Carmen Merelas Rico: "É bastante común nas mulleres que fagamos cousas só para que se vexa que tamén estamos, que tamén facemos"

Foto: Lucía Junquera

Despois dunha hora de recordos encadeados, recoñéceo: “Facendo entrevistas a políticos era boa”. É quen de detallar mil anécdotas e tamén de esquecer case todos os apelidos de xefes, compañeiros e políticos. Pónselle cara de pillabana cando fala das moreas de veces que os seus xefes aguantaron reproches polos seus titulares, mais rapidamente admite que ser un pouco macarra nunca foi motivo de reprimenda para ela. Agora cae na conta de que tivo a sorte de medrar nun grupo editorial como Prensa Ibérica e nun momento onde os argumentarios políticos non eran o único que dicían aqueles Fragas, Vázquez ou Baltares. Carmen Merelas Rico (Barakaldo, 1960) foi a primeira directora dun xornal en Galicia, de La Opinión de A Coruña e nin sequera se deu conta da xesta ata que a chamaron para entrevistala doutro medio. Desa última época da súa traxectoria profesional di que botaba de menos “ser” xornalista e que se foi sen aprender a botar broncas. Malia a súa síndrome da impostora permanente, séntese orgullosa de ter formado un bo equipo e de ter sabido colocar cada xornalista no sitio onde mellor traballaba.

Opina que os cargos de responsabilidade non chegan ás mulleres e que cando se ofrecen, elas son máis conscientes do que supón e menos egocéntricas, polo que os rexeitan máis. Ela mesma se negou antes de acabar asumindo o cargo por responsabilidade coa empresa e co equipo. Bríllanlle os ollos ao falar das novas xeracións de mulleres xornalistas, que están máis preparadas, di, e aínda lle chispean máis cando fala da súa filla, da que admira que non se amedrente ante ninguén. Ten a quen imitarlle.

Houbo algún momento en que consideras que queres ser xornalista?

Os meus pais emigraron  de Galicia ao País Vasco con cincocentas pesetas e eu nacín en Barakaldo. Na miña casa sempre se leu o xornal. Cando era cativa, comprábase La Gaceta del Norte porque era o único tamaño saba e viña moi ben para envolver a funda da fábrica en que traballaba o meu pai. En canto reduciu o tamaño pasaron a mercar El Correo. Líase o xornal todas as fins de semana e comentábase e sempre se escoitou a radio. Á hora de elixir carreira, eu quería letras e na universidade pública había Maxisterio, que tiña claro que non quería; Socioloxía, que si me gustaba, pero non moito; e Xornalismo. Como sempre me interesou a información, as historias da xente, elixín Xornalismo. Pero non é que eu quixese ser xornalista desde pequena nin fixese entrevistas aos meus amigos nin nada diso. Non, foi un descarte dentro das que me gustaban.

Tiñas algún referente ou parecíache unha opción, como muller, estudar xornalismo nese momento?

Gustábanme Maruja Torres, Rosa Montero, Rosa María Calaf... Pero non é que eu quixese ser xornalista por elas. Ou sexa, eu non reflexionaba: como son muller non podo ser xornalista. Na casa non lles gustaba, pero porque era unha cousa que non acababan de entender. Meu pai tería dado calquera cousa por que fixese Medicina, algo máis clásico. Dicía, de coña, “se fas Medicina estou disposto a deixar de ir tomar os viños para aforrar”; e o de tomar os viños cos compañeiros ao saír de traballar era un compromiso social ineludible, de modo que si sería un gran sacrificio pola súa parte, pero non tivo sorte. Na miña época, aos teus pais dicíaslle xornalista e o primeiro que lles viña á cabeza eran mulleres na guerra. Vamos, unha tolemia.

E xa na carreira, no País Vasco, que ambiente había con respecto a ser muller?

Na carreira había mulleres, non sei se eramos o 50%, pero non me sentín un becho raro. Eu non tiven conciencia, en ningún momento, de ser minoría.

E ves a Galicia.

