O Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol convocan o vixésimo Premio José Couso
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, coa colaboración do Concello de Ferrol, abren a convocatoria da XX edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Pódense presentar candidaturas ao galardón desde hoxe ata o luns 26 de febreiro ás 14:00 horas.
O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
Calquera membro do CPXG ou do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada de forma demostrable ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao correo electrónico premiocouso@xornalistas.gal ou a través da páxina web do premio.
Ata as 14:00 horas do 26 de febreiro poderanse presentar as propostas, que se van anunciar como definitivas o martes 5 de marzo. Entre ese día e as 14:00 horas do luns 8 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa.
O Premio José Couso é un recoñecemento promovido pola profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador ou gañadora recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de “Ás ceibes”.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezanove edicións anteriores foron para Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
CPXG