Celébrase o Día Mundial da Televisión
O 21 de novembro é a data marcada polas Nacións Unidas para a celebración do Día Mundial da Televisión, que quere promover o intercambio de programación sobre temáticas sociais, culturais e de desenvolvemento. Este ano, a organización salienta a resistencia do medio televisivo como método de acceso ao audiovisual e a súa transformación para ofrecer distintos contidos multimedia e interactivos.
Este 21 de novembro, como cada ano, celébrase o Día Mundial da Televisión, estabelecido en decembro de 1996 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para conmemorar a data na que se celebrara, ese mesmo ano, o primeiro Foro Mundial da Televisión, onde importantes figuras deste medio de comunicación se reuniron para buscar métodos de reforzar a súa cooperación. A conmemoración desta data ten como obxectivo promover "intercambios mundiais de programas de televisión centrados, en particular, en cuestións como a paz, a seguridade, o desenvolvemento económico e social e a promoción do intercambio cultural".
Este ano, desde as Unesco lémbrase que malia aos cambios nos tamaños de pantalla e nos hábitos de consumo de contidos a través de distintas plataformas, a television continúa a ser a maior fonte de consumo de vídeo e o número de fogares con televisores non deixa de aumentar en todo o mundo. Ademais, faise fincapé na evolución do medio televisivo, que xa non é só unha canle unidireccional, senón que ofrece unha ampla gama de contidos multimedia e interactivos, como vídeos en streaming, música ou navegación por Internet. "A interacción entre as formas emerxentes e tradicionais de transmisión crea unha gran oportunidade para crear conciencia sobre os problemas importantes que enfrontan as nosas comunidade e o noso planeta", aseguran desde a organización.
Na plataforma de videos das Nacións Unidas póñense a disposición distintos contidos relacionados coas temáticas do Día Mundial da Televisión, producidos para servizos informativos, medios sociais ou outro tipo de plataformas. Ademais, desde as distintas canles de televisión realízase cada ano máis programación organizada arredor da celebración desta data. Así, por exemplo, nesta ocasión Atresmedia decidiu centrar conmemorar este día cunha campaña que reivindica a importancia da televisión accesíbel con contidos adaptados.
CPXG