Eu botaba os veráns entre Teixeiro e A Coruña, así que cando estaba a acabar, tentei facer prácticas aquí, nun mundo completamente alleo a min. Ninguén che dicía que tiñas que facer. Total, que rematei facendo prácticas na Coruña, en Radio Cadena (antes de Radio Nacional de España).

Non considerabas traballar no País Vasco?

Alí era máis difícil, non é que idealizase Galicia. Foi casualidade, un tema práctico, como me foi pasando a min na vida en xeral. Estiven todo o verán en Radio Cadena e encantoume, gustoume moitísimo. De feito, a min gustábame máis a radio. Era a época en que escoitaba todo o tempo Radio 3 e a Ser. E chamáronme de La Voz de Galicia para facer prácticas en Vigo. Isto debeu de ser no ano 85 e estiven un mes alí.

Como foi a acollida?

Na redacción de La Voz era a máis nova, así que me adoptaron, por así dicilo. Había moitos actos da campaña electoral ou da precampaña, que daquela era algo moi importante, e a min levábanme os maiores e tamén ás copas de despois, onde seguían falando de política, de cultura, de todo... pero sen poñerse intensos. Así que chegou un momento en que eu coñecía moitos xornalistas consagrados como Marisa Real, María Xosé Porteiro, Carmen Parada, Segundo Mariño, Gustavo Luca de Tena... sendo eu unha manzanillísima.

Non sei, caín en graza, era como a súa protexida, aprendín moito. Flipaba con que me pagasen por ese traballo, por contar historias. Pasábao xenial! Alucinaba! Daba igual que fose unha manifestación que o inicio da campaña marisqueira. Pensaba: “Co aburrido que era estudar e traballar é incrible”. Encantábame tamén o ambiente: era o Vigo aínda da movida anque eu sentíame unha patana de Barakaldo. Ao acabar as prácticas en La Voz volvín a Radio Cadena, en Vigo, e tocoume seguir as eleccións autonómicas. Estaba na sede de Esquerda Galega e, de súpeto, entrei en directo en nacional. Foi un momento cúspide na miña historia (risas). Que bo!

E chegas a Faro de Vigo.

Creo que Armesto, o director do Faro de Vigo, me contratou por insistencia destes xornalistas e sobre todo de Marisa Real, que facía unhas entrevistas incribles que talvez agora non se poderían facer. Por exemplo, titulou unha a un alcalde: “Os contrabandistas somos xente honrada”. Faro de Vigo decidiu ampliar a delegación de Santiago, onde ata entón só estaba Javier García Sánchez. Nomearon delegado a Ánxel Vence, ao que lía en El País. Non podía imaxinar un mellor xefe: parecíame que estaba a outro nivel, que eu non podía imitalo xamais. 

Por que cres que caíches en graza?

Non é por presumir, pero estílase moito en Bilbao o de non deixarse abraiar polo poder. A min meréceme tanto respecto ou máis, depende da situación, a señora da limpeza que o conselleiro. Creo que iso, hai corenta anos, daquela, chocaba un pouco en alguén que estaba a comezar.

E había algún tipo de condescendencia por ser muller e moza?

En xeral, sufrín grandes doses de condescendencia ao longo da miña carreira, pero imaxino que como case todas. Había un redactor maior que, cando estabamos na redacción, soaba o timbre e dicía: “Nena, abre a porta. Nena, abre a porta”. E eu, xa che digo, era moi de Barakaldo, así que quedaba sentada. Pero non era por conciencia feminista: é que me saía así, natural, non consentir ese ton. E el seguía: “Nena, non me oes? Abre a porta”. E entón outro dicíame “Carmen, por favor, abres a porta?”. Nese momento levantábame como un resorte e abría.

En Faro de Vigo comezas a facer crónica política.

