Consulta o vídeo e a documentación do curso 'Comunicación social para combater o discurso do odio'

Este mércores 30 de xuño tivo lugar o curso online 'Comunicación social para combater o discurso do odio', coorganizado entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, para fornecer ferramentas coas que contrarrestar o discurso do odio. O vídeo e a documentación do curso xa se encontran dispoñíbeis para as colexiadas e colexiados no apartado de formación da intranet de xornalistas.gal.

Co curso online "Comunicación social para combater o discurso do odio" estreou este mércores 30 de xuño a plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, unha nova ferramenta para contribuír á aprendizaxe continúa na profesión e á mellora do xornalismo realizado na nosa comunidade. Así, a partir de hoxe, toda a documentación e o vídeo do curso estarán ao acceso de todas as colexiadas e colexiados do CPXG no apartado de formación da parte privada da web. Lembra que para entrar na plataforma de formación online, cómpre acceder á páxina de xornalistas.gal co teu usuario e contrasinal. Se aínda non dispós das claves para acceder, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
 
Que é o discurso do odio? Como afecta á sociedade ese discurso? Moitas veces temos tan interiorizadas determinadas linguaxes que é difícil que nos deamos de conta de que con elas tamén se está a transmitir odio. Apoiándonos en exemplos reais, neste curso observamos como ese discurso está presente en multitude de traballos xornalísticos, independentemente da temática que traten. Como resposta para poder contrarrestar ese discurso, alén de vermos, en liñas xerais, algunhas técnicas para combatelo, analizamos e propuximos narrativas alternativas.
 
A charla estivo impartida por Uxía Pérez Fieiras e Verónica Couto Tasende, ambas as dúas xornalistas ademais de técnicas de educación social de Agareso. Ademais, Pérez Fieiras é estudante de mestrado en Deseño Gráfico e Entornos Dixitais (LABASAD) e en Intervención Social, e foi produtora de Tras la valla, unha curta documental sobre a situación da inmigración subsahariana en Marrocos. Verónica Couto, pola súa banda, foi guionista de Tras la valla e ten traballado como redactora en La Voz de Galicia, como locutora en Radio Voz e como guionista e editora de vídeo en Tik Tak Draw.
 
CPXG