AP introduce no libro de estilo normas sobre a intelixencia artificial

Associated Press vén de modificar o seu libro de estilo para regular o uso da intelixencia artificial nas redaccións e estabelecer directrices sobre a cobertura de informacións relacionadas con esta tecnoloxía. A axencia realiza esta actualización do manual poucas semanas despois de asinar un acordo con OpenAI no que lle dá acceso ao arquivo para adestrar os seus algoritmos.  

A intelixencia artificial (IA) vai abríndose paso na sociedade e xerando novos retos e debates sobre a súa utilización. No caso do xornalismo, a intelixencia artificial pode supór unha ferramenta poderosa para determinadas tarefas, que xa está a ser implementada en numerosos medios, pero o seu uso xera tamén dúbidas deontolóxicas ou mesmo legais que é preciso atallar. 

Na procura de solucións para algunhas destas dúbidas, a axencia de noticias Associated Press vén de modificar recentemente o seu libro de estilo, de cara a regular nas súas redaccións o uso de ferramentas de intelixencia artificial xenerativa, ao tempo que estabelece directrices para tratar temas que xiren arredor deste tipo de tecnoloxías.

En concreto, a guía inclúe tres novos apartados: Inteligencia artificial xenerativa (que aclara o concepto e aconsella considerar a tendencia dos modelos a xerar respostas imprecisas), Datos de adestramento (explicación do termo e asesoramento para considerar a información específica que poden conter) e Nesgo algorítmico (que describe os impactos negativos das ferramentas de IA baseadas en grandes conxuntos de datos con nesgos históricos ou de selección).

O manual aconsella explicar como funcionan estes sistemas, onde se implementan, se están regulados e quen se beneficia do seu uso. Inclúe tamén enfoques informativos suxeridos para a cobertura da IA e os seus efectos, así como trampas comúns a evitar. Ademais, as novas normas prohíben expresamente alterar elementos en fotografías, vídeos ou audios, aínda que estes se poden utilizar, claramente identificados, no caso de que unha obra xerada por IA sexa o tema central da noticia. Finalmente, a guía chama aos e ás xornalistas a exercer todas as normas de cautela e escepticismo ao tratar con contidos xerados por IA, incluíndo a verificación da fonte orixinal.

Associated Press introduciu estas novas normas no seu libro de estilo só unhas semanas despois de asinar un acordo con OpenAI, polo cal esta empresa de intelixencia artificial terá acceso ao arquivo da axencia para adestrar os seus algoritmos, mentres que Associated Press se beneficiará dos avances en tecnoloxía que forneza OpenAI.

CPXG