Entrei no ano 86 e nunha delegación faise de todo, tanto as cotizacións do mercado do gando de Salgueiriños, como un pleno municipal, como unha entrevista a José Carreras. Ao primeiro, como a maioría nesa época, quería facer cultura e sociedade, pero estaba en Santiago e engancheime á información política. Estaba rematando de configurarse a administración autonómica. Santiago era un centro de conspiracións contra o presidente Fernández Albor. A saída de Barreiro da vicepresidencia da Xunta, a chegada de Rajoy, a moción de censura que fixo a Laxe presidente…  Pasaban moitas cousas: imposible non quedar atrapada por ese tipo de informacións. Cando envían a Vence a Vigo como subdirector, entrou de delegada Ana Viqueira, que só tiña tres anos máis ca min, pero xa foi o meu top profesional, o meu referente. Aí xa si que me convencín definitivamente que o meu era o xornalismo. Ensinoume o que sei, foi a miña mestra e a miña amiga.

Ía preguntar se, naquel momento, nos anos 80, lembrabas moito machismo dentro da profesión, pero realmente mencionas moitas mulleres ao redor, non?

Eu non o vivín, case que o vía máis fóra do que dentro da propia redacción. E tamén é certo que estaba nunha delegación. De delegada estaba Ana Viqueira; logo en El Correo Gallego estaba Isabel Bugallal, á que admiraba moito, que despois estivo connosco en La Opinión. Había bastantes mulleres xornalistas, pero non en cargos de responsabilidade, que eu lembre. No tema político, no Parlamento, aí si que maioritariamente eran homes e aí si que notabas quizais máis un tratamento distinto ou certas dificultades. Pero esa condescendencia, ás veces, como redactora, víñame ben porque favorecía que me falasen con menos preocupación e menos filtros. Vamos, que me contasen a verdade na época na que non había argumentarios. Quero dicir que, aínda que estivese mal, non era unha desvantaxe se ti tiñas claro quen eras e o que querías.

Si que había algunha anécdota que me fixo moita graza, cando estaba na delegación, non levaba moito tempo, e fixeron unha rolda de prensa no Arcebispado, con Rouco Varela. Normalmente ía o compañeiro Javier pero mandáronme a min e era a única moza. Vin que Rouco Varela torceu un pouco o xesto e preguntoume, cun sorriso forzado: “Ti es xornalista?” E entón eu díxenlle: “Si, licenciada en Ciencias da Información pola Universidade do País Vasco”. Despois chamaron do Arcebispado á delegación para ver por que me mandaban a min porque era algo moi importante. E, claro, rimos.

Como foron eses anos?

Dicíase que en Santiago, nesa época, só había xornalistas, políticos e profesores. Todo o mundo estaba fóra da súa casa, facíase piña, saíase todos os días e falabamos sobre todo do traballo. Era xornalismo as 24 horas. E Ana (Viqueira) involucrábame  en todo iso. De Ana aprendín moitísimo, aprendín a facer entradiñas, a non usar xerundios, cousas moi prácticas, moi de oficio, pero tamén da súa forma de entender o xornalismo. Despois foise Ana e houbo un momento en que eu, aínda que non era delegada, exercía de responsable, por antigüidade.  E chegou [Francisco] Orsini, que empezou comigo e quedou á fronte da delegación cando vin para A Coruña, no 93, cando naceu a miña filla.

Como foi esa decisión?

Eu non o pedín, decidiron por min, entre aspas, mandarme á delegación de Coruña polo meu ben, porque era máis cómodo. Agora pénsoo e veume ben, pero naquel momento, eu facía información política, tiña o meu nome, estaba asentada nun tema importante…  En Santiago estaba todo o bule bule e A Coruña parecíame un pouco menor, en certo modo, pero fun buscándome a vida. Acabei facendo información política galega desde A Coruña. 

Como era estar soa na delegación?

Pois facía de todo. Por exemplo, unha mañá estiven a visitar as obras da autovía, á tarde outro tema de política e á noite nun desfile de Claudia Schiffer. Era un pouco atafegante, pero tamén era moi divertido.

E como encaixaba este ritmo coa maternidade?

