Contáronme que, unha vez, estando embarazada, nunha visita ás obras da autovía A6, García Sabell, sendo delegado do Goberno, pedía que non te puxeses de parto porque era o único médico presente.
Pobre García Sabell! Foi do meu fillo Antón, do mediano, no 94. A A6 en plena construción e se había alguén interesado no mundo en que se fixera a autovía era eu. Todos os compas me preguntaban cousas do trazado. Iamos ver as obras entre Coirós e Montesalgueiro montados en jeeps e o pobre pasouno fatal, de verdade. Cada vez que parabamos para ensinarnos algo, viña e preguntábame: “Estás ben?”. E eu: “Si, si”. Por fin, cando chegamos a Montesalgueiro, dixo: “Alégrome moito de que esteas ben, que hai moito tempo que non asisto un parto, e non tiña ganas de facelo”.
Presentaches o magazine O Tren do Serán, entre 2007 e 2009, como foi?
Foi moi duro, eran moitas horas e traballei moito. Ás veces sentinme un pouco soa, pero foi unha experiencia moi, moi gratificante. Cando acabou o programa, hai xente que che escribe e que che conta que grazas a ti descubriu cousas que non sabía e só por iso merecen a pena todas as amarguras. Por outro lado, foi fantástico porque naquel momento era director Virgilio Costas e de xefe de programas estaba Xurxo Souto, e con eles encontrábame moi a gusto porque non había presión. Recordo un día en que Virgilio me pediu entrevistar un amigo que presentaba un libro, algo que facemos todos. Pero a min non me gustaba moito, así que lle dixen: “Se o teño que facer, fágoo o mellor que sei, pero se atopas outra persoa que teña mellor feeling, mellor para todos”. Pois non o fixen e non houbo ningún problema. Cando traballas con ese nivel de tranquilidade é fantástico. E eu tiven algunha metida de zoca e tamén houbo chamadas ao despacho e tiven que dicir: “Tes razón, mea culpa. Síntoo moito”. O día que volvín á delegación, entrei moi cedo e estaba a responsable da limpeza e preguntoume que tal. E eu díxenlle: “Xa sei que tiña que estar moi triste, pero estou moi contenta de volver aquí”. Rematei moi cansa.
Algún recordo inesquecible?
Hai unha cousa que me pareceu moi emocionante e á que non se lle deu ningún valor… Había un programa na televisión, Tengo una pregunta para usted, no que os políticos respondían preguntas de xente da rúa. Un rapaz de Cádiz preguntoulle a Zapatero polas minas antipersoas, porque lera artigos nos que denunciaba esta situación un xornalista, e tamén fotógrafo, que traballara moito para o Heraldo de Aragón. O tema tivo bastante repercusión e conseguimos xuntalos aos dous, porque o que preguntou resultou ser de Ferrol.
Neses anos, en 2007-2009, que estabas metida nun estudio, botabas de menos a rúa?
A rúa sempre se bota de menos, pero como era tan dinámico o programa, facías tantas entrevistas, viña xente aos faladoiros… había moita vidilla. Entón, botábase menos de menos. Pero agora se estou aquí unha mañá sen saír… Pasoume traballando na delegación de Lugo, unha das compañeiras é unha bulebule tremenda e se non saía algún día dicíame: “Maña se só hai unha saída, tócame a min”. Creo que é como se aprenden cousas. Na miña casa xa saben que vou á compra e volvo cunha película porque te vas fixando en todo, vas captando. Vas escoitando, cóntanche, e ti preguntas.
Na cuestión do machismo, como cambiou o tratamento xornalístico? Por exemplo, na violencia de xénero…
Si que se nota o de “la maté porque era a mía” ou que era “por celos”. Eran “crimes paixonais”. Pero seguen cuestionándose cousas, como ese horror de vídeo das preguntas dun xuíz a unha vítima [do caso Errejón]. Cando empecei a traballar na radio, había un programa que entrevistaba a “mulleres de”. A persoa que o facía deixou a radio e entón pasáronme a min o programa e eu dixen: “Se non vos importa, eu vou entrevistar mulleres. Punto”. Eu creo que a primeira que entrevistei foi a María Xosé Queizán e pregunteille polo machismo, claro. E ela dixo unha frase que me repica moito, que é: “As vítimas nunca son culpables. E hai moitas vítimas, non é só a vítima stricto sensu, senón as da educación.” Hai unha frase que eu aborrezo que é “sempre foi así”. E sempre contesto: “Pois igual é que sempre se fixo mal”. Si que se ve o cambio nos anos, pero ás veces les cousas…
En representación feminina, aquí e noutros medios ou espazos, aínda falta?
Totalmente. Hai pouco fun a Palexco a un acto e había igual 70 homes e tres mulleres… Aí, nesas fotos, si que se nota moitísimo. Pasa por exemplo nos actos públicos de empresas como Navantia. E estou segura de que nas facultades de Enxeñería hai moitas mulleres. Pero logo, onde están? É terrible. Ou nos consellos de administración. Ou te chamas Paloma Botín ou a cousa está moi difícil. Hai moitas veces que nós mesmas non queremos estar aí porque valoramos outras cousas, porque temos medo de… É o que se di porque así nos ensinaron.
Xa pensas na xubilación?
A min encántame o meu traballo, pero é que me gusta moito a vida. Encántame estar coa miña familia, ir á praia, nadar e o dolce far niente, reivindícoo totalmente. Tamén vou confesar que eu fago a Primitiva, a Bonoloto… imbécil non son, pero eu con vivir dignamente… E afortunadamente podo facelo. Non pido máis. Recoñecemento, fama… para que? Son cousas que non valoro pero gústame ver que á xente á que admiro lle vai moi ben. Por exemplo, a Carlos Blanco ou a Touriñán. Cando buscaba colaboradores para O tren do serán, chamei a Carlos porque traballou na Radio Galega e fixemos moi boas migas. Paréceme un absoluto xenio porque, máis alá de actor, escribe uns guións impresionantes. Quería alguén que comentase as novas do día, pero el dixo que non se podía comprometer porque viaxaba moito, e deume o número dun amigo seu, Touriñán. E dixo que si. Contabamos historias todos os venres e algunhas veces repetíaas con Mucha e Nucha, no Luar. Alégrome moitísimo de que aos dous lles vaia ben, de poder aplaudirlles, pero eu a fama non a quero.
Entón, tes ganas de parar?
Teño ganas de facer outras cousas. Facer un podcast encantaríame, ou un blog para comentar a actualidade. Ti cres que alguén deixa isto? Pero algo que aprendín, e é marabilloso, é que non somos o centro do mundo e que o importante na vida non é o teu traballo. O importante son outras cousas e o traballo é un castigo divino. Pero si que o meu traballo me gusta moito, aínda que agora mesmo non está no mellor momento. Aínda así, estou escoitando moitas cousas interesantes e aprendendo moito. A xente que vén detrás, hai algunha con moitas ideas, facendo cousas preciosas. Que ben que se volven contar cousas interesantes e que a xente teña interese por escoitalas!
ÁNGELA CASAL FERNÁNDEZ
Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña
