A crónica revelada: As precursoras do xornalismo galego
Esta crónica revelada pretende botar unha ollada sobre a nosa profesión de xornalistas e sacar da escuridade e do silencio a moitas das que exerceron e exercen este oficio para sacar a luz unha parte da historia que non pode esquecerse.
“O terceiro erro (…) é o de dar á muller unha educación científica. Non hai medio máis seguro para inspirarlle desapego e ata horror aos coidados domésticos, que son precisamente o seu destino providencial no seo da familia. Estas mulleres rara vez son boas esposas e boas nais, e en xeral fanse insoportables pola súa pedantería; o cal se explica facilmente, porque tendo poucas ocasións de lucir os seus coñecementos, aproveita a primeira sen coidarse de que sexa ou non oportuna. (…) Por piedade, non despoxedes das súas ás a este anxo do fogar, agoniando a súa delicada cabeza coas abstraccións da filosofía, as discusións ardentes da política ou cos estudos da literatura. Deixádea ser muller, e verédela sempre ao voso carón, doce e afectuosa, compasiva co infortunio, valente nos perigos e resignada nas desgrazas de familia”.
“Educación de la mujer”, José María Castro Bolaño (Almanaque de Galicia, 1866).
Parece pouco adecuado comezar unha publicación sobre as xornalistas galegas cunha cita, xustamente, dun home. Despois de valorar moito ese arranque, pensamos que nada mellor para describir o punto de partida deste relato que a través das propias palabras e dos conceptos de quen tiña a capacidade, a autoridade e o poder para establecer os marcos e definir o contexto: os varóns. Para comprender a situación de orixe das mulleres que escribían nos medios de comunicación, temos que entender primeiro que lugar lles reservaba a sociedade. Este evocador texto do avogado lugués Castro Bolaño, deputado conservador e vicepresidente da Deputación de Lugo, explica con claridade as expectativas que a sociedade do século XIX tiña arredor do que debía ser unha boa muller: un “anxo do fogar”, doce, compasiva, afectuosa, resignada; sen que a súa cabeza estivese enredada coa política, a cultura ou a sabedoría en xeral, abstraccións complexas en exceso que só a afastarían dos seus quefaceres domésticos. Unha mirada patriarcal, androcéntrica e paternalista que demostra o pensamento dominante que as primeiras xornalistas galegas tiveron que desafiar, que lles negaba a palabra, o espazo público e incluso o dereito ao pensamento.
Con estes bois, comezamos a arar no xornalismo galego. E con esta mentalidade debemos tamén comprender o valor das pioneiras, ás que lles custou mundos e moreas conseguir rachar uns teitos de cristal que non sabían que estaban alí e que a forza que as amarraba era un chan pegañento.
O espazo que lle correspondeu historicamente ás mulleres foi o privado, o do silencio. A palabra era un elemento de poder, como a definiu a escritora María Xosé Queizán, na revista feminista Festa da Palabra Silenciada, editada por FIGA (Feministas Independentes Galegas). No seu nº 0, publicado en 1983, e no que varias das xornalistas que toman a palabra neste volume tamén participaron naquel número, Queizán asegura que “o don da palabra foi utilizado como arma diferencial e a voz das mulleres foi negada e silenciada ao longo dunha historia masculina” e chama a recompoñer “o noso pasado omitido e afogado”. Iso pretende tamén esta crónica revelada: botar unha ollada sobre a nosa profesión de xornalistas e sacar da escuridade e do silencio a moitas das que exerceron e exercen este oficio para sacar a luz unha parte da historia que non pode esquecerse.
Unha voz propia e activa porque, como nesa mesma publicación sinala María Xosé Porteiro, a incorporación da muller ao traballo xornalístico propiamente era recente, se ben se asignaban para ela con anterioridade tarefas pasivas, propias da locución: “lectura de textos escritos por segundas persoas, ou como moito, de presentación de discos e concursos, amais da gravación de cuñas publicitarias”, distinguindo entre o rol “activo” da información e o “pasivo” da locución. É curioso ler isto, corenta anos despois, en que as voces femininas son as escollidas para os asistentes virtuais, os chatbots e as intelixencias artificiais na procura das mesmas características: amables, doces e serviciais.
Porteiro sitúa que a incorporación das mulleres ao xornalismo se produce nos anos setenta, na prensa e despois na radio. Galicia non contou cunha Facultade de Ciencias da Información ata o curso 1991–1992, da que foi primeira decana Margarita Ledo, outra das protagonistas destas páxinas. Ata entón, quen cursaba estudos vinculados á comunicación desprazábase a outras cidades do Estado, o que xa dificultaba o acceso. Cuestionándose por que as mulleres non ocupan postos directivos, Porteiro pregúntase se estamos ante unha cuestión de tempo que permitirá reequilibrar a distribución de cargos de poder ou se unha “interpretación máis realista” é a de falar dunha fenda de xénero. Catro décadas despois, vemos que se ben xa hai máis mulleres en postos de responsabilidade, estamos lonxe aínda dunha paridade real. Máis aínda cando vemos a composición das promocións de xornalistas, nas que se gradúa cada ano unha proporción moi superior de mulleres.
Un exemplo desa inexistente paridade atopámolo no informe Nomes da Comunicación en Galicia, promovido pola Ponencia de Comunicación que coordinou o catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé López, para o Consello da Cultura en 1999. Neste informe, o xornalista Fernando Varela elabora unha listaxe de profesionais á fronte da dirección e subdirección dos medios galegos, na que figuran un total de 86 xornalistas. Delas, só 9 son mulleres, é dicir, un 10,5%.
No informe elaborado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en 2011 A situación laboral dos e das xornalistas galegos, realízase unha profunda revisión do estado da profesión con mirada de xénero. Chama a atención que un 76,85% das persoas licenciadas na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (a única con esta titulación en Galicia) entre 2001 e 2010 fosen mulleres, mentres que exercían a profesión un 58,82% de mulleres fronte a un 41,18% de homes. Se observamos a colexiación, naquela altura superaban a representación masculina (un 57,8%) fronte á feminina (42,2%). En marzo de 2025, no total de persoas colexiadas no CPXG, o 53,4% son homes, e a única demarcación na que esta proporción se inverte –minimamente– é Santiago de Compostela (49,6% de homes fronte ao 50,4% de mulleres).
O mesmo acontece coa propia Xunta de Goberno do CPXG. En 2024, por primeira vez esta corporación de dereito público ten á fronte unha decana, a xornalista Belén Regueira. Nas sete xuntas electas ata o día de hoxe, ata o 2020 non houbo unha paridade real, partindo dun 25% de representación na primeira Xunta de Goberno do ano 2000 (na que só había unha xornalista con cargos executivos, a secretaria Isabel Quintairos), para continuar cun 33,3% en 2004; un 27;8% en 2008; un 41,7% en 2012 (con Rosa Aneiros de vicedecana); e acadando un 45,5% en 2016. En 2020 por primeira vez hai unha Xunta de Goberno con maior presenza de mulleres, un 62,5%, e ostentan dous dos tres vicedecanatos as xornalistas Sonia Vizoso e Belén Regueira, esta última a futura decana en 2024. Vese, pois, un camiño sostido ata a igualdade na representación da profesión que chega cumprido o primeiro cuarto do século XXI.