Pois mal e, por riba, no meu caso, o seu pai tamén era xornalista, así que a nena estivo nas dúas redaccións. Non tiñamos rede, menos mal que a miña filla era moi sociable e fabulosa. Por exemplo, un sábado, o seu pai estaba a facer unha reportaxe fóra da Coruña e de súpeto avísanme de que un garda civil matou a súa muller en Lonzas. A nena era un bebé e acabei recorrendo á miña veciña. Foi o inicio dunha boa amizade. Débolle moitos favores. O día a día tiñámolo máis ou menos controlado. Unha moza, Mari Jose, que hoxe é unha grande amiga, recollíaa do colexio e quedaba ata que chegabamos o seu pai ou eu. Cos horarios infernais non había outro sistema. O problema eran os imprevistos. Cando non atopaba outra solución levábama á delegación comigo; ao estar soa, algunha vantaxe tiña que ter! E vivín momentos complicados, como unha vez que houbera un caso de narcotráfico e chamei ao Ministerio de Interior e tiña que taparlle a boca á nena na cadeira porque non parecía moi serio que escoitase a voz dun bebé por detrás da conversación, “pa pa pa”. E pola delegación foron pasando compañeiros como Xaime Calviño, Sonia Vizoso, Marta Villar e íanlle ensinando cousas… A miña filla adaptouse a todo, sempre foi moi independente. Xaime un día estaba a queixarse porque non lle acababa de saír un tema e ela, que estaba a pintar, preguntoulle preocupada: “Que pasa? Non atopas noticias?”. Pero ben, non parece que lle afectase (risas).

Tiñas compañeiros de delegación, pero non a longo prazo?

Ía pasando xente, pero sempre acababan recibindo ofertas con mellores condicións salariais e marchaban. Pasou xente moi boa e a todos os conservo como amigos. 

Cando che di a dirección do xornal que van abrir La Opinión de A Coruña?

Unha cousa que eu vivín en Prensa Ibérica é que non era unha editorial moi xerarquizada e os directivos falaban connosco como un máis. Cando mo comentan e me preguntan que me parecía, eu dixen: “A ver, non sei se vos destes de conta de que hai dous, La Voz, que é todo nesta cidade, e El Ideal Gallego. Eu non o vexo”. Pero o editor sempre considerou que había oco para un xornal diferente e está claro que tiña razón. Outra cousa que dixen foi: “Se hai que montar un xornal o que fai falta son xornalistas”. Non se pode competir cun xornal tan grande sen bos xornalistas, non podían ser manzanillos. Eu coñecía moitos xornalistas da Coruña porque coincidiamos nas roldas de prensa e vía como traballaban. Fun unha especie de responsable de recursos humanos encuberta, participei bastante na selección. Así que montamos unha redacción moi boa e tamén melloramos as condicións laborais doutros xornalistas que non viñeron, pero a nosa chamada serviulles para que lles subisen o soldo nas súas empresas. Aínda me deben algún café.

E non che ofreceron a dirección do xornal naquel momento?

Non, non ma ofreceron, aínda que tampouco a querería. Empecei como redactora xefa de Local porque, claro, o máis complicado era facer a cidade e eu estaba aquí. Aínda que fose moi feliz facendo Galicia ao meu aire.

Como afrontaches ese reto?

Eu creo que o xornal ao principio saíu ben porque había unha grande empresa detrás e porque eramos unha banda de xente ilusionada, que criamos moito na nosa profesión e tamén hai que ter en conta que o adversario une moito e o noso era moi grande e moi poderoso. Non hai nada máis estimulante que adiantarte nunha información ao medio máis grande e La Opinión conseguíao bastante a miúdo. O xornal, sen máis pretensión que facer información, removía o establecido e sufrimos campañas soterradas de rumores que cuestionaban a nosa defensa dos intereses coruñeses, que anunciaban o noso peche desde o primeiro día…  E, xa ves, cumprimos 25 anos.

Periodisticamente, cal era o obxectivo?

O obxectivo non era outro que contar noticias que interesasen aos coruñeses. Concibimos o xornal como un xornal local de principio ao fin. Tiñamos claro que tiña que ser local e con novas que lle importasen á xente, que fose divertido, atractivo e non institucional. Por exemplo, a nosa primeira entrevista, que era como unha declaración de intencións, non lla fixemos ao alcalde. Fixémoslla ao presidente da Federación de Asociacións de Veciños. Naquel momento entendemos que era unha forma de plasmar que nos importaban máis os intereses dos veciños que os anuncios dos políticos. Tamén tiñamos claro que cada municipio da comarca tiña que ter un cabeceiro propio e defendemos a concepción da área metropolitana desde o primeiro día. Tratábase de apostar polos intereses coruñeses en todas as seccións, xa fose sociedade, economía…  que aínda que agora pareza impensable, ata que chegamos, apenas aparecía Inditex na prensa coruñesa. Despois da sección de local a máis importante era Deportes. Era a época do Superdépor. Fixemos grandes despregamentos informativos co Dépor.

