Aprobada definitivamente a Lei europea de Servizos Dixitais

O Consello Europeo deu este martes o visto e prace á Lei de Servizos Dixitais, o último paso preciso para a aprobación da nova normativa europea que regulará os contidos das plataformas dixitais. A lei, que entrará en vigor no 2024, obriga ás empresas de servizos dixitais, especialmente a aquelas con máis de 45 millóns de usuarios na UE, a eliminar contidos ilegais, introducir estratexias para frear as campañas de desinformación e render contas sobre os algoritmos e modelos de negocio.

A Lei de Servizos Dixitais europea acadou este martes 4 de outubro o visto e prace do Consello Europeo, integrado polos máximos líderes políticos dos estados membros da UE. Este era o último trámite que precisaba a nova normativa, logo de que o pasado mes de xullo fora aprobada no seo do Parlamento Europeo. O regulamento publicarase no Diario Oficial da Unión Europea o 13 de outubro, aínda que non se comezará a aplicar até quince meses despois, xa no 2024, para dar tempo ás compañías para se adaptaren á nova lei.

Os obxectivos da nova lei buscan construír unha contorna dixital máis segura e responsábel, protexendo os dereitos fundamentais dos consumidores e consumidoras, estabelecendo un marco de transparencia e rendición de contas para as plataformas online. e impulsando a innovación o crecemento e a competitividade. Para iso, a norma obrigará ás plataformas a eliminar os contidos ilegais, contemplando se non o fan a posibilidade de impór multas de até o 6% da facturación anual desas empresas. Estarán tamén obrigadas a introducir novas estratexias para tentar frear as campañas de desinformación e a render contas sobre os seus algoritmos e modelos de negocio.

A lei está dirixida a todas as compañías de servizos dixitais, aínda que os requisitos son máis elevados para aquelas que teñan máis de 45 millóns de usuarios dentro da Unión Europea, como poden ser Google, Amazon, Facebook ou Apple. A norma forma parte do paquete sobre servizos dixitais, no que tamén está incluída a xa aprobada Lei de Mercados Dixitais.

CPXG