AS PIONEIRAS
Viaxamos no tempo ata a segunda metade do século XIX, que é onde podemos situar o comezo da profesionalización do xornalismo. Pouco debate había arredor da consideración da muller como un suxeito intelectualmente inferior ao home, e debemos ter presente este marco para comprender sobre que temas podían escribir as mulleres, a dificultade para exercer a profesión, e incluso as eivas para poder ser audiencia.
A primeira vez que se miden os niveis de alfabetización é en 1860 e o censo evidencia unha profunda fenda de xénero: Galicia presentaba unha das maiores taxas de alfabetización masculina no Estado (un 42,26%) fronte á menor taxa de alfabetización feminina (un 4,54%). Na unidade familiar rural galega primábase a formación dos fillos fronte a das fillas, aínda que tiñan un maior peso poboacional. Pero, ademais, asumían gran parte dos traballos da casa, da terra e do gando, así que a súa asistencia era moi irregular e o rendemento escolar, moi baixo. (1)
Esta profunda fenda evolucionará lentamente, porque non será ata 1930 cando por primeira vez máis da metade da poboación feminina saiba ler e escribir (un 50,51%, para maior exactitude, 10 puntos menos que a taxa estatal); mentres que esta proporción ascendía a un 75,12% no caso dos varóns. (2) A UNESCO sitúa no 95% a taxa de alfabetización para considerar que unha sociedade está libre de analfabetismo. Ata 1991 non chegou a superarse este limiar entre a poboación feminina (95,48%), unha proporción que no caso masculino xa fora superada en 1970. (3)
Polo tanto, no momento en que comeza a profesionalización do xornalismo en Galicia, as mulleres estaban practicamente excluídas da cultura escrita e só estaba reservado para as clases sociais máis acomodadas e cunha vida privilexiada. É máis, saber ler e escribir considerábase que non era moi adecuado para as mulleres, que debían atender o fogar, a familia e a crianza, e era un risco, como dicía a cita inicial deste texto, para a súa moral. A alfabetización e a cultura estaba só reservada no caso das mulleres para as clases sociais máis altas. Cando exploramos as biografías das xornalistas ou das escritoras daquel tempo, a maioría poderían comezar por “naceu no seo dunha familia acomodada”.
Tamén poden distinguirse unhas temáticas apropiadas para as xornalistas fronte a outras para os xornalistas. Sociedade, moda ou cultura podían ser abordadas por mulleres, mentres que política ou economía correspondían aos varóns; tanto é así que mesmo adoitaban asinar con pseudónimo ou non asinar se eran elas quen as escribían para non recibir as críticas por entrar en eidos intelectualmente masculinizados. A mesma Concepción Arenal, que escribía xunto co seu home os editoriais do xornal La Iberia, foi vetada polos editores do xornal cando descubriron que ela continuaba a redactalos co nome de Fernando García Carrasco tras a súa morte. Arenal incluso se presentou (e gañou) ao concurso da Academia de Ciencias Morais e Políticas asinando co nome do seu fillo de dez anos, feito que desvelou tras ter gañado o premio.
No caso das xornalistas e das mulleres escritoras que colaboraban en revistas e xornais, os temas sobre os que podían escribir eran, na súa maioría, identificados como “femininos” ou de tipo literario. É lóxico comprender que buscasen un resultado inofensivo e que non contraviñese a orde social patriarcal vixente, para poder seren aceptadas. Os seus textos, a miúdo, encargábanse de continuar transmitindo os valores que as relegaban no espazo privado, e escasamente falan das reivindicacións dos seus dereitos, salvo excepcións. A Igrexa Católica encargábase tamén vigorosamente de soster tal sistema de valores.
Non obviaremos que, con frecuencia, atopamos publicacións “para mulleres” pero non feitas por mulleres, onde homes continuaban escribindo para engraxar a transmisión do sistema de valores e nas que se falaba de temas como os labores do fogar, a moda ou colaboracións literarias, así como textos instrutivos para a formación das mulleres e a educación dos seus fillos e fillas.
Un caso curioso foi El iris del bello sexo: periódico de literatura e costumbres, un semanario compostelán presuntamente escrito por dúas mulleres, Enarda e Galatea, cun discurso patriótico, dirixido en principio ás mulleres, que ocasionou unha gran polémica na altura sobre quen eran aquelas redactoras que entre maio e xuño de 1841 lanzaran aquela provocadora publicación impresa. Nos seus números, accesibles en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia, vese como propoñen cuestións nas que se falan dos dereitos das mulleres, como a ter unha educación, e tamén do progreso social. Segundo as investigacións, detrás de Enarda e Galatea estaban os irmáns Alberto e Antonio Camino, que adoptaron pseudónimos femininos que escandalizaron máis aínda polo seu xénero.
Máis acaído ao exemplo de publicación para mulleres é El Ángel del hogar: ciencias, literatura, higiene, modas, labores y conocimientos útiles: revista enciclopédica dedicada exclusivamente a la mujer, dirixida pola canguesa Sara Escarpizo Couto (1878-1960). Enmárcase o seu discurso no modelo instrutivo para a muller, proporcionándolle unha educación adecuada para aquelas tarefas que eran socialmente aceptables, pero non buscaba elevar intelectualmente a poboación feminina. No primeiro número definen as súas intencións: “O noso propósito é instruír deleitando; divulgar cantos coñecementos deban adornar a muller, contribuír á obra do seu perfeccionamento moral e material, para facer del, non unha entidade sabia, senón unha perfecta ama de casa, ou unha nai cariñosa e previsora”. A publicación foi premiada coa medalla de prata e diploma na Exposición Rexional de Lugo (1896).
Ao igual que apreciabamos unha fenda de xénero entre as seccións en que as xornalistas podían escribir e que se mantivo moi marcada durante boa parte do século XX, na que as seccións máis prestixiadas como política ou economía, xunto cos deportes, eran terreo vedado xa que se consideraba que eran materias fóra do entendemento feminino, tamén podemos observar como quedou definido outro patrón ata hoxe na configuración da muller como lectora: o da consumidora. O home é provedor de recursos económicos e a muller administra e distribúe no fogar, decora, consume moda, decide sobre os produtos de hixiene, alimentación saúde...
Ela mesma é obxecto de consumo, xa que está sometida a unha maior presión por uns estereotipos de xénero en canto á beleza, a moda e a propia imaxe. É lóxico que os medios se acheguen á muller lectora como unha potencial consumidora e nacen seccións específicas para elas de crónica social, de consellos do fogar, moda, cosmética etc., que ofrecerán tamén máis oportunidades para as xornalistas.
Co comezo do século XX, a alfabetización vaise incrementando entre as mulleres, aínda que a un ritmo bastante máis lento en Galicia, como xa mencionamos. Desde 1910, o goberno aprobou unha Real Orde pola que as mulleres podían cursar estudos universitarios e, a partir de setembro, permíteselles acceder a certos postos laborais na administración pública (profesoras de instituto, de universidade ou traballar en bibliotecas e arquivos), o que lles permite unha maior autonomía. Ata 1910, pouco despois de que Emilia Pardo Bazán fose nomeada Conselleira de Instrución Pública, se ben non estaba prohibido, tampouco fora permitido. Con anterioridade, só trinta e tres mulleres conseguiran licenciarse ou graduarse en universidades españolas, entre elas, a xornalista e xurista galega Concepción Arenal.
Na prensa escrita percíbese tamén esta apertura ás temáticas vinculadas coas mulleres, como o traballo remunerado, o seu acceso a certas profesións ou as condicións de igualdade no plano laboral. Algúns son asinados por mulleres pero, con frecuencia, con pseudónimos, e incluso son algúns intelectuais galegos de corte progresista os que abordan estes dereitos das mulleres.
Recollemos a continuación unha escolma de perfís de xornalistas deste período para contribuír así á visibilización e posta en valor das contribucións en absoluto sinxelas das mulleres neste período. Quedan nomes, de seguro, aínda invisibles ou agochados tras algún pseudónimo masculino, máis queremos deste xeito achegar o noso modesto gran de area a botar luz sobre un labor que, como puidemos comprobar, non foi nada sinxelo, e así recoñecer, recuperar e poñer en valor o papel das precursoras do xornalismos galego, que foi durante moito tempo silenciado ou ignorado nos relatos oficiais, na historia e incluso, nos propios medios de comunicación. Recuperarmos as primeiras xornalistas é tamén recuperar unha parte obviada do noso patrimonio cultural. Enchemos así algúns dos baleiros da historia do noso xornalismo, completando o relato e enriquecendo a compresión da nosa historia e da nosa propia sociedade.
Concepción Arenal de García
Ferrol, 1820 — Vigo, 1893
Proviña dunha familia acomodada, e o temperán falecemento do seu pai e da súa nai lle permitiría unha autonomía prematura. Unha das historias máis coñecidas arredor da súa figura é a crenza de que acudía vestida de home á Universidade Central en Dereito, na que se matriculou en 1841, e que foi escondendo a súa condición de muller como obtivo o seu título. Alí coñeceu a Fernando García Carrasco, co que casaría en 1847, e que era colaborador do xornal La Iberia. Cando este enfermou de tuberculose, Arenal continuou a escribir os seus artigos co nome do marido. Cando descubriron os editores que era ela, autorizáronlle a seguir na “Sección Doctrinal” durante máis de medio ano, pero pasaron a pagarlle a metade. A lei de prensa do 18 de maio de 1857 obrigaba a que calquera artigo “político, filosófico ou relixioso” debía ir asinado polo autor, o que rematou coas súas colaboracións (que non firmaba), probablemente polo inaceptable que se prevía que unha sección editorializante fose escrita por unha muller.
Como sinala Rosa Aneiros na recensión biográfica de Concepción Arenal que escribe no libro Xornalistas con opinión. 20 biografías, o seu labor xornalístico é unha “lagoa” na amplamente estudada contribución intelectual da ferrolá. Escribiu abundantemente sobre dereito, asistencia social, feminismo e cuestións de índole social.
Na súa prolífica obra escrita, abundan as colaboracións con medios como El Cristianismo, El Álbum de las Familias, El Moro Muza, La Ilustración de Madrid, El Abolicionista, Revista de España, Los Niños, El Correo de la Moda, La Ilustración Gallega y Asturiana, El Día, Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, La Madre y el Niño, La España Moderna, Los Dominicales del Librepensamiento, La Ilustración Española y Americana, La Ilustración Artística ou El Álbum Ibero-Americano; e de seguro que houbo máis que non foron asinados.
En 1870 lanzou a publicación do quincenal La Voz de la Caridad (ata 1884), xunto con Antonio Guerola. Nela abordaban temas de índole social, como o sistema penitenciario, a denuncia da pobreza, a beneficencia, e outros de corte sociolóxico, en case cincocentos artigos publicados por Concepción Arenal nesta cabeceira.
Emilia Calé Torres
A Coruña, 1837 — Madrid, 1908
Asinaba tamén co pseudónimo de Esperanza, compartiu inquedanzas con Emilia Pardo Bazán. Colaborou en publicacións periódicas dirixidas á muller ou con seccións femininas, como El Correo de la Moda, El Álbum Ibero-Americano, La Elegancia, Flores y Perlas, El Museo, Revista Compostelana, La Madre de Familia, El Mundo Ilustrado, La Ilustración de la Mujer, ou máis frecuentemente, na revista Galicia: Revista Universal de este Reino, que dirixía Pardo Bazán. Tamén en Almanaque de Galicia, El Diario de Lugo, El Correo Gallego (Ferrol), El Criterio Gallego (Pontevedra) ou El Heraldo Gallego (Ourense); e en publicacións galegas na emigración, como El Eco de Galicia e Galicia Moderna (na Habana), El Gallego (Bos Aires) ou La Unión Gallega (Montevideo).
Emilia Pardo Bazán
A Coruña, 1851 — Madrid, 1921
É tan prolífica e intensa a vida da Condesa de Pardo Bazán, que a xornalística é, probablemente, unha das menos coñecidas. Nacida nunha familia aristocrática, casou aos 16 anos con José Quiroga e Pérez de Deza, con quen tivo tres fillos. Ademais do periodismo, foi novelista, poeta, crítica literaria e ensaísta, e nos seus textos ten un papel importante a reflexión sobre a situación da muller, o que a sitúa como unha referente intelectual feminista. En 1880 funda e dirixe a publicación Revista de Galicia, na que publica novidades científicas e técnicas, xunto con creación literaria e artigos de corte histórico ou literario.
Pola súa parte, foi a autora case íntegra da revista mensual Nuevo Teatro Crítico, publicada entre 1891 e 1893.
Foi colaboradora en case un centro de publicacións periódicas escritas, entre outras: Revista Compostelana, La Ciencia Cristiana, Revista de España, Revista Contemporánea, La España Moderna, El Imparcial, La Época, La Ilustración Artística, La Lectura. Revista Gallega, Vida Gallega, Cosmopolita, La Femme de Paris, Ateneo, Por el Arte, ABC, La Esfera, Teatro Crítico, La Niñez, Revista de España, Barcelona Cómica, El Gato Negro, Pluma y Lápiz, El Noroeste. Cultivou xéneros diversos, como a crítica, a entrevista, a crónica ou a columna de opinión (mesmo antes de que chegase a existir este xénero), cun estilo áxil e ameno. Candidatou tres veces á Real Academia Española e foi a primeira catedrática (malia que non puido cursar estudos universitarios por ser muller) de Literaturas Contemporáneas na Universidade de Madrid. Ademais, foi asesora científica da revista cultural La España Moderna.
Durante os últimos once anos da súa vida, foi colaboradora habitual do xornal La Nación, de Bos Aires, onde publicou douscentos sesenta e un artigos sobre cuestións de actualidade, que encabezaba alternativamente entre Madrid, España e Europa. O último foi publicado o 3 de xullo de 1921, dúas semanas despois de falecer. Catro días antes de falecer, escribía tamén o seu último artigo que se publicaría postumamente en España, no xornal ABC, o que dá boa proba do compromiso coa escrita, e co xornalismo nomeadamente, por parte de Pardo Bazán.
“No íntimo e no esencial da súa mente e produción, non foi a Pardo Bazán novelista. Foi periodista. Periodista, o máis distinguido, no máis excelente sentido do termo. Axitadora de ideas, máis que imaxinadora de fábulas; comentadora de actualidades do espírito, máis que narradora de peripecias da acción”.
Eugenio D’Ors, ABC, 1 de xullo de 1926
Sofía Guadalupe Pérez Eguía Casanova
Culleredo, 1861 — Poznan (Polonia), 1958
Unha das primeiras correspondentes de guerra españolas naceu na Coruña: Sofía Casanova. Foi tamén poeta e novelista, así como autora de libros de viaxes. Aos trece anos foi estudar a Madrid, co obxectivo de alcanzar unha boa educación. Casou co diplomático polaco Wincenty Lutoslawski (apelido co que tamén asinou) e facilitoulle que pasase boa parte da súa vida no estranxeiro. Pasou algúns veráns en Mera e mantivo certo vínculo afectivo coa súa terra de orixe. Nas súas visitas a Galicia, recibe homenaxes por parte dos seus paisanos como unha grande escritora.
Foi colaboradora dunha morea de publicacións: Flores y Perlas, El Imparcial, La Iberia, Revista Popular, La Ilustración Ibérica, El Álbum Ibero-Americano, El Eco de Santiago, Revista Gallega, Revista Contemporánea, España Artística, El Liberal, La Tribuna, La Esfera, Blanco y Negro, La Época, El Impacial, El Debate, Spes (Pontevedra), Gazeta Polska ou The New York Times, entre outras.
As súas crónicas publicadas no xornal ABC entre 1915 e 1936 déronlle moita popularidade, cubrindo eventos históricos como a Revolución Rusa ou a Primeira Guerra Mundial, que a sorprende en Varsovia. Os seus textos céntranse nas consecuencias desastrosas da guerra cunha perspectiva moi humanista e sensible aos dereitos humanos. Non é de estrañar que fose enfermeira nun hospital de campaña na capital polaca. De feito, Antón M. Pazos, no seu artigo “Antropoloxía de Sofía Casanova” (2010) describe a xornalista máis como unha “vítima civil da guerra que procurou paliar os sufrimentos dos seus compatriotas”, e este compromiso palpábase nas súas crónicas. Esa mirada desde dentro do conflito dálle un carácter único aos seus textos, posicionada no pacifismo que el atribúe á súa fe cristiá e á súa condición de muller.
Tamén tratou a problemática vinculada á muller nos seus artigos, con títulos como “La hora de la mujer”, “Reflexiones acerca de la mujer”, “El feminismo triunfante”, “El feminismo de una diplomática”, por exemplo, mantendo unha postura de igualdade entre xéneros e poñendo en valor o papel das mulleres e a súa capacidade intelectual. De feito, ousa empregar na súa escrita expresións como “conservadores amojamados” ou “masculinistas acérrimos” para denunciar os varóns contrarios á participación igualitaria da muller. Malia todo, mantiña posturas abertamente contrarias aos dereitos das mulleres como o divorcio ou a maternidade fóra do matrimonio, en coherencia coa orde social dominante da época. Apoiou o levantamento militar do 1936 e incluso participou na Coruña nos actos previos de entrega do Pazo de Meirás á familia Franco “en nome do pobo galego”, presentado como unha doazón popular cando foi froito de recadacións forzadas e coaccións políticas.
Chegou a ser candidata para o Premio Nobel de Literatura en 1923. Tras Carmen de Burgos, Colombine, foi a segunda muller española en informar desde un conflito bélico. Entrevistou a Trotsky no Instituto Smolni —daquela ministro de Negocios Estranxeiros— durante a Revolución Rusa. Escribe a súa última crónica en agosto de 1939 para o ABC, “La espera trágica”, sobre a inminente invasión alemá. Tras o seu falecemento, en 1958, o gobernador civil da Coruña creou o premio xornalístico Sofía Casanova, dotado con 2.000 pesetas.
María Vinyals Ferrés
Soutomaior, Pontevedra, 1875 — París, 1943 (?)
Naceu nunha familia aristocrática, no Castelo de Soutomaior e desde moi moza destacou nos ambientes culturais e nos faladoiros, polo seu alto nivel de coñecementos, como unha ávida lectora e que, ademais, dominaba varios idiomas (inglés, francés, portugués e alemán).
En 1896 casou co Marqués de Ayerbe, título que ela empregou para asinar algúns dos seus textos, ademais de utilizar noutros textos o apelido do seu segundo marido despois de enviuvar, Enrique Lluria, ou o pseudónimo Joyzelle. Polas súas ideas progresistas, recibiu o alcume da “marquesa vermella”. Mantivo relacións de amizade con Emilia Pardo Bazán ou María Barbeito, coas que compartía a súa inquedanza pola situación das mulleres.
De feito, unha das súas principais preocupacións foron os dereitos e as condicións de vida das mulleres, chegando a presidir o Centro de Cultura Feminino. En 1905, publica o artigo “Influencia social de la mujer”, en Bos Aires, en La Unión Iberoamericana, primeira vez que escribe sobre este asunto. Nese artigo defende a elevación do nivel intelectual da muller, porque “A rexeneración dun pobo é cuestión de pedagoxía, e nela a primeira mestra é a muller, que crea a intelixencia e a vontade dos nenos que han de ser os homes do porvir”.
Carmen de Burgos (1906): “Moitas damas son xa verdadeiramente instruídas, Madrid posúe salóns femininos, onde as señoras, entre doces discretos, se ocupan da política, a literatura e a arte. A marquesa de Ayerbe, activa, intelixente e escritora de talento, pode citarse como o tipo máis honroso da aristocracia actual. Se todas as grandes damas a imitasen, melloraría pronto a nosa sorte”.
Foi conferenciante e tamén colaboradora en prensa, como unha serie de artigos publicados en Royal: Revista del Gran Mundo entre abril do 1929 e marzo de 1930 co título “Notas de la buena sociedad de antaño”, nos que evocaba distintos personaxes da época e recordos máis persoais, dos que ela era protagonista. Este tipo de artigos son os máis frecuentes, como memorias ou lembranzas.
Cos xornais que máis asiduamente colaborou foron os madrileños El Fígaro e El Socialista. A súa sinatura tamén aparece en revistas e xornais como La Unión Iberoamericana, Galicia, El Imparcial, Blanco y Negro, La República de las Letras, La Voz, Estampa, Vida Gallega, El Regional: Diario de Lugo ou El Compostelano.
Tras arruinárense economicamente e perder o sanatorio Lluria que construíran ao pé do Castelo de Soutomaior e o propio castelo, María Vinyals e o seu home emigraron a Cuba e alí continuou coas colaboracións xornalísticas en medios locais: La Lucha, Heraldo de Cuba, Bohemia, Social, Eco(s) de Galicia, España Nueva ou La Correspondencia de Cienfuegos.
Tras o falecemento do seu home, deixa Cuba e trasládase a vivir aos Estados Unidos con dous dos seus fillos. Segundo unha neta de Enrique Lluria, Vinyals morrería en París, durante a ocupación alemá, entre 1940 e 1944, nunha situación de pobreza absoluta.
Sarah Escarpizo Lorenzana Couto
Cangas, 1878 — Madrid, 1960
Sara Escarpizo Couto foi mestra, xornalista e escritora e asinou tamén baixo o pseudónimo de Sarah Lorenzana, empregando o segundo apelido do seu pai, o xornalista leonés Augusto Escarpizo Lorenzana. Xa fixera as súas primeiras colaboracións literarias en El Obrero: semanario de la asociación protectora de la clase obrera de Pontevedra, en 1890, e catro anos despois dirixía esta revista da que se teñen constancia de tres números publicados. Enmárcase o seu discurso no modelo instrutivo para a muller, proporcionándolle unha educación adecuada para aquelas tarefas que eran aceptables socialmente, pero non pretendía elevar intelectualmente a poboación feminina. No seu primeiro número definen as súas intencións: “O noso propósito é instruír deleitando; divulgar cantos coñecementos deban adornar a muller, contribuír á obra do seu perfeccionamento moral e material, para facer del, non unha entidade sabia, senón unha perfecta ama de casa, ou unha nai cariñosa e previsora”. A publicación foi premiada coa medalla de prata e diploma na Exposición Rexional de Lugo (1896).
Lorenzana foi tamén redactora de La última moda entre 1901 e 1904 e de El Mundo Latino, ambas as dúas publicacións en Madrid. Colaborou en varios xornais e revistas en América (Artes y Letras, de México; El Espectador, de Veracruz; El Comercio, de Lima; El Diario, de Chicago; El Boletín de los Niños e Galicia, de Bos Aires; A Terra, de Córdoba (Arxentina); así como no resto do Estado (El Liberal, Blanco y Negro, Escuela Moderna, entre outros). En Galicia, tivo colaboracións en diversos medios, como La Coruña Moderna, Marín, El Eco de Santiago, Galicia, La Ilustración Gallega, El Compostelano, La Idea Moderna.
María Muñoz Portal
A Coruña, 1886 — A Habana, 1947
Nacionalizada cubana, foi unha destacada musicóloga, disciplina artística que divulgou en Cuba a través da revista especializada Musicalia, que fundou en 1927 e da que foi directora. Antes, estudou en Cádiz e en Madrid baixo a tutela de Manuel de Falla e, despois de casar, emigrou a Cuba. Alí fundou a Escuela Filarmónica Nacional, a Sociedad de Música Contemporánea de La Habana e a Sociedad Coral de La Habana, xunto co Conservatorio Bach. A súa contribución xornalística máis sostida foi na citada Musicalia, que tivo unha consideración moi alta en América Latina pola súa calidade, e na que escribía as seccións “Conciertos y Recitales” e “La música en la Habana”, que destacaban pola súa agudeza e o que está sostido no seu amplo coñecemento musical e técnico. Tamén colaborou en revistas musicais e culturais, como Pro-Arte, Isla, Lyceum, Carteles e Revista Cubana.
Mercedes Vieito Bouza
A Habana, 1887 — 1960
“Creo que teño dereito a considerar como miña a patria dos meus pais, a patria de toda a miña familia.”
Con esta reivindicación de Mercedes Vieito, incluímola nesta escolma de xornalistas galegas, xa que foi moi activa nas publicacións da emigración galega. É filla de José Vieito e Rosa Bouza, que emigraron desde As Somozas. Comezou a escribir en 1903, na revista Galicia, un semanario ilustrado que servía como órgano de expresión da colectividade galega en Cuba. Os seus artigos, na sección “Rápidas”, aparecían asinados co pseudónimo Zoraida, que mantivo durante dous anos. Ademais, tamén colaborou en Galicia en América, El Heraldo de Galicia e Eco de Galicia, que dirixiu entre 1934 e 1936 e que estaba sostida pola diáspora galega. Nos seus artigos, apaixonados e reivindicativos, denunciaba as inxustizas ás que se vira sometida a súa terra de orixe, apoiando o movemento agrarista; defendía a cultura e a lingua galegas e tamén reclamaba o acceso á educación por parte das mulleres para poder ter unha independencia económica. En 1924 visita Galicia, viaxe que a marcou.
María Luz Morales Godoy
A Coruña, 1898 — Barcelona, 1980
Pertencía a unha familia coruñesa con boa posición que lle proporcionou unha boa educación e chegou a ser unha das principais escritoras e tradutoras da súa época. En 1920 comezou coas primeiras colaboracións xornalísticas na revista El Hogar y la Moda a través dun concurso de redacción, e deveu a súa directora tres anos máis tarde. Colaborou en seccións femininas para El Sol. A mediados dos anos 20 entra na redacción de La Vanguardia para escribir sobre as temáticas mencionadas, ás que sumou a crítica de cine baixo o pseudónimo de Felipe Centeno. Na seguinte década realizou tamén a crítica teatral. No ano 1928, comeza a dirixir a revista do departamento literario da Paramount en España. Co estalido da Guerra Civil e co apoio tanto do comité de empresa como da familia Godó, propietaria do xornal, comeza a dirixir La Vanguardia ata febreiro de 1937 e convértese na primeira muller en dirixir un diario en España. Este posto válelle a entrada no cárcere tras a guerra e, en consecuencia, ser apartada da profesión, se ben publicou algúns textos de xeito clandestino baixo os pseudónimos de Ariel ou Jorge Marineda. En 1948 foi rehabilitada e inscribiuse no Rexistro Oficial de Xornalistas, incorporándose daquela á redacción do Diario de Barcelona, onde publicaba críticas literarias e de teatro (recibiría o Premio Nacional de Teatro en 1965), así como colaboracións noutros medios.
Se ben a súa vida transcorreu principalmente en Cataluña, María Luz Morales non se devincula de Galicia e participa en actos culturais e incluso políticos, xa que pertencía ao Partido Galeguista. Nunha das súas colaboracións en El Sol de Madrid, pon en valor as mulleres galegas á vez que as apela a que prestixien a lingua propia:
“Por que, muller culta de Galicia, abandonaches a túa lingua, tan feita para ti e por ti, tan expresiva nos teus beizos, tan doce no teu sentir?... Que absurda idea dunha ‘finura’ falsa, de un aristocratismo postizo e arbitrario te leva a desterrala da intimidade do teu fogar, onde sería caricia para o esposo, mimo e canción de berce para o fillo? Como non ves que, vindo da terra, leva en si a máis rancia, a única nobreza, e por ser túa é -para ti, en ti- a mellor, máis graciosa e máis viva? Acaso non sabes que cada lingua que aprendemos é como un novo corazón que adquirimos, e que posuír dúas linguas propias, nosas, é o mesmo que é ter dúas almas?”.
María Luz Morales, “Kodak de vacaciones”, El Sol (Madrid), 25 de agosto de 1929.
[En castelán no orixinal, foi reproducido en galego no artigo “Galega, para i-escoita!!”, no xornal A Nosa Terra, nº 264, 1 de setembro de 1929]
Autora ademais de moitos libros de narrativa, biografías, relatos e traducións, Morales identificouse sempre como xornalista e así o expresa no seu libro Alguien a quien conocí, no que publica os seus recordos dunha intensa vida profesional en que coñeceu personaxes extraordinarios como Marie Curie, Keyserling ou Gabriela Mistral.
Regina García García
A Coruña, 1898 — Madrid, 1974
Naceu nunha familia acomodada, consta pouca información ata que marcha vivir a Madrid e ingresa no PSOE, en 1930. Coñéceselle unha intensa actividade pública, especialmente nos ambientes obreiristas e de loita en prol dos dereitos das mulleres. Nesta altura comezaron as súas primeiras colaboracións escritas, nas que asinou como Eva e Regina, en medios como El Socialista.
Durante a Guerra Civil foi nomeada xefa de Prensa e Propaganda do Comisariado Político Central e do Estado Maior. Colabora no semanario Crónica e, partir de xaneiro de 1937, exerce como redactora no diario La Voz del Combatiente, do que foi directora a partir de setembro de 1938. Das catro mulleres que dirixiron xornais en España na Guerra Civil, dúas delas son galegas: Regina García e María Luz Morales.
Ao igual que Morales, foi detida tras a Guerra Civil e condenada en consello de guerra a doce anos de prisión. En 1940 foi indultada tras o seu arrepentimento, que tivo amplo eco nos medios de comunicación, e declarouse publicamente franquista e católica, renegando da súa vida pasada. Tanto é así, que incluso escribiu un libro co título Yo he sido marxista: el cómo y el porqué de una conversión, publicado en 1946, dos que se reproduciron algúns capítulos en xornais do país.
Mary Morandeira Estévez
Lugo, 1905 — Estados Unidos, 1975?
“Puiden nacer no barco”, dixo en varias ocasións Mary Morandeira. Foi filla do lucense Magín Morandeira Núñez, que emigrara a Cuba, onde casara con Caridad Estévez. Nunha breve estadía do matrimonio na cidade de Lugo, naceu Mary Morandeira, que se criou en Cuba. Aos doce anos xa publicaba os seus primeiros poemas na revista Bohemia. Sete anos máis tarde converteuse na redactora xefa da revista Elegancias e dirixiu a revista literaria Continente durante máis de vinte anos. Colaborou en diversas publicacións, como América, Orbe, Chic, Heraldo de Cuba, El Loco, Cervantes, Alma Matter, El Ideal Gallego de Cuba... En 1956 visitou Galicia como agregada de prensa da Embaixada cubana en México. Despois da Revolución Cubana, en 1959 exiliouse en Miami, onde desenvolveu tamén a súa carreira xornalística, chegando a dirixir un programa radiofónico na emisora WMIE, que se integraría anos despois en Radio Cadena Univisón.
Blanca Silveira-Armesto
Ourense, 1905? — 1963
Temos pouca constancia de datos biográficos de Blanca Silveira-Armesto, que tivo unha actividade xornalística intensa desde 1932 ata a Guerra Civil. Foi admiradora de Concepción Arenal e Rosalía de Castro, xa que participou en actos en Madrid vinculados a estas escritoras galegas. A partir de 1932 atopamos artigos e reportaxes, pero especialmente, entrevistas, a súa especialidade, como a que lle realiza a José Antonio Primo de Rivera en Crónica publicada o 3 de xullo de 1932. Ata 1935 publicou moitas entrevistas en La Libertad, e en concreto, a serie “Las mujeres de la República”, entre xuño de 1932 e febreiro de 1933. Victoria Kent, Clara Campoamor, Delhy Tejero ou Concha Espina son algunhas das protagonistas.
Tamén realizou entrevistas para Unión Radio e colaborou en Radio España. Ademais, as cabeceiras ABC e Blanco y Negro tamén publicaron entrevistas e reportaxes de Silveira, con enfoques tan arriscados como “Un día en la cárcel de mujeres” (ABC, 4/7/1933). Co comezo da Guerra Civil déixase de ter constancia do seu traballo xornalístico.
Concepción Castroviejo Blanco-Cicerón
Santiago de Compostela, 1913 — Madrid, 1955
Filla do catedrático Armando Castroviejo, Concha Castroviejo estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1939 exilouse a México e dez anos despois volveu para Compostela. Aquí comezou a súa carreira xornalística en La Noche entre 1951 e 1953, onde publica entrevistas, reportaxes, crónicas e incluso contos infantís.
Asinou tamén co pseudónimo Asela, que se fixo moi popular. Nesta época ingresou na Asociación da Prensa de Santiago. Estudou na Escola Oficial de Periodismo e tras titularse, estableceuse en Madrid, pasando a incorporarse á redacción do diario Informaciones entre 1953 e 1958.
Tamén publicou en Blanco y Negro e en Hoja del Lunes, onde tiveron sona as súas crónicas literarias. Tamén atopamos a súa sinatura en Mundo Hispánico, ABC, La Estafeta Literaria, Ínsula, Revista de Occidente ou Nueva Estafeta. A última parte da súa etapa xornalística desenvolveuna como redactora na Axencia EFE entre 1970 e 1974.
Hortensia Blanch
A Habana, 1914 — México D.F., 2004
De pai catalán e nai galega, estivo algúns anos en Vilalba, a vila de orixe materna, se ben en 1926 regresou a Cuba. Foi coñecida como Silvia Mistral. Destacaron as súas colaboracións xornalísticas, que comezan nos suplementos literarios dos xornais Las Noticias e El Día Gráfico, para continuar como crítica cinematográfica nas revistas Popular Film, Films Selectos e Proyector. En xullo de 1936 asumiu a publicidade da Paramount, que tamén dirixira a xornalista galega María Luz Morales, e mantivo colaboracións coa revista Umbral. Escribiu crónicas de guerra en La Vanguardia, para despois exiliarse a Francia e máis tarde, a México, ao rematar a guerra. Publicou por entregas na revista mexicana Hoy o relato dos seus últimos días en Barcelona e os campos de refuxiados en Francia, que despois foron recollidos no seu libro Éxodo. Diario de una refugiada española.
Isabel Cajide Pérez-Moure
Lugo, 1922 — ¿?
De Isabel Cajide, escritora e xornalista, téñense escasos datos biográficos e incluso non puidemos atopar a súa data de falecemento. Estudou Xornalismo en Madrid e doutorouse en Filosofía e Letras, vinculada ao réxime franquista. Durante varios anos foi responsable do “Suplemento Informativo Infantil” da revista Bazar, unha publicación da Sección Feminina; foi tamén redactora xefa de Teresa (1954) e redactora de Consigna (1957), que se dirixían ás mestras. Así mesmo, colaborou no diario Arriba e escribiu sobre moda e muller na Prensa do Movemento, a través da Agencia Pyresa.
Nos anos 60, orientou o seu traballo cara ás publicacións culturais, fundando en 1964 a revista quincenal Artes xunto con Belén Landáburu, da que foi directora durante dez anos e que foi unha referencia da arte contemporánea ata o seu peche en 1974.
Ademais, tamén dirixiu a revista do Patronato Nacional de Museos Bellas Artes. Foi redactora xefa de Diario Femenino e do Catálogo de Arco, a feira internacional de arte contemporánea española, na edición de 1990.
María Victoria Fernández-España Fernández-Latorre
A Coruña, 1925 — Madrid, 1999
Naceu na sede de La Voz de Galicia, a carón da Porta Real da Coruña, xa que era neta de Juan Fernández Latorre, o fundador do xornal. Estudou Xornalismo na Escola Oficial de Madrid, onde se titulou en 1949, tempo no que enviaba crónicas desde a capital para publicar no xornal da familia, no que escribiu ata 1994.
Colaborou co xornal compostelán La Noche entre 1949 e 1950. Casou co xornalista Felipe Fernández Armesto, coñecido como Augusto Assía, con quen marchou a Alemaña e aos Estados Unidos, onde el era correspondente para La Vanguardia. Comezou a asinar como María Victoria Armesto e exerceu como correspondente para La Voz de Galicia en Nova York (1950-1955) e en Bonn (1955-1966). Tamén colaborou en El Pueblo Gallego, El Español, Semana e Mundo Deportivo. En 1966 regresou a Galicia e comprou unha vivenda en Mesía, a Casa Grande de Xanceda, onde o matrimonio fundou unha granxa de vacún que na actualidade é unha recoñecida marca ecolóxica de produtos lácteos.
A carreira de xornalista viuse interrompida pola súa actividade na política, xa que foi deputada de Alianza Popular entre 1977 e 1986, aínda que mantivo unha sección, “Cuadernos de un diputado” entre 1978 e 1982 no xornal galego na que escribe crónicas parlamentarias.
Xohana Torres Fernández
Santiago de Compostela, 1931 — Vigo, 2017
Moi coñecida pola súa carreira literaria, máis cómpre destacar tamén o seu vínculo coa radio. En 1956 dirixe na radio en Ferrol un programa dirixido ás mulleres, Teresa. Despois, en 1963 dirixe o primeiro programa integramente en lingua galega, co título Raíz e Tempo, na emisora La Voz de Vigo e que durou ata 1975.
OUTRAS COLABORADORAS
Hai unha nómina importante de mulleres que non chegaron a exercer o xornalismo de xeito habitual, pero que si foron sinaturas máis ou menos frecuentes nos medios impresos. A partir de mediados do século XIX increméntanse o número de publicacións impresas, con xornais, revistas, semanarios… nos que podemos ver máis sinaturas femininas.
Moitas poetas do romanticismo publican os seus primeiros versos neste tipo de publicacións periódicas que despois lles abren as portas, nalgúns casos, a publicar os seus propios poemarios. As temáticas son, de novo, as que se consideraban apropiadas para ser femininas: a natureza, o amor, o sentimento relixioso e moral… Un romanticismo que enxalza trazos como a sensibilidade, as paixóns ou a irracionalidade, que se aliñaban cos estereotipos femininos.
Virgina Felicia Auber
A Coruña, 1821 — Madrid,1897
Colabora con frecuencia en xornais e revistas cubanos (La Gaceta de La Habana, Diario de la Marina), a onde emigra en 1833. Tamén publicaba dous artigos mensuais en Álbum de lo Bueno y lo Bello, un xornal quincenal cubano fundado por Gertrudis Gómez de Avellaneda, no que estaba a cargo da Revista de Modas. Podemos atopar a súa sinatura en medios galegos, como Galicia, Revista Universal de este Reino, onde publicaba artigos e breves ensaios, nos que se apreciaba a súa reivindicación en materia de dereitos para as mulleres. De feito, adoitaba dirixirse de xeito directo ás súas lectoras, pode que coa crenza de que elas fosen as únicas que a lían. Ademais, é moi popular polos seus folletíns, novelas por entregas que se publicaban nos xornais, como por exemplo “Ramillete Habanero” que publicaba semanalmente no Diario de La Habana e que continúa despois no xornal de maior tirada da cidade, Diario de la Marina, entre outros títulos. En 1873 volveu a Europa, vivindo en Milán e París, onde mantén a colaboración co citado xornal cubano cunha sección titulada “Cartas Íntimas”.
Filomena Dato Muruais
Ourense, 1856 — Sada, 1926
Máis coñecida é a súa faceta como poeta, na que a situación da muller era protagonista. Comeza a colaborar en publicacións galegas (El Heraldo Gallego, La Patria Gallega, A Monteira, Galicia Recreativa), e noutras do resto do Estado como La Ilustración, El Oriente de Asturias, El Correo de la Moda, Flores y Perlas, El Amigo del Hogar ou Barcelona Cómica. Tamén podemos atopar a súa sinatura en medios do exilio galego na Habana, como El Eco de Galicia, Follas Novas e Galicia.