E o equipo como funcionaba?

Era unha redacción moi horizontal. No despacho de Orsini (o director), igual que despois no meu, entraba calquera e dicíache o que lle parecía. Sempre houbo debate entre todos e iso ao final xera unha maior implicación por parte de todos.

E como vías a Orsini como xefe, despois de estar na delegación contigo?

Nunca me supuxo un problema, eu vía como comía os marróns e resultábame cómodo estar en segundo plano. Pero non é que non vise a Orsini como o meu xefe, que o era, é que eu participaba bastante na marcha do xornal. A miña opinión tíñase en conta, e tamén a do outro redactor xefe, Santiago Romero. En realidade, víao como un compañeiro ao que lle tocaba tomar a última decisión, que era a peor parte.

Despois de levar Local, fuches redactora xefa de Economía e de Sociedade: como viviches o cambio social que houbo con respecto á violencia de xénero ou á perspectiva de xénero?

Sempre o tiven claro e fomos especialmente sensibles a eses temas e tivemos coidado. É certo que nun momento dado, os casos de violencia de xénero pasaron da páxina de Sucesos a Sociedade. Foi como un clic. Logo caemos na conta de todos eses micromachismos dos que non foramos conscientes. Non sei, a sentenza da Manada acelerouno todo pero, como liña editorial e de traballo, sempre dedicamos especial atención e espazo a todo o relacionado coa perspectiva de xénero. Creo que tamén ten que ver con que era unha redacción de xente moi nova, as páxinas de Sociedade sempre as levaron redactoras…  E é algo que case damos por feito, aínda que sempre hai que estar alerta.

En 2010 ofrécenche ser directora, como foi?

Pois non era a ilusión da miña vida; non coñezo a ninguén que estea na facultade e queira ser director de xornais. Ascenderon a Orsini e enviárono a Canarias. Eu, en principio dixen que non e logo asumino, non sei se para ben ou para mal. Non era un reto profesional, pero asumino por responsabilidade, polo equipo. Eu xa controlaba toda a engrenaxe. A redacción, como quen di, montáraa eu, levaba máis que ninguén nesa empresa e coñecía como ía todo, así que tomei a decisión por responsabilidade. Tempo despois unha compañeira leu un artigo e pasoumo porque dicía que era o meu caso: o cantil de cristal. Sucede que, aínda que non sexa a propósito, as empresas ofrecen ás mulleres ser directoras ou responsables de algo nos momentos de crises, nos máis difíciles, nos que teñen moitas papeletas de fracasar. E é que eu empecei en 2010 xusto con toda a crise económica, o peor momento. Tamén debo dicir que sempre tiven boa relación co editor de Prensa Ibérica, Javier Moll, e tiven o seu apoio durante toda a miña etapa na dirección do xornal ata a miña xubilación.

E convérteste na primeira directora dun xornal en Galicia.

Se che son sincera, non era consciente diso, porque no grupo daquela había unha directora en Asturias, en Canarias, en Zamora, en Murcia. Ata que me chaman de El País e me din que me teñen que facer unha entrevista porque son a primeira, non me dera de conta. Empezáronme a chamar doutros medios e aí si que me angustiei máis. 

E esta responsabilidade notábala despois no día a día?

Eu non o consideraba, sinceramente, pero si que me dei de conta un día, o 8M de 2018. Fun á concentración de xornalistas e outra veterana presentoume a algunha moza estudante como a primeira directora dun xornal en Galicia. Na redacción estás a facer o teu traballo pero de súpeto es consciente e dis “non podo amolala”. O que menos me gusta no mundo é a exposición pública, o protagonismo, falar en público…  e ás veces convidábanme a actos que odiaba e pasábao fatal. Case nunca aceptaba, pero cando o facía era só porque cría que tiña a obrigación de dar a cara; creo que é bastante común en xeral entre as directivas, que facemos cousas só por responsabilidade, para que se vexa que as mulleres tamén estamos, que tamén facemos.

