Burela acolle o xoves 17 un novo obradoiro contra a desinformación
Os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas na provincia de Lugo, postos en marcha coa subvención da Deputación de Lugo, continúan a súa andaina pola Mariña. Este 10 de setembro realizouse un taller no Salón Multiusos do Concello de Viveiro e o próximo xoves 17 ás 19:00 horas terá lugar outro no Salón de Plenos do Concello de Burela, ambos os dous impartidos por Carmen Abuín.
O vindeiro xoves 17 de setembro vai celebrarse, a partir das 19:00 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela (Rúa de Eijo Garay, 20). A poboación desta localidade poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas. A asistencia ao acto é libre e gratuíta.
O taller de Burela será unha parada máis na Mariña desta experiencia que leva a loita contra a desinformación a unha vintena de localidades lucenses. Precisamente, na tarde de onte, xoves 10, realizouse no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro, tamén na mesma comarca, outro obradoiro no que a poboación desta localidade puido desfrutar dunha formación dirixida a fornecer de ferramentas e estratexias para distinguir a verdadeira información das noticias falsas e converterse nun actor máis da loita contra estas últimas e o dano que fan na nosa sociedade.
Ambos os dous obradoiros están a cargo pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas. Como o resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG