Arias, Rodil e Méndez presentaron os proxectos dos seus partidos para Lugo nun debate enfrontado pola valoración do papel da Xunta
A Asociación de Prensa de Lugo, en colaboración co Colexio de Xornalistas, organizou este mércores 14 de febreiro no salón de actos da Deputación de Lugo o debate electoral entre Javier Arias, Olalla Rodil e Lara Méndez como representantes por esa circunscripción. As candidatas e o candidato expuxeron as súas propostas en materia de sanidade, servizos sociais, educación, vivenda, industria ou sector primario nun acto que marcou unha fonda división sobre a valoración do goberno da Xunta.
O salón de actos do Pazo da Deputación de Lugo acolleu onte o debate electoral, organizado pola Asociación de Prensa de Lugo coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, entre representantes por esa circunscripción dos tres partidos que actualmente contan con escanos no Parlamento de Galicia. Javier Arias (Partido Popular), Olalla Rodil (Bloque Nacionalista Galego) e Lara Méndez (Partido dos Socialistas de Galicia) expuxeron, baixo a moderación do xornalista Arseino Coto, as súas propostas para a provincia. A discusión estivo marcada pola confrontación de dúas lecturas sobre a situación actual de Galicia: a defendida por Arias, que enxalzou a actuación do goberno da Xunta os últimos 15 anos, e a de Rodil e Méndez, moi crítica co Partido Popular e esperanzada nun cambio politico. O acto puido ser tamén seguido en streaming e continúa dispoñíbel na rede o vídeo íntegro do mesmo.
O debate estruturouse arredor de nove preguntas, nos que as candidatas e o candidato puideron ofrecer os seus puntos de vista sobre outros tantos asuntos centrais para a poboación luguesa: falta de facultativos sanitarios, atención ao envellecemento e modelo de residencias, exclusión financeira e dixital das persoas maiores, rede de escolas infantís, deseño educativo do rural, formación profesional e universitaria para o mercado laboral, vivenda, industria e sector primario.
Javier Arias reivindicou o traballo realizado polo Partido Popular, destacando que "debemos estar moi orgullosos" da actuación en asuntos como a sanidade, a educación ou a industria, onde asegurou que "grazas á xestión do PP, somos líderes no sector lácteo". Puxo en valor actuacións como a construción das residencias de Baleira e Paradela, o programa de casas niño, a tarxeta benvida, o plan dixital 2030, o bono autónomo ou o bono oportunidade, e prometeu un bono coidado no fogar acompañado dun complemento para financiar o centro residencial ou continuar a ampliar o polígono industrial das Gándaras, asegurando que a "Galicia negra que se pinta non ten nada que ver coa realidade".
Moi distinta foi a lectura de Olalla Rodil, que asegurou que o primeiro necesario é que "a Xunta faga o seu traballo" en cuestións como o recoñecemento da dependencia, o fomento do transporte público no rural ou a realización dunha mellor zonificación para que non pechen escolas. e asegurou que todas as persoas, tamén as do rural, teñen dereito aos servizos, "non nolos regala ningunha administración". A candidata comprometeuse a que a primeira medida do BNG será un plan de choque de 200 millóns de euros para a sanidade, seguida de outras como a creación dun Consello de Persoas Maiores, financiamento basal para o Campus Terra, a intervención pública de Alcoa ou o fomento da industria de transformación en sectores estratéxicos como o madeireiro ou o lácteo.
Lara Méndez foi tamén moi crítica coa xestión popular, chegando a afirmar que "a Xunta goberna a base de bonos e chequeiras e iso non transforma a realidade" e salientando o "deterioro" da sanidade pública, a "mala xestión" das residencias de maiores, a falta de oportunidades laborais e servizos ou o peche da actividade de Vestas. En oposición a isto, defendeu algunhas medidas postas en marcha co seu partido, como o modelo de residencias en función da renda posto en marcha por José Ramón Gómez Besteiro cando foi presidente da Deputación de Lugo, a suba das pensións ou a introdución na axenda política da dependencia impulsada polos socialistas no goberno central ou o financiamento dos comedores escolares do Concello de Lugo.
Os maiores enfrontamentos entre os candidatos producíronse en cuestión de educación, vivenda e industria. Méndez e Rodil acusaron á Xunta de fechar 137 escolas rurais nos últimos quince anos mentres o candidato popular discutía esas cifras e aseguraba que "nunca se pecharon tantas escolas como no bipartito". No relativo ao ensino universitario, as candidatas do BNG e PSdG insistiron en que o Campus Terra está ameazado polo Decreto Lei 222/2011, que esixe 45 persoas matriculadas para o mantemento das titulacións, e esixironlle a Arias que se comprometese á súa derogación, ao que el contestou que "ese decreto non se vai aplicar". En materia de vivenda, o popular defendeu que se están a redactar os proxectos de construción de 146 vivendas no Garabolo, ao que Rodil lle apuxo que esas parcelas foran xa adquiridas polo BNG desde a Concellaria de Vicenda antes do 2009 e Méndez lembrou que nos últimos anos a Xunta non fixo ningunha vivenda pública de obra nova en Lugo. Por último, en industria, Arias botou en cara ás outras candidatas non apoiar a implantación de Altri en Palas de Rei, ao que elas responderon asegurando que non se coñece aínda o proxecto senón que "só sabemos o que vén nas notas de prensa do PP".
No minuto final, Méndez chamou a "recuperar a ilusión e o cambio na transformación do país" e salientou que Besteiro é "o único candidato de Lugo que se presenta por Lugo". Rodil, pola súa banda, dirixiuse ás persoas indecisas que defendan a sanidade pública ou a igualdade e pediulles coller a papeleta nacionalista para "facer historia coa primeira presidenta do país". Finalmente, Arias pediu o voto "coa seriedade do traballo ben feito" e para que Galicia continúa a funcionar "coa mesma unidade, a mesma forza, a mesma ilusión e a mesma estabilidade".
CPXG