E a síndrome da impostora? Tíñala?

Desde o principio, desde antes de aceptar o posto, desde o primeiro día. Ou sexa, leva o meu nome. O exemplo da síndrome da impostora son eu. Desde o principio pregunteime: “Eu que fago aquí? Non teño cultura suficiente para isto, non teño nin idea”. Si, si, síndrome da impostora total. Pero co tempo caín na conta de que si que son boa facendo equipo, ou sexa, poñendo ás persoas no sitio adecuado, onde mellor fan o seu traballo. Cústame moito menos dicirlle á xente o que fai ben que o que fai mal. Sempre digo que tería que facer un mestrado de rifar como é debido. Aínda que o meu método non foi mal de todo.

Din os teus compañeiros que ás veces dicías que levar unha redacción era como educar un fillo. A xestión de persoas lévaa de maneira distinta unha muller?

Hai mulleres e mulleres, pero creo que si. Ás veces, dicía de broma que o meu foi un liderado maternal. Non sei se porque son muller ou porque son así. Tiven empatía de máis: calquera podía entrar no meu despacho e contábanme historias persoais, profesionais…  Un dos meus erros foi asumir todos eses problemas e, por exemplo, se tiña que dicirlle a alguén que non se lle renovaba o contrato estaba 15 días antes sufrindo de verdade. Non imaxino algunhas persoas contándolle a un home as cousas que me contaron a min. Pero si, facer equipo é unha parte importante de ser directora. 

E a redacción de La Opinión, empezou como equipo e seguiu a ser equipo?

A min sempre me gustou traballar en equipo, preguntar a opinión a moitas persoas, aínda que logo as decisións as tomaba eu. Creo que un xornal só funciona en equipo. Nun grande será complicado, pero en La Opinión ese é o sistema. Aprendino de Ana [Viqueira], que poñía un titular que non tiña claro e aparecía a encargada da limpeza e preguntáballe que entendía; se hai que explicalo, está mal. Eu iso facíao. Se vas poñer un titular de economía, non lle preguntas ao de economía, pregúntalle ao de deportes. Parece unha parvada, pero é unha forma de involucrar a todos. Cando se crea unha forma de traballar, é difícil cambiala. Orsini, Romero, eu e case todos na Opinión somos desa escola e creo que segue hoxe con Marcos Mosquera e Ana Rodríguez. Sempre digo que, no día a día, pode que a competencia nos supere, pero nas cousas importantes, bordámolo. Por que? Somos poucos e equipo, así que nos poñemos todos a iso e cando todo o mundo está implicado, as ideas e a organización saen soas.

O teu predecesor, Franciso Orsini, falaba da túa “alma de reporteira” cando che deron o premio Diego Bernal. Botáchelo de menos sendo directora?

Si, moitísimo. Máis que a información pura e dura, sempre me gustaron máis as reportaxes e gustábame moito facer entrevistas. Eu facía preguntas macarras, pero de forma moi cordial e educada. Tamén era outra época, non é como agora, que está todo no argumentario. Trátase de descubrir e coñecer o entrevistado. As entrevistas non son para lucirse como xornalista. Revólvenme esas entrevistas que parecen expostas como un duelo para ver quen é máis listo, sobre todo porque o entrevistado sempre leva as de perder. 

Falando de ego, cres que adoita ser máis entre os homes nesta profesión?

Si, eu creo que en todas, pero nesta... Claramente si. Hai máis estreliñas masculinas que femininas. Resulta moi inxusto xeneralizar pero coñecín a máis colegas masculinos que se cren imprescindibles, deses que se encantan escoitándose…

En que máis cres que se nota que es muller?

Creo que somos moito máis prácticas. Repito que non se pode xeneralizar, pero atopei máis homes predispostos ás grandes discusións, ás grandes estratexias a longo prazo, a divagar…  Que tamén pode ser importante, pero nós somos mellores ao baixalo ao mundo real, ao concretar como levalo a cabo.

