Ana Isabel Rodríguez Vázquez, nova decana de Comunicación da USC

A profesora  Ana Isabel Rodríguez Vázquez foi elixida por unanimidade como nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O Colexio de Xornalistas dálle os parabéns polo nomeamento e agradece ao decano saínte, Xosé Ramón Pousa Estévez, a colaboración nos últimos anos. 

Nas eleccións celebradas o pasado 12 de maio, a profesora  Ana Isabel Rodríguez Vázquez foi escollida como nova decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co 100% dos votos emitidos. Rodríguez Vázquez, que xa fora secretaria da Dirección do Departamento de Ciencias da Comunicación entre 2008 e 2020 e secretaria académica da Facultade dende o 5 de outubro de 2020, substitúe agora ao decano saínte, Xosé Ramón Pousa Estévez.

Nada en Lugo en 1971, Ana Isabel Rodríguez Vázquez estudou Ciencias da Información na Universidade Complutense de Madrid e a Escola Universitaria San Pablo-CEU, e doutorouse en Xornalismo pola USC: En 1995 foi correspondente do Diario 16 de Galicia en Lugo e entre 1994 e 1998 dirixiu e presentou os informativos da Televisión Lugo. Ademais, foi coordinadora de contidos da Produtora Ophiusa, S.L. e directora xeral adxunta de Interdix Galicia, S.L., promotora do portal www.galiciadixital.com. Desde o ano 2003 é docente do Departamento de Ciencias da Comunicación da USC, e centra a súa traxectoria científica no tratamento informativo dos produtos comunicativos, nas novas rutinas produtivas e os perfís profesionais nos medios de información, así como no estudo das audiencias, a programación televisiva e a alfabetización dos públicos.

A nova decana afrontará no seu mandato a renovación das titulacións e a implementación dos novos plans de estudo, cunha aposta por “entender a calidade como a peza nuclear” dun centro que “quere ser recoñecido no contexto universitario e social”. Entre os desafíos para os próximos anos, Rodríguez destacou tamén o “reforzo da internacionalización”, a “modernización de infraestruturas" e a “consolidación e mellora das condicións laborais de PAS e PDI”.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere aproveitar a ocasión para dar os parabéns á nova decana,  Ana Isabel Rodríguez Vázquez, polo seu nomeamento, e desexarlle a mellor das sortes nos retos que ten que afrontar a facultade. Así mesmo, agradece ao decano saínte, Xosé Ramón Pousa Estévez, a colaboración co Colexio durante os anos do seu mandato. 

CPXG