Consellos para fomentar a igualdade salarial nas redaccións
A Federación Internacional de Xornalistas compartiu este luns, co gallo da celebración do Día Internacional da Igualdade Salarial, unha serie de recomendacións para que os medios de comunicación fomenten a transparencia e a igualdade de cara a eliminar a fenda salarial. A organización lembra que "o xornalismo non é unha excepción" na discriminación salarial das mulleres.
Con motivo do Día Internacional da Igualdade Salarial, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) publicou, este luns 18 de setembro, unha serie de seis consellos destinados a favorecer que os medios de comunicación estabelezan a igualdade salarial nas súas redaccións. Así mesmo, a organización internacional lembra aos gobernos de todo o mundo a importancia de adoptar leis firmes en materia de igualdade salarial.
En concreto, a FIP recomenda aos medios a adoptar principios claros de transparencia nos salarios e fomento da igualdade a través das seguintes medidas: utilizar escalas salariais transparentes nas redaccións, anunciar publicamente todas as ofertas de emprego, estabelecer unha política de igualdade de oportunidades, realizar unha avaliación anual de todo o equipo, levar a cabo unha auditoría sobre igualdade salarial nos lugares de traballo (media salarial entre homes e mulleres) e publicar os resultados, e garantir que as persoas que soliciten un permiso de maternidade ou paternidade regresen ao posto de traballo coas mesmas condicións laborais e salariais.
Desde a FIP salientan que, segundo os datos da Organización Internacional do Traballo, as mulleres perciben un 20% menos de salario que os homes a nivel global, "e o xornalismo non é unha excepción". Neste sentido, lembran o caso da BBC, onde unhas 700 xornalistas recibiron aumentos salariais logo de que unha sentenza recoñecera que a presentadora Samira Ahmed cobraba seis veces menos que o seu homólogo masculino presentando un programa similar.
O 18 de decembro foi estabelecido como Día Internacional da Igualdade Salarial pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas na súa resolución 74/102 de 2019, e celébrase todos os anos desde 2020. A súa conmemoración "representa os esforzos constantes por conseguir a igualdade salarial por un traballo de igual valor", unha loita baseada "no compromiso das Nacións Unidas cos Dereitos Humanos e contra todas as formas de discriminación, incluída a discriminación contra as mulleres e as nenas".
CPXG