Outra cousa que se lembra de ti na redacción é a túa frase de “vestirte de conselleira”. Os eventos sociais son unha parte negativa deste tipo de cargos?

Cando chegaba á redacción vestida para un deses eventos sociais, dicía de broma “hoxe veño vestida de conselleira” e de aí a frase. Non me gustaba, pero é algo que hai que facer, trátase de representar á empresa e é importante. Unha vez que estaba alí poñíame no papel e xa está. Pero nese tipo de eventos, as mulleres temos unha presión da imaxe que non teñen os homes. Á seguinte xeración seguro que lles dá igual, pero na miña si que inflúe. O día que me despedín como directora díxenlles ás compañeiras do xornal: “Oe, se necesitades chaquetas, teño de todas”.

Algunha anécdota que lembres deste tipo de eventos?

Era 2016  e houbo na Coruña un congreso da empresa familiar. Ese día, pola mañá, estaba sentada á beira do director xeral do grupo editorial, escoitando as intervencións e achegouse alguén. E preguntoulle, sinalándome: “É a túa muller?”. E entón, el díxolle, moi sorprendido: “É a directora de La Opinión”. Ese mesmo día, pola noite, había unha cea do mesmo congreso, e estaba sentada á beira dun importante empresario catalán. Achegouse outro home e tamén lle preguntou se era “a súa señora” e tamén lle respondeu: “É a directora de La Opinión”. Pois todo iso o mesmo día. Non deixa de ser unha anécdota bastante ilustrativa.

Como ves as novas xeracións de mulleres xornalistas?

Véxoas fabulosas, con desenvoltura, con iniciativa, moito máis preparadas do que o estabamos nós e coas ideas máis claras. Véxoas conscientes do complicado momento que lles toca vivir e contar. Hai claros exemplos en La Opinión. Hai cousas, como a documentación, que agora son moito máis fáciles grazas a Google. Recordo que un día estaba na delegación de Coruña, chámanme ás tres e media e dinme que unha hora máis tarde tiña unha entrevista con Margarita Salas. Confeso que só sabía que era unha científica importante. Estaba soa na delegación e sen atopar a ninguén a quen preguntarlle. Paseino tan mal…  porque segundo preguntaba ía dándome de conta de quen era e caíame a cara de vergoña cada vez máis. E ela foi encantadora, marabillosa, completamente consciente do que pasaba e poñíamo fácil, como se non pasase nada. É o que ten ser unha das grandes. Adorei esa muller para sempre. Na sección de Sociedade xa sabían que calquera noticia sobre Margarita Salas tiña que ir destacada. Agora sería moi fácil saber que foi discípula de Severo Ochoa ou os seus traballos en bioloxía molecular, ou a discriminación que padeceu por ser muller. 

Cando che deron o premio Diego Bernal dixeches que había moitas mulleres invisibles, sobre todo, para cargos directivos. E, no caso de La Opinión de A Coruña, por exemplo, xa non hai unha muller na dirección. Como ves o futuro?

Creo que cada vez haberá máis mulleres en pos- tos de responsabilidade porque ás empresas lles compensa poñer os mellores con independencia de que sexan homes ou mulleres. Aínda que quede moitísimo por facer creo que esa invisibilidade da que falaba vai a menos. Seguro que ocorre noutras profesións, pero na nosa adóitase “premiar” cun cargo de responsabilidade a un bo xornalista, que escribe ben… pero se cadra resulta que é un mal xefe, un organizador pésimo. Creo que as mulleres son máis conscientes diso, así que hai unha parte á que non se lle deu a oportunidade, pero tamén algunhas deciden simplemente que non lles compensa e non me refiro ás dificultades para conciliar, nin a que sentan incapaces, senón simplemente a que consideran que non lles merece a pena as renuncias que implica asumir un cargo. E están no seu dereito para rexeitalo. Ofrécensenos menos postos de responsabilidade, pero tamén dicimos máis que non. 

ÁNGELA CASAL FERNÁNDEZ

 

Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña