Arrinca a formación a xornalistas en materia de xénero e prevención da violencia machista

Isabel Menéndez nun momento da sesión de formación

Santiago de Compostela acolleu este sábado a primeira sesión da formación en materia de igualdade e tratamento da violencia de xénero do CPXG, dirixida a xornalistas que posteriormente van trasladar estes necesarios coñecementos ás distintas redaccións galegas. A primeira xornada da actividade centrouse en conceptos básicos para abordar a violencia machista, ainda que tamén se produciron debates sobre o tratamento de casos reais nos medios e as alternativas aos xeitos inadecuados de cubrilos. 

Este sábado 13 de novembro tivo lugar no Centro Cultural Abanca de Santiago de Compostela a primeira xornada da formación a formación en materia de igualdade e prevención e tratamento da violencia de xénero dirixido a profesionais dos medios de comunicación, dentro do convenio asinado o mes pasado entre a Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Secretaría de Igualdade, e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. A achega que fai a Consellaría a esta formación está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade. Na primeira fase da iniciativa, que se puxo en marcha o sábado, unha ducia de profesionais da comunicación da nosa comunidade recibirán formación da man de María Isabel Menéndez Menéndez, profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Burgos, de cara a trasladar posteriormente como formadoras estes coñecementos aos distintos medios galegos.

A primeira sesión estivo centrada nos principais conceptos básicos que é preciso ter claros para explicar dunha maneira práctica como abordar a violencia de xénero nos medios de comunicación. A profesora Isabel Menéndez salientou que un dos principais problemas na actualidade é o tratamento da violencia sexual, que tamén é violencia machista, así como a necesidade de ter sempre presente a responsabilidade social dos medios de comunicación. Lembrou tamén de cara ao tratamento destas temáticas que "a emoción é importante, pero por si soa non é xornalismo: é espectáculo". Aínda que esta primeira xornada tiña un contido máis teórico, xa se produciron debates entre as persoas participantes, repasando o tratamento de casos reais nos medios galegos e aprendendo a buscar recursos e alternativas a coberturas inapropiadas. 

As xornadas de ensino das futuras persoas formadoras do conxunto de xornalistas de Galicia continuarán ao longo dos meses de novembro e decembro, combinando a formación presencial coa online. A acción formativa posta en marcha polo Colexio de Xornalistas pretende achegar ás redaccións coñecementos e ferramentas prácticas solucionar as eivas detectadas no tratamento destas temáticas e introducir na profesión unha perspectiva de xénero que axude a eliminar as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres. A loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das principais preocupacións do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, á que ten dedicado numerosos esforzos desde a Declaración de Compostela

CPXG