Mantivo unha grande amizade con mulleres vinculadas ao xornalismo, como Sofía Casanova ou Emilia Pardo Bazán. Na poesía foi moi innovadora, pola visión feminista tamén pola admiración ás clases populares polas súas dificultades. En Follatos, a súa obra de máis sona e a única escrita en galego, desmonta os estereotipos de xénero nos seus versos e contradí a orde social vixente, con moita valentía naquela altura, con afirmacións como estas: “Os que negan á muller/ intelixencia e talento / a mellor contestación / cicais que fose o desprecio” (1891).
Margarita Astray Reguera
Ourense, 1885 — Madrid, 1936
Atopámola en certos medios de comunicación que tiñan moita relevancia naquela altura, como a revista madrileña La Tribuna (onde chegou a ser redactora), a neoyorkina Pictorial Review ou Ideales (revista de Madrid que chegou a dirixir nunha breve etapa). En 1922, o xornal vigués Galicia publica o seu artigo “Impresiones”, unha lembranza nostálxica da Galicia de cando era nena.
Hipólita Muíño Lago
Ferrol, 18?? — 1917
Máis coñecida co pseudónimo Valentina Lago-Valladares, colaborou en Almanaque de Ferrol, Revista Gallega, El Correo Gallego e tamén podemos atopar a súa sinatura de xeito ocasional en El Correo de la Moda, El Regional, El Faro de Ferrol, Almanaque Gallego, El Eco de Galicia ou Vida Gallega.
Francisca Herrera Garrido
A Coruña, 1869 — 1950
Foi a primeira muller que participou na revista Nós e a única que o fixo máis dunha vez. En 1921 publicou o ensaio “A muller galega”, e despois publicou unha novela curta e un poema. Tras a guerra, abrazou a causa franquista e as súas publicacións en prensa pasaron a ser en verso, en castelán e para enxalzar o réxime.
Elvira Novo García
Ferrol, 18?? — 1931…
Estivo moi ligada a Concepción Arenal. Colaborou en xornais e revistas de primeiros de século nos que publica artigos sobre a xurista, outros sobre a actualidade do momento, preocupada pola cultura do país e en defensa da educación.
Blanca Calvo Moraza
? — Ourense, 1939
Foi mestra e publicou colaboracións en publicacións como La Región, La Libertad, El Compostelano, El Eco de Santiago e Vallibria. No xornal Galicia tamén atopamos artigos de Calvo Moraza, así como en El Heraldo ou El Compostelano.
Avelina Valladares
A Estrada, 1825 — 1902
Máis popular é a súa faceta como poeta, pero escribiu uns artigos que se sitúan na denuncia social ou abordan temas prácticos, como os cultivos, que na actualidade enmarcaríamos como artigos de opinión.
Corona González Estévez
A Rúa, ? — Río de Xaneiro, 1963
Atopamos as súas colaboracións no semanario A Nosa Terra e na revista Céltiga, na segunda metade dos anos vinte do século pasado. A emigración e a educación das mulleres foron temáticas habituais dos seus artigos.
Podemos citar algunhas escritoras que publicaron colaboracións literarias en xornais e revistas ao longo do século XIX ou primeiros do XX, como Elvira Luna del Castillo, Eduarda Feijóo de Mendoza, Elisa Lestache, Constanza Verea e Núñez, Francisca González Garrido (Fanny Garrido), Camelia Cociña Riveira, Narcisa Pérez Reoyo, Joaquina Ruiz de Mendoza, ou a propia Rosalía de Castro, entre outras.
Da época da República, tamén identificamos a mulleres que foron colaboradoras en semanarios ou revistas políticas, como Manuela Teresa del Río (La Lucha), Carmen Parada (La Hora), Josefina Eiras Rey (Solidaridad); María Luísa Castro, Dolores López, Sebastiana Vitales e Laura López (Solidaridad Obrera); Amalia Vergara (El Obrero de Ferrol), ou Mercedes do Campo e Carmen Lobeiras Pantín (A Nosa Terra). (4)
***
A irrupción da ditadura franquista supuxo unha brusca freada e un retroceso profundo nos dereitos conquistados polas mulleres. Outra vez, foron relegadas ao espazo privado e cun forte control dos valores e da moral a través da poderosa Igrexa Católica. O novo ordenamento xurídico trouxo consigo o retorno das mulleres aos seus papeis tradicionais, nos que o xornalismo adquiriu a condición dun eido coutado, e a súa misión era o coidado do fogar. Unha conculcación de dereitos que tamén afectaron á prensa e a liberdade de expresión, o que provocou corenta anos de atraso que, abrindo a mirada ao decorrer de Europa, evidencia o impacto negativo que tivo tamén no desenvolvemento profesional das xornalistas.
Coa chegada da democracia, ábrense novas oportunidades, mais temos a ocasión de escoitar esa crónica da voz das súas propias protagonistas. Nas páxinas que seguen, temos por diante unha serie de entrevistas con xornalistas galegas que construíron esta profesión desde os anos setenta ata hoxe, e que relatan en primeira persoa como chegaron ao oficio, como viviron esta época.
Ao convidalas a formar parte deste libro, percibimos a sorpresa e a incredulidade, ignorando que son protagonistas dunha historia que debe situalas no lugar que merecen. Son xenerosas e comparten os nomes doutras compañeiras que deberan figurar neste volume, que adoece dos mesmos males que o propio xornalismo: un espazo limitado e un prazo que apremia. Pero afrontámolo coa intención de que este libro sexa un “primeiro número” que nos permita incorporar a voz de máis compañeiras que queremos e debemos escoitar.
Ás que están, grazas pola súa xenerosidade compartindo o seu tempo e a súa experiencia. E as que non están, forman parte tamén deste relato colectivo. Porque se algo queda claro, é que este percorrido foi en común, incluso sen sabelo, entre compañeiras que puxeron os alicerces para que as futuras xeracións tiveramos un camiño moito máis cómodo e aberto que transitar.
ELIANA MARTÍNS
(1) “La formación de capital humano en Galicia (1860-1900): alfabetización y atraso económico”. Blanca Martínez Domínguez Revista Galega de Economía, vol. 12, núm. 1 (2003), pp. 1-22 ISSN 1132-2799
(2) Ler e escribir en Galicia: A alfabetización dos galegos e das galegas nos séculos XIX e XX. Narciso de Gabriel - A Coruña : Universidade da Coruña 2006 - 405 p. - Monografías; 117.
(3) De Gabriel, N. (2013). El proceso de alfabetización en Galicia: un intento de explicación y comprensión. Historia De La Educación, 32, 289–313. Recuperado a partir de https://revistas.usal.es/tres/index.php/0212-0267/article/view/11294
(4) Mulleres e Memoria Histórica, Aurora Marco, Consello da Cultura Galega, 2008. DOI:10.17075/doc.2008.82907
Este proxecto recibiu o VI Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola igualdade 2024 da Deputación da Coruña
