Algunhas recomendacións para o tratamento informativo dos incendios

Coa chegada das altas temperaturas a Galicia aumenta, como cada ano, o risco elevado de sufrir unha epidemia lumes forestais. En previsión desta situación, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere lembrar algunhas recomendacións para as e os xornalistas que teñan que cubrir información relacionada cos incendios, así como amplialas con novas suxestións e consellos. 

En primeiro lugar, para situacións de emerxencias como as que poden vivirse no caso dos incendios máis graves, o Colexio de Xornalistas ten a disposición dos e das profesionais da comunicación dúas ferramentas de utilidade: a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas e o Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe. Entre as recomendacións destes dous documentos, hai dúas que son especialmente relevantes no caso dos lumes: a obriga de usar con especial coidado o material gravado por terceiros, que debe ser sempre contrastado e editado para evitar a emisión de imaxes innecesarias ou espectacularizantes, e a necesidade de evitar a precipitación á hora de atribuír responsabilidades.

Por outra banda, como xa fixemos nalgunha outra ocasión, lembramos a importancia de que as e os profesionais que informen sobre os lumes tomen medidas para preservar a súa propia seguridade, protexéndose con máscaras (ou, no caso de non ter, cun pano mollado en auga), lentes semellantes ás dos esquiadores e un casco que teña entrada e saída de aire, así como levando auga en abundancia.  É recomendábel tamén identificarse ante os profesionais da extinción e a veciñanza cunha banda de cor butano no brazo e estar en contacto directo con algún grupo a través do móbil ou das redes sociais, así como ter coñecementos de primeiros auxilios sobre queimaduras. E, por suposto, non tomar riscos: analizar ben a situación, escoller zonas amplas e desbrozadas para informar, evitar conducir por estradas de monte ou estreitas, non bloquear os camiños e facer caso en todo momento aos equipos de extinción de incendios. Ante calquera emerxencia debe establecerse contacto co 085 ou o 112.

Ademais, desde o Colexio de Xornalistas quere insistirse na petición que xa se fixera hai uns anos á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para que a información sobre os distintos incendios producidos en Galicia se dea, ademais de a través de comunicados de prensa, mediante formatos de datos abertos e reutilizábeis, inseridos en series históricas completas. Deste xeito, as e os profesionais poderían analizar aqueles aspectos que consideren máis relevantes e realizar as súas informacións de maneira máis sinxela e libre, ademais de potenciar o xornalismo de datos, cada vez máis necesario na nosa sociedade. A cidadanía en xeral podería tamén beneficiarse da libre disposición deste tipo de datos, contribuíndo así ao aumento da transparencia da administración e a combater a desinformación e as alertas inxustificadas.  

Suxestións dun bombeiro

Recentemente, un bombeiro comunicouse co Colexio de Xornalistas por correo electrónico para trasladar a súa visión sobre o tratamento das emerxencias en Galicia e realizar algunhas suxestións. Na súa misiva, aseguraba que "son moi frecuentes novas acerca do sistema de emerxencias coa única información de canais oficiais da Xunta" e sen dar "detalles que poidan dar a imaxe real de precariedade", aínda que recoñecía a existencia tamén de informacións ben realizadas. Por todo iso, instaba aos e ás xornalistas a contactar cos colectivos de traballadores e coas vítimas dos incendios e evitar repetir expresións pouco específicas como "dotacións de bombeiros", contextualizándoas con cifras exactas de efectivos ou coas condicións laborais ou materiais dos mesmos.

Sobre a redacción das noticias de sinistros, o profesional destacaba que "hai moitos erros nas expresións que se empregan", aínda que recoñecendo que desde o colectivo da extinción de incendios "non nos explicamos nada ben, pero moitas veces cunha chamada pódese mellorar moito o xeito de contar as cousas". Por último, o bombeiro solicitaba rachar co tratamento "épico" e "testosterónico" e tentar abordar novas temáticas para dar unha imaxe máis completa da situación, como a falta de presenza da muller nos servizos de extinción dos lumes: "É unha anomalía que provoca non so unha situación de grande inxustiza se non tamén unha eiva na calidade do servizo"

CPXG