Continúa aberto o prazo para presentar proxectos á VI Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
O vindeiro mércores 30 de xuño remata o prazo para optar aos 6.000 euros da VI bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2021, 2020, 2019, 2018 ou 2017) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade futura do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional.
Máis información nas bases da bolsa